a
Pola presente comunicación querémosvos convidar formalmente a participar do Convivio da Cultura Galega que terá lugar o sábado 12 de xullo durante todo o día en Outeiro de Rei da Terra Chá.
Organizado inicialmente desde a Fundación Manuel María de Estudos Galegos, a Federación Galiza Cultura e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, coa colaboración da área de Cultura da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, o Convivio nace como un espazo de encontro, de amizade e de intercambio absolutamente aberto á participación de todo o asociacionismo de base que hoxe fai, cada quen ao seu xeito e desde as súas coordinadas, cultura galega desde nós, por nós e para nós.
Eis o que queremos que sexa esta xornada que vos propomos: un encontro onde poidamos coñecernos vernos, falar, compartir experiencias…gozando ao mesmo tempo dalgunhas das máis significativas paisaxes que conforman o espazo físico orixinario do noso poeta nacional Manuel María, a súa Tribo.
Manuel María é, non por acaso, o fío condutor desta proposta: para alén da súa magnífica e polifacética dimensión literaria, o Manuel gastou, literalmente, “o seu corpo nos camiños” como incansábel activista cultural, como construtor imprescindíbel do primeiro asociacionismo cultural galego nacido aínda na clandestinidade obrigada do franquismo. Escoller Outeiro de Rei, o lugar que hoxe acolle a Casa-Museo que alberga todo o seu legado e proxecta a súa vida, obra e pensamento a todo o noso pobo, quere ser tamén unha forma de homenaxearmos a quen tanto debemos.
Achegamos a seguir (tamén no arquivo que se anexa) información sobre a estrutura da xornada, que agardamos sexa do voso interese. É probábel que surxa aínda algunha iniciativa máis, da que informaremos cumpridamente. Pedímosvos ás asociacións que teñades especial conta do encontro da tarde: gustaríamos que asistise unha representación o máis ampla posíbel e que de aí puidesen surxir novas redes de intercambio, colaboración e mutuo coñecemento.
PROGRAMA DO CONVIVIO DA CULTURA GALEGA. Sábado, 12 de xullo, Outeiro de Rei.
10:45 As Bandas de Música de Solfa, Rábade e Begonte recíbennos na praza do concello.
11:00 Palabras de benvida da organización no Auditorio Manuel María.
11:15 Actuación do grupo de teatro da A. C. Medúlio de Ferrol.
11:30 Breve presentación da Casa Museo Manuel María e visita guiada (por grupos). Simultaneamente, proxección de audiovisuais.
12:30 Saída para a carballeira de Sta. Isabel con parada no cemiterio de Outeiro para realizar unha ofrenda a Manuel María. Na carballeira, actuación da Banda de Música de Rábade e Begonte, dirixida por Armando Morales; a Coral e Banda de música de Solfa dirixidas por Francisco Tobar e Fernando Rey, intercalándose con outras manifestacións culturais.
14:00 Xantar demorado para dar tempo a cantar, bailar e conversar (vós traedes a comida e nós poñemos as mesas e cadeiras).
17:45 Para a xente máis miúda: contacontos a cargo de Fabaloba: “O neno e a estrela” (sobre Díaz Castro)
Para o resto: música, xogos, paseo á beira do Miño…
18:45 Actuación musical de peche: Pepe Vaamonde Grupo.
* As directivas das asociacións (e quen quixer…) reuniranse ás 17h para intercambiar experiencias e articular fórmulas de colaboración.
** As asociacións poden levar os seus materiais para mostra e/ou venda (disporán de mesa)
Sobre isto último, os colectivos que teñades interese en aproveitardes esta opción e expor ou vender os vosos materiais comunicádenolo para así termos unha previsión de cantas mesas precisamos colocar. Tamén vos agradecemos que nos indiquedes previsión de xente que quererá acudir ao xantar (para facer previsión do espazo necesario).
Agradecemos toda a difusión posíbel entre os vosos contactos. En Facebook creamos un evento desde o que podedes convidar libremente a todos os vosos contactos e compartir nos vosos perfís: https://www.facebook.com/events/259922790867047/?source=1
Ficando ao voso dispor, recibide unha moi cordial aperta
Teléfono de contacto: 698 177 621 (Fran) | [email protected]
Deixa unha resposta