Os participantes diante de Igrexa de San Xoán de Portomarín |
Neste sábado que, en principio, non animaba moito, fóronse abrindo claros e quedando un día agradable. A xornada transcorreu como estaba planificada, chegando a Portomarín arredor das 10:00 h., seguidamente achegámonos ata o Concello onde fomos recibidos polo Sr. Alcalde, Juan Serrano e Exalcalde, D. Eloi Rodríguez, que nos agasallaron coa parva e intercambiamos de agasallos, libros e outros detalles, grazas aos dous polos obsequios.
De Portomarín achegámonos ata o Castro de Castromaior que está a uns oito quilómetros en dirección a terras de Monterroso que, segundo iamos subindo puidemos ver a cantidade de peregrinos que ían para Santiago. Disto, da importancia e cantidade de peregrinos e do vello Portomarín xa nos falara D. Eloi Rodríguez antes de saír. Este impresionante castro que, a maioría descoñeciamos que fora tan grande e importante. É un castro que presenta polo menos dous momentos de ocupación nos que se concentran as mostras, un entre o século VI – II a. C. e outro entre os séculos II a. C. e o cambio de era. Unha etapa da ocupación coincide coa idade de ferro e a máis recente testemuña unha ocupación do poboado castrexo nos primeiros anos do século I d.C., en contacto co mundo romano.
Na intervención arqueolóxica de 2006 pretendíase ter unha aproximación das características xerais do castro, localización e relación coa súa paisaxe, achegamento ao seu encadre cronolóxico e histórico.
O castro foi obxecto dunha nova campaña en 2007 e en 2008 procedéndose nesta última data, a unha limpeza de vexetación e novas catas e excavacións.
Acompañáronnos na visita D. Xesús Mato e D. Eloi Rodriguez a quen agradecemos a súa amabilidade nas explicacións ao longo do día sobre varios aspectos, non só do castro, senón de toda esta zona de Portomarín.
Desde o castro baixamos ata Santa María Castromaior lugar, próximo ao castro onde visitamos a igrexa, e que está tamén no Camiño de Santiago, desde aquí achegámonos a Ferreiroá e desde aquí uns subimos ao Castro da Virxe, e outros seguiron camiñando ata Seixón. Baixando para Seixón hai unhas fermosas vistas sobre o encoro e onde supoñemos que estaba o vello lugar de Seixón.
Na aldea visitamos a adega da familia da nosa socia Lidia, que foi a que preparou e documentou esta viaxe, agradecemos o seu traballo e amabilidade desde aquí, a ela e a toda a súa familia.
Dende Seixón achegámonos a Portomarín para xantar.
Despois de xantar covidounos a café, D. Eloi Rodríguez, unha vez máis temos que agradecer a súa amabilidade e familiaridade, polas súas explicacións e anécdotas sobre o vello e o novo Portomarín.
Un pouco máis tarde, os que non viran a exposición de fotos do vello Portomarín, tiveron a oportunidade de facelo grazas á amabilidade do Sr. Pereira, a quen agradecemos a súa amabilidade. Un pouco máis tarde achegámonos á fermosa casa rural de Santa Mariña e, neste lugar rematou a xornada.
Achegaremos algunha foto e poderedes ver máis aspectos da historia de Portomarín no blog.
http://amigosdopatrimoniodecastroverde.blogspot.com/
Saúde, Terra e Lingua.
Manolo
VER FOTOGRAFÍAS:
https://picasaweb.google.com/amigosdopatrimoniodecastroverd/ROTEIROPORTOMARIN26042014?authuser=0&feat=directlink
Deixa unha resposta