Nesta ocasión o roteiro non foi tal, porque foi unha camiñada entre O Cádavo e Castro Verde. Saímos arredor das 10:00 h. para O Cádavo alí recollemos a camiseta co dorsal que correspondía a cada un dos participantes e, arredor das 11:45 h. comenzou a carreira e camiñada.
As asociacións Arcas de Sárria e Amigos do Patrimonio pechamos a marcha, realizando breves paradas na Cruz de Pedra na Vacariza, onde reivindicamos a necesidade de facer visible esta Cruz do ano 1866 e continuar reivindicando a traza histórica do Camiño.
A seguinte parada foi unha breve visita á Capela do Carme, para baixarmos a Vilabade e facer outra  breve visita a esta fermosa igrexa que, aínda que a maioría coñecía, para outros foi a primeira visita.
Desde Vilabade a Castro Verde con breve parada no albergue de peregrinos. Reivindicamos, desde aquí, que se arranxe o camiño que leva dereito ao albergue, parécenos un desleixo das diferentes administracións.
Remate da camiñada ao pé da Torre da Fortaleza, mágoa que no acto final non se tivera pensado en facer un acto reivindicativo deste monumento que podía consistir en organizar unha actuación musical e unha breve charla informativa reivindicativa para que dunha vez por todas, as administracións rehabiliten e poñan en valor este monumento. Fago unha chamada a todos e a todas desde aquí para que se realicen actos reivindicando que a Torre sexa un Ben de Interese Público.
Saúde, Terra e Lingua.
Manolo