A pa coa que se enterrou a Historia está á esquerda da foto, e só amosa a gadoupa…,
pola vergoña do crime!

Ten nome pero carece de lóxica, ¡ou si, segundo se mire! Aí tedes, aí temos, a DP 16 11, anoando Castroverde con Pol, no lugar do Mazo de Bascuas. ¿Danse unha aperta, cásanse, nese lugar sacrosanto, os dous concellos? ¡Máis cá iso, pois, de momento, é un sepulcro, o dunha vítima inocente: un mazo, pero a pouco que se descoiden os anxos, na dobre curva inmediata, na desas apertas, sobre unha ponte vella, a mesma do vello camiño veciñal, e por engado rodeada de árbores espesos, tal que as cortinas dun tálamo nupcial, dous ou tres, ¡ou catro!, autos, vanse dar unha chucha de campionato, desas que rematan na igrexa, pero non de voda, senón de funerais! Prefiro non retratala, a curva, quero dicir, a ver se así, pola curiosidade de vela, amosa por alí algún enxeñeiro virxe, e propón solucións, solucións católicas!

Xa non podo poñer de testemuña a José Seijas Domínguez, que me consta ofreceu daquela o seu prado contigo á ponte vella para que elevasen, ¡para que elevasen!, unha nova, ancha e de curva aberta, como pedían, e seguen pedindo as mentes lúcidas, pero fóisenos ao Ceo, o mes pasado. Se cadra foi mellor así pois agora, que está cerca do Creador, terá ocasión de pedirlle que sopre sentido común aos responsables da obra pública, para que se decaten, a tempo, de que este cruce do río Azúmara esta chamado a ser famoso, dramaticamente famoso pola, ben probable, traxedia, á que está chamada esa angostura.

Pola miña parte só podo facer isto: rezar para que tal se cumpra, para que tal se faga…, antes deses funerais tan previsibles, nos que teremos que volver a rezar, pero doutra maneira!

Xosé María Gómez Vilabella