Resumo Roteiro pola Parroquia de Santo André de Barredo: Vilaxurxo- Barredo-Pena Branca-Vilar dos Naraos-Barredo ata Soutomerille.
Neste sábado de comenzos de ano quixemos facer o derradeiro percorrido do Roteiro: Monte Cubeiro – Barredo e enlazar coa traza histórica do Camiño Primitivo.
Arredor das 10:00 h. saímos do lugar de Vilaxurxo, pasando por Barredo, subirmos a Pena Branca, ao subirmos levantouse, en poucos minutos unha néboa que ocultou todo o val e, mentres demos chegado a Pena Branca e cambiamos de dirección, incriblemente, a néboa desapareceu e puidemos ver, Vilar, Soutomerille, Vilaxurxo, Barredo, O Sabugueiro, Vilafrío, A Meda, só por citarmos algún lugares. Ao baixar de Pena Branca subimos camiño do Cruceiro e por detrás da Chousa de Varela baixamos a Vilar dos Naraos, desde este lugar, por debaixo da Torre voltamos a Barredo. En Barredo, unha vez máis, os que non visitaran a Queixería Santo André, propiedade do noso socio, Reixa, puideron visitala unha vez máis. Agradecemos desde aquí a amabilidade de Carlos e a súa familia para poder facer a visita. En Barredo remataría o Roteiro.
Desde Barredo por Tras Outeiro, fomos camiño das Varancas para achegármonos á Croa, Cemiterio, Casa Torre de Arriba, Casa Torre de Abaixo e Igrexa de Soutomerille.
Con esta visita quixemos amosar a posibilidade de unir, facilmente, uns roteiros con outros e; unha vez máis reinvindicarmos a traza histórica do Camiño Primitivo que, iría ata a igrexa de Soutomerille pola Corredoira do centenario castiñeiro, voltaría por diante do cemiterio e polo camiño das Varancas levaríanos camiño de Gondar e / ou Barredo e, non como delimitou oficialmente, pola estrada de Paderne-Gondar, a nosa Ilustre Consellería de Educación e Cultura que, tal traza imposta sen pisar o terreo, parécenos un insulto á intelixencia.
Saúde. Terra e Lingua.
Manolo Muñiz
Deixa unha resposta