Polo presente escrito formulamos ALEGACIÓNS á Resolución do Director Xeral de Patrimonio Cultural pola que se incoa o expediente de DELIMITACIÓN DO CAMIÑO PRIMITIVO DE SANTIAGO (DOG de 8 de agosto de 2011), atendendo aos seguintes antecedentes e fundamentacións:


1.  ANTECEDENTES
O Camiño de Santiago, patrimonio cultural galego e primeiro itinerario cultural europeo, conta cunha normativa legal de protección desde o ano 1996 en que se aprobou a Lei 3/1996, de Protección dos Camiños de Santiago. Esta Lei vincula a protección e recuperación das rutas históricas do Camiño á súa delimitación e deslinde.
Moitos anos despois, mantense unha itinerización do Camiño Primitivo que contén numerosos e graves erros na súa traza, segundo teñen posto de manifesto os expertos, institucións, colectivos e asociacións preocupados pola defensa da que é considerada a primeira vía de peregrinación a Compostela e, por tanto, a rota xacobea máis antiga do mundo. Tales deficiencias teñen propiciado ou permitido a ocupación e mesmo a destrución de importantes treitos históricos deste ben para o que se ten solicitado á UNESCO a súa declaración como Patrimonio Mundial.
O desleixo na oportuna delimitación oficial e a ausencia de medidas cautelares teñen impedido a protección legal desta calzada e do seu territorio histórico asociado, mesmo no que atinxe ás medidas cautelares nos planeamentos urbanísticos que o art. 32 da Lei de Patrimonio Cultural outorga á Consellaría de Cultura, nomeadamente ao se ter utilizado métodos e criterios que coidamos espurios na identificación e sinalización do camiño medieval e a súa evolución posterior.
No ano 2006, ao tempo que se poñía en funcionamento o Comité Asesor do Camiño de Santiago, imprescindíbel para acometer a delimitación do Camiño, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte elaborou un plan de actuacións para a delimitación e efectiva protección dos Camiños de Santiago, contratándose en 2007 os informes técnicos  relativos ao estudo da vía primitiva.
Feita pública a proposta oficial de delimitación, na definición do itinerario principal obsérvase claramente a primacía absoluta concedida a criterios de “consolidación” que simplemente obedecen ao uso de dito vieiro nos últimos tempos, mesmo por modernas estradas, e non ao criterio fundamental baseado na autenticidade histórica, motivo polo cal a traza histórica ou arqueolóxica adoita ficar desprotexida legalmente, mesmo chegando a considerar como irrecuperábeis non só as vías desaparecidas baixo unha infraestrutura, senón tamén as documentadas como camiños históricos dos que resta algún rastro, malia estaren intransitábeis (terreos dedicados a pastos, roturados, reforestados ou simplemente cercados), renunciándose expresamente na proposta á súa recuperación como rota de peregrinaxe e camiño de dominio público, tal e como recoñece a súa historia e pasado próximo, obviando a necesidade de sinalar e de estudar estas calzadas orixinarias en tanto que testemuños históricos e arqueolóxicos situados dentro do ámbito de delimitación do BIC, sendo obxecto de protección a través da normativa do Plan Especial, así como das cautelas oportunas en tanto dito plano non fose aprobado.
Este enfoque, coidamos que incumpre severamente a definición do Camiño de Santiago aprobada polo lexislador na vixente Lei 3/1996, na que se establece que o elemento esencial da determinación legal do Camiño é a súa historicidade, recoñecida documentalmente (art. 1.2. da mencionada lei, onde tamén se alude á súa autenticidade como esencial no proceso de delimitación contemplado nos seus artigos 5, 6 e 7, remitindo á potestade regulamentaria o procedemento de deslindamento, un procedemento que aínda que nunca fose executado pola administración galega, pode ser supletoriamente substituído, no que proceda, polos artigos 170 e seguintes do Decreto 50/1989, polo que se aprobou o regulamento de bens da Comunidade Autónoma, dada a natureza demanial que a propia Lei lle outorga ao Camiño.
É así como estes artigos proporcionan as distintas regras que configuran legalmente a delimitación do Camiño como unha potestade regrada e non como unha potestade discrecional, de tal xeito que –para determinar a traza histórica- o ente público que decide non pode escoller entre alternativas xuridicamente indiferentes, dado que non estamos perante rotas de sendeirismo meramente turísticas cuxa delimitación se poda facer á vontade do organismo público decisor, en atención a criterios de conveniencia non predeterminados pola Lei 3/1996.
Ben ao contrario, a determinación e delimitación dos camiños é unha potestade perfectamente regrada pola Lei 3/1996, onde se fai referencia á necesidade dunha concreción técnica á vista da documentación histórica da que se dispoña ou do seu valor cultural, deducíndose dos artigos 5 e 6 que o obxecto da delimitación é o seu trazado e plataforma, incluída a súa anchura, xunto coas pertenzas, accesorios e características (art. 5.1), elementos funcionais (art. 9.2) e a fixación das correspondentes zonas laterais de protección con anchura mínima de tres metros (art. 6) ou a de protección do contorno (art. 16) con ancho mínimo de 30 metros, banda que pode –e coidamos que DEBE- ser ampliada precisamente no procedemento de delimitación, deica onde sexa preciso exercer un control administrativo das actividades que nun territorio tan sensíbel se puideran desenvolver, conforme coa configuración xeral que das contornas protexidas fai o artigo 39.2 da LPCG: “Nos monumentos, xardíns, sitios ou territorios históricos, zonas arqueolóxicas situadas ou non en solo urbano, lugares de interese etnográfico e zonas paleontolóxicas non se poderá instalar publicidade, antenas, cables e todo aquilo que impida ou menoscabe a apreciación do ben dentro da súa contorna”.
Obviamente, a delimitación debe integrar a protección da paisaxe cultural significativa, segundo se desprende do establecido pola propia Lei 7/2008, de 7 de xullo, de protección da paisaxe galega (o artigo 5.1 da Lei 7/2008 establece que “Os poderes públicos velarán para que no ámbito da súa competencia e da natureza de cada territorio se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe”, mentres que o artigo 5.2 engade que “Os poderes públicos integrarán a consideración da paisaxe nas políticas de ordenamento territorial e urbanístico, e nas súas políticas ambientais, do patrimonio cultural, agrícolas, forestais, sociais, turísticas, industriais e económicas, así como en calquera outra política sectorial que poida producir un impacto directo ou indirecto sobre a paisaxe”) ou polas denominadas normas de aplicación directa (art. 104 da LOUGA).
Por todo o anteriormente exposto, resulta obrigado adecuar a delimitación do Camiño á realidade xeográfica de cada treito da vía, unha concreción que debe ser especificamente motivada con criterios técnicos e culturais (a este propósito, vid. a Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Navarra de 12 de marzo de 1993, que desestimou a impugnación feita por un particular contra a delimitación do camiño na comunidade foral), dado que a súa finalidade última é a precisión demanial do Camiño conforme ás fontes documentais de que haxa dispor, así como a determinación dos distintos elementos integrantes do patrimonio cultural do camiño, para que o Plan Especial que se redacte posteriormente estableza o réxime de autorización de usos, políticas de recuperación, etc., que procedan en cada caso.
En todo caso, conforme á Lei 3/1996, o principio xeral que debe guiar a delimitación de todos os elementos do Camiño é a autenticidade histórica, criterio que a UNESCO considera prioritario na fundamentación  dos seus expedientes de inclusión na listaxe do Patrimonio Mundial, consideración que implica que deba recuperarse a traza orixinaria do camiño alí onde o permitan as fontes documentais, históricas e arqueolóxicas dispoñíbeis, parece coincidente co expresado polo  Comité Asesor do Camiño de Santiago no seu informe de data 18 de setembro de 2007, segundo o cal A protección efectiva dos camiños só e posible mantendo a un tempo a súa relación harmónica coa paisaxe, e a autenticidade e integridade dos elementos que os conforman, os físicos e os intanxibles dos que é parte fundamental a interrelación coa paisaxe cultural…”, fundamentacións que claramente invalidan unha delimitación “subxectiva” ou baseada en intereses que se contrapoñen ao rigor científico, histórico e cultural.


2.     ALEGACIÓNS XERAIS

2.1.            SOBRE A FALTA DE AUTENTICIDADE HISTÓRICA NA DELIMITACIÓN DO CAMIÑO E DO SEU TERRITORIO HISTÓRICO
Do anterior, dedúcese que a proposta de delimitación oficial incumpre en numerosos aspectos ditos postulados legais, dado que se ben desde a perspectiva metodolóxica dun proceso de investigación histórica sobre o territorio, non cabe discutir a mutabilidade do camiño ao longo da historia e a existencia no ámbito local de distintos itinerarios que foron empregados  en distintos momentos, nen sequera a existencia de alternativas coetáneas estacionais, no entanto, o recoñecemento como itinerario cultural do Camiño Primitivo de Santiago debe facerse respecto de aquela rota na que está acreditada unha maior intensidade deste tránsito, na que existen referencias históricas nas fontes documentais, na cartografía histórica, na toponimia, na construción do territorio: o propio camiño físico, as edificacións[1]. Así é como debe chegarse a formular unha hipótese de itinerario, avalada polas referencias citadas.
Con todo, o carácter “aberto” do proceso científico de investigación histórica sobre as trazas non significa que calquera itinerario sexa oportuno, senón que é un proceso suxeito ás evidencias empíricas presentes, mais tamén ás que no futuro podan descubrirse grazas a novas investigacións, a novas técnicas científicas, etc., e das que deba desprenderse a revisión das conclusións adoptadas nun momento determinado.
En cambio, observamos que, na “Proposta de delimitación”, o carácter aberto da mesma consiste precisamente na ausencia de criterios empiricamente contrastados e, en consecuencia, na pura determinación voluntarista, non motivada en termos xurídicos, do trazado “correcto”. Que isto sexa así acredítao, por exemplo, que se opte por itinerarios actualmente utilizados de modo eventual ou alternativo, sen unha xustificación seria no ámbito histórico e documental, tanto máis en treitos de calzada ocupada nas últimas décadas, con testemuñas vivas de tales feitos e sen afondar na investigación histórica ou arqueolóxica necesaria, motivo polo cal se tende a deixar sen protección xurídica a numerosos treitos de territorio histórico actualmente invadido ou atrancado para o uso público, co evidente perigo de que nun futuro inmediato desapareza completamente a traza arqueolóxica non delimitada nin protexida oficialmente, tanto máis tendo en conta que a declaración de irrecuperabilidade absoluta do trazado histórico incumpre a Lei 3/1996, aténdose a que o feito de considerar irrecuperábeis aqueles trazados históricos desaparecidos baixo unha infraestrutura ou edificación, ou aqueles dos que aínda conservando rastros no territorio están ocupados por propiedades privadas e a súa recuperación supón un custo económico e social desproporcionado, vai contra a literalidade do artigo 8 que sinala como unha misión dos poderes públicos galegos a da recuperación do Camiño e de todos os seus elementos funcionais, ao tempo que o artigo 2.3 fai referencia tamén ao proceso de recuperación dos tramos do Camiño para uso e titularidade pública, ao que hai que engadir o artigo 5.5 da Lei 3/1996 que establece como unha das consecuencias da delimitación a de levar implícita a declaración de interese social e de necesidade de ocupación dos bens e dereitos a efectos da expropiación forzosa, de ocupación temporal ou para a imposición ou modificación de servidumes. (Amais, a condición de irrecuperable naqueles casos de ocupación do camiño orixinario por infraestruturas públicas ou privadas non é absoluta, senón temporal, xa que as infraestruturas ou edificacións que ocupan o Camiño auténtico poden desaparecer co tempo ou trasladarse de localización, mediante o uso combinado de técnicas patrimoniais, urbanísticas e territoriais. Así, o uso combinado da delimitación co Plan Especial, da técnica do “fóra de ordenación” e a expropiación forzosa dos tramos privados – prevista na propia Lei 3/1996 – resolverían sen dificultade a recuperación dos tramos auténticos, en moitos casos ocupados polo desleixo ou actuación dos propios poderes públicos. Non procede, pois, renunciar con carácter absoluto ás técnicas de recuperación dos restos arqueolóxicos que, en esencia, son os camiños tradicionais de peregrinaxe a Santiago de Compostela e moito menos deixar de contemplar e reflectir a súa pegada cartográfica no documento teórico da delimitación oficial agora exposta ao público.
En igual sentido, entendemos que a proposta incumpre os criterios de autenticidade esixidos pola UNESCO para os bens incluídos na Lista do Patrimonio Mundial e nomeadamente polas Directrices Prácticas de aplicación da Convención do Patrimonio Cultural e Natural de 1972 da UNESCO, postulados contra os que atenta a consideración da traza histórica ou arqueolóxica como unha simple alternativa máis, que ás veces nin sequera aparece contemplada no proxecto ou non figura como Camiño a protexer, dado que unha traza meramente “turística” ou “consensuada” politicamente vulnera evidentemente os criterios de autenticidade marcados a nivel internacional pola propia UNESCO e polos máis recentes documentos internacionais, como a Carta de Itinerarios Culturais aprobada o 4 de outubro do ano 2008 pola 16ª asemblea xeral de ICOMOS.
Cómpre lembrar que, polo feito de ter sido solicitada formalmente perante a UNESCO a inclusión do Camiño Primitivo de Santiago na Lista do Patrimonio Mundial, a delimitación que se incoe deberá ser sometida á consideración do Comité do Patrimonio Mundial, quen solicitará o parecer experto das organizacións consultivas (parágrafo 164 das Directrices prácticas), isto é, ICOMOS-España. E se a delimitación reducise ou aumentase sensiblemente a extensión do ben –tal é a expresión das Directrices–, entón esa proposta debe tramitarse como se da inscrición do ben se tratase (parágrafo 165).
En realidade, o coherente coas determinacións normativas da Lei 3/1996 e co propio artigo 39.2 LPCG sería ampliar a zona de protección da contorna para alén dos 30 metros a todos os ámbitos que o precisen para evitar unha transformación descontrolada da paisaxe cultural no entorno do Camiño. Pola contra, a proposta introduce unha nova zona de protección verdadeiramente apócrifa, non prevista na Lei 3/1996 e, por tanto, carente de réxime xurídico operativo, dado que a “zona de respecto” non semella ser a zona do artigo 16 da Lei 3/1996, co cal pasaría a ser unha zona xuridicamente desprovista de protección clara, tanto máis na medida en que a delimitación gráfica non inclúe claramente o alcance dos trinta metros citados, quedando a denominada “zona de respecto” nunha situación xurídica atípica, que podería impedir o exercicio de calquera potestade administrativa de autorización, control e sanción sobre os usos, obras ou actividades que se realicen nela, cando a experiencia internacional recomenda considerar a zona dos trinta metros como ámbito mínimo BIC a partir do cal establecer maiores áreas de respecto, con réxime xurídico claro, preciso e apto para lograr o efecto protector buscado[2].

2.2.            SOBRE A FALTA DE PRECISIÓN GRÁFICA E A AUSENCIA DA TOPONIMIA CAMIÑEIRA
É evidente a falta de precisión gráfica na cartografía utilizada, eiva multiplicada pola ausencia detallada de toponimia camiñeira de carácter histórico e dos elementos do patrimonio cultural e paisaxístico; obviándose, por exemplo, mención algunha das árbores singulares integradas no territorio histórico da vía primitiva.

2.3.            SOBRE A FALTA DE PARTICIPACIÓN PÚBLICA NO PROXECTO
Dada a transcendencia da proposta de delimitación e as súas implicacións futuras, debería terse contado coa participación sosegada e activa dos investigadores e das asociacións e entidades culturais que desde hai décadas veñen traballando intensamente no estudo, protección e promoción do Camiño Primitivo de Santiago, unha voz experta e plural que ten feito un seguimento meticuloso da evolución desta vía histórica e que coidamos, tería evitado os numerosos e graves erros contemplados no proxecto sometido a exposición pública, así como este penoso esforzo de reclamación e alegación.
En síntese, consideramos que os criterios de delimitación que incorporan a Proposta oficial, publicada no DOG de 8 de agosto, supoñen a fabricación dunha rota nova en numerosos e significativos lugares e treitos do percorrido pola primeira vía de peregrinaxe a Compostela e que, por conseguinte, incumpre os principios de autenticidade do territorio histórico previstos na Lei 3/1996 e na Convención Internacional do Patrimonio Cultural e Natural de 1972.

3.     ALEGACIÓNS ESPECÍFICAS POR CONCELLOS

1. CONCELLO de A FONSAGRADA
1.1. O enlace co treito procedente de Grandas de Salime, sobre o cumio do monte, está mal trazado; realizábase máis á esquerda en dirección norte, debuxando un típico acceso tradicional a media ladeira con moito menos pendente que a proposta actual.
O territorio histórico nesta área de descenso non só debe integrar a Pena e o Carballal dos Mosqueiros, senón abarcar deica a Fonte do Acevo e a Fosa do Batallón Galicia e bosques visíbeis nun primeiro plano. Igualmente, debe integrar a Cova das Pedras Apañadas, coas súas implicacións camiñeiras na cultura popular, recoñecendo o emprazamento arqueolóxico da antiga Capela de Santiago do Acevo.
1.2. Cómpre recuperar a traza histórica na Régoa. A grafía descontinua inverte a xerarquía da proposta de recuperación da traza física contemplada pola lei.
1.3. Resulta imprescindíbel a recuperación da emblemática Fonte de Fonfría (canalizada recentemente polo veciñanza) no acceso do Camiño Primitivo ao lugar, punto obrigado de refrixerio dos camiñantes e motivo esencial do topónimo maior. Debe ser contemplada na proposta.
1.4. Deben ser preservados os elementos iconográficos correspondentes aos cabaleiros da Orde de Malta no recinto sagrado de Fonfría, así como a arquitectura tradicional en cachotería correspondente a dúas antigas edificacións hospitalarias ou de refuxio.
1.5. Debe ser contemplada a proposta de conservación de peches tradicionais con loureiro real (“loureira”) ao paso da calzada.
1.6. O territorio histórico debe integrar a capela do San Cosme de Barbeitos e prestar especial protección ao Monte da Medorra e os conxuntos de túmulos que balizan o chamado Camiño da Antiga ou do Rei.
1.7. Debe ser contemplada a proposta de recuperación da fábrica da capela da Santa Cruz (Parada Nova) en pedra de cachotería, eliminando o agresivo revestimento por reutilización inadecuada do adoquinado das rúas da vila fonsagradina.
1.8. Cómpre perfeccionar a investigación relativa ao acceso tradicional do Camiño de Parada Nova á vila de Fonsagrada, nomeadamente no curso medio e final, sinalizándose as fontes ao seu paso.
1.9. Obsérvase unha preocupante ausencia de toponimia camiñeira no conxunto da planimetría, coa conseguinte indefinición e perda de valor cultural. Véxase o anonimato absoluto no histórico acceso á capitalidade do vello Burón, mesmo sen identificación da popular Fonte da Pousa ou do lugar exacto da divisoria entre ambas variantes camiñeiras fonsagradinas.
1.10. Resulta de vital importancia preservar a xerarquización e a unidade do Camiño Primitivo conforme á súa evolución e dimensión histórica. A tal efecto, non deben ser grafadas do mesmo xeito as dúas variantes ou opcións itinerarias que figuran no plano correspondente:
            a) A traza máis antiga do Camiño Primitivo correspóndese coa calzada que atravesa o Val de Burón, capitalidade histórica da comarca. Dita prevaleza debe ter a súa equivalencia gráfica para non igualar xerarquicamente trazas que historicamente non o son.
            b) O posterior desvío ao moderno núcleo da Fonsagrada debe manter un segundo rango nesa xerarquización, coa correspondente diferenciación gráfica para que non equipare itinerarios que en modo algún teñen a mesma transcendencia e mesmo para que non se afonde na marxinación do que en orixe foi berce da vía primitiva, debido ao actual maior potencial comercial e administrativo da vila da Fonsagrada fronte ao núcleo tradicional da Póboa de Burón.
1.11. Deben ser integrados no territorio histórico os antigos vieiros de entrada ao núcleo medieval de Burón, como o chamado Camiño Vello de Invernal, así como os fitos que balizan o val nas cotas elevadas do entorno (Cruz Nova e Cruz Vella, etc).
1.12. Debido á súa relevancia histórica esencial para o Camiño Primitivo, a documentación gráfica debe aludir aos barrios buroneses tradicionais, situando claramente no territorio histórico O Milladoiro e o enlace polo castro dos Cotos cara as Casas de Leprosos e o lugar de Carracedo.
1.13. Falta precisión gráfica que garanta a recuperación da vella calzada polo lazareto da Bastida, vía tradicional inmediata á actual pista, aínda que diferenciada en numerosos treitos paralelos ou apegados que cómpre preservar.
1.14. Igualmente, debe garantirse claramente a identificación e protección das ruínas da antiga igrexa e hospital de San Miguel da Bastida, fundación importante nesta milenaria rota.
1.15. Cómpre identificar claramente, polo mediodía, as Hortas e Casas de Leprosos, patrimonio asociado ás orixes desta ancestral calzada.
1.16. Debe contemplarse o acceso do Camiño ao núcleo tradicional de Palfito e da súa ermida, agora Xestoso de Arriba, non mediante liña punteada ou descontinua, senón ao revés, priorizando a traza antiga en detrimento do desvío en falso realizado os últimos tempos.
1.17. O ermo toponímico da planimetría oculta a importante relevancia do Camiño do Calvario en Padrón, a popular fonte e outros treitos de vía tradicional.
1.18. O territorio histórico debe alcanzar deica o Castro de Padrón situado na Castroeira.
1.19. A planimetría debera recoller o histórico cruzamento do importante Camiño de Castela  que vai para as Pontes de Gatín, co Camiño Primitivo á altura da Santa Cruz, camiño de segadores e vía rexia para o comercio do liño e do gando desde Ribadeo, integrándose axeitadamente este feito no ámbito do territorio histórico.
1.20. Resulta erróneo o acceso do Camiño ao núcleo de Vilardongo desde o cruzamento da estrada C-530. A traza histórica parte do lugar coñecido como Estivo Novo.
1.21. Baleiro toponímico alarmante en toda a traza.
1.22. Non se reflicte o histórico cruzamento coa vía para a Ribeira de Piquín e as terras de Meira pola Serra de Legua Seca, con importantes túmulos balizando a calzada.
1.23. Non se contempla o emprazamento do importante marco da Pedra Labrada, antigo deslinde camiñeiro a modo de pedra-fita.
1.24. Precísase maior detalle e investigación patrimonial en Montouto Vello, pola súa enorme simboloxía hospitalaria para o Camiño Primitivo.
1.25. O itinerario tradicional transcorre paralelo á estrada comarcal de Fonsagrada, nun plano superior, entre Vilardongo e Pedrafitelas.
1.26. A demarcación do territorio histórico no Hospital de Montouto debe abranguer deica o cumio da serra do Hospital polo norte e o cumio do Cerredo polo sul, recomendando a necesidade apremiante de eliminar o impacto dos aeroxeradores instalados na crista de ambas montañas.
1.27. O proxecto debe recoller e recomendar a recuperación do escudo heráldico do antigo Hospital de Santiago de Montouto, sito en Pedrouzos, así como a conservación das últimas pallozas do lugar e a corrección do impacto producido polas obras de urbanización efectuadas sobre as ruínas do propio recinto hospitalario.
1.28. A conexión entre o Hospital de Montouto e o núcleo de Parada Vella é completamente falsa. A traza proposta corresponde simplemente a un camiño ou pista de atallo utilizada nos últimos tempos para a feira da Fonsagrada. O camiño histórico mantívose activo aínda na segunda metade do século XX e foi interceptado de forma ilegal con algunhas cercas e plantacións pola banda do mediodía. Dita calzada tradicional está perfectamente documentada, seguindo polo lado contrario ao proposto, con itinerario zigzagueante a media ladeira polo mediodía para salvar o profundo desnivel deica Paradavella, pasando as Penelas do Teixo e a Carreira do Castelo.
A entrada en Parada Vella efectuábase pola banda leste (xusto ao contrario da proposta oficial), polos lugares de A Cortada, Fonte do Salgueiro, Pena da Pousa e Casa do Mesón. (A delimitación proposta falsea completamente a cartografía histórica aproveitando o desvío popularmente coñecido como O Atallo, con pendente contranatura en camiños de longo percorrido). Isto implica que a entrada no núcleo urbano (levemente elevada sobre o nivel da estrada), era efectuada de xeito cómodo polo leste, o que motiva que dita traza estea completamente errada na proposta de delimitación contra a que alegamos.
1.29. A falsificación da traza nos accesos a Parada Vella, deriva tamén na perda de importantes símbolos asociados á lenda da Casa do Retiro e os camiñantes pola vía primitiva. Por elo, o territorio histórico debera abarcar deica dita Casa do Retiro, amais de protexer o territorio visíbel até a Serra da Lastra, fortísimo pregamento que pola súa visibilidade desde o Camiño e pola súa pronunciada pendente debe atender a unhas mínimas normas de protección paisaxística, ao igual que o descenso pola Serra do Hospital, moi visíbel desde o treito Parada Vella – A Lastra.
1.30. Á saída de Parada Vella, O Camiño debe preservar a súa traza nunha cota máis elevada que a estrada, así como as fontes laterais. A ausencia palmaria de microtoponimia nos gráficos non facilita este labor.
1.31. Toda a conexión, fortemente sinuosa, entre as aldeas de A Calzada, Degolada e A Lastra está dabondo forzada. O itinerario histórico non descendía tan abaixo; de feito, coincidía bastante coa traza da estrada decimonónica, conservándose a calzada medieval en boa medida nunha cota superior á mesma e superando as continuas torrenteiras que baixan pola pronunciada pendente da montaña, con fontes tan significadas e simbólicas como é a Fonte Sagrada, próxima xa á Lastra. Existe un laborioso traballo de reconstrución deste treito de Camiño histórico realizado durante un verao enteiro nos anos 90, logo de entrevistar numerosos anciáns do entorno que teñen percorrido a vía asturiana e de facer prospeccións diversas en tan complexo territorio.
A delimitación proposta é resultado de recoller unicamente o paso descontrolado polo lugar que se veu producindo os últimos anos e que non ten realmente peso histórico.
1.32. Non se entende que a franxa de territorio histórico non alcance o Castro de Degolada, inmediato ao Camiño Primitivo e perfeitamente visíbel desde o mesmo. Tampouco que non se protexa a ladeira da serra da Lastra ao completo, parede que é o único fondo paisaxístico do Camiño por occidente.
2. CONCELLO de BALEIRA
2.1. A redución do ámbito de protección do territorio histórico do Camiño Primitivo é certamente alarmante en todo o municipio, nomeadamente coas amplas cuncas visuais existentes. O drástico recorte desta franxa impide mesmo protexer -nas carballeiras de subida á Fontaneira desde A Lastra- as fermosas vistas panorámicas sobre o Val do Rego do Salgueiro, a Pena da Escrita ou a Pena Vieira, ficando sen garantir os avistamentos dos Ancares.
2.2. Igualmente, resulta difícil o seguimento axeitado da traza proposta, por ausencia total de toponimia tanto maior como menor ao longo dun percorrido de montaña, sen reflectir nin tan sequera núcleos tradicionais de valiosa factura ou lugares emblemáticos ao paso da calzada, como poden ser O Espiñeiro, A Rodela, A Cruz do Vargado ou O Penedo Apertado, fitos camiñeiros que deberan ser grafados no proxecto.
2.3. Cómpre aclarar que a solución do Camiño solapado coa estrada ao paso pola Fontaneira non é tal, simplificacións que se reiteran ao longo da delimitación proposta e que coidamos improcedentes nun traballo de clara base histórica e cultural. De feito, a calzada xacobea cruzou sempre a estrada no Alto da Fontaneira para transitar pola súa dereita a unha cota superior, atravesando de novo por detrás da casa do Mesón para formar o treito de vía histórica coñecido como Camiño dos Franceses, ao que aluden diversos historiadores lucenses, desviándose de novo á esquerda deica o Campo do Ferreiro, antes de tomar o Monte das Cruces (onde cómpre situar o antigo camposanto civil que lle dá nome) e o camiño dos Carreiriños deica O Trabeiro (a recente plantación de piñeirais intercepta a visión da paisaxe desde o lugar, recomendándose a toma de medidas de clareo ao respecto).
2.4. A radical restrición do territorio histórico do Camiño Primitivo que se propón deixa fóra das pertinentes cautelas algúns dos seus grandes valores paisaxísticos, como as xenerosas vistas panorámicas na baixada da Fontaneira sobre a Vaganta do Trabeiro polo mediodía ou sobre os bosques de Penas e Estornín cara o norte. Mesmo entendemos que fica fóra da franxa proposta o propio nacemento do río Neira, orixe do lugar e símbolo xeográfico destas paraxes, cousa incomprensíbel.
2.5. O anonimato absoluto da cartografía, mesmo nos puntos relevantes onde arrincan desvíos e cruzamentos, non oculta unha ficticia superposición de Camiño e estrada moderna no entorno do Trabeiro, lugar coñecido como O Carneiro, onde a calzada antiga sempre transitou pola banda dereita da estrada,  a unha cota inferior, tránsito que continúa na subida ao Marco (esta vez en nivel superior á vía comarcal), vella divisoria territorial.
2.6. A traza proposta para o paso polo importantísimo e emblemático Campo da Matanza non é correcta nin se axusta á senda tradicional, ben documentada desde os Camiños Brancos en traballos de campo previos aos labores de concentración parcelaria do lugar, mesmo con acreditación das rodeiras dos carros do país sobre a pedra da vella Carrileira de Santiago.
2.7. O descenso ao Cádavo tampouco se axusta á traza histórica, senón á pista moderna, dado que o itinerario antigo producíase con un trazado sinuoso zigzagueante á esquerda do proposto, pola dereita da popular Pedreira da Moeda, como é propio para salvar fortes pendentes en vías de montaña.
2.8. No paso do Camiño Primitivo desde O Cádavo ao lugar de A Pradeda e o porto da Vacariza, o territorio histórico debe comprender como unha unidade paisaxística o conxunto do bosque protector formado por tupidas carballeiras que desde tempo inmemorial balizaron a vía peregrina deica a estrada comarcal ao paso pola Rasela (actual polígono industrial) e A Vacariza, sendo completamente ridícula a franxa protectora proposta, que a pouco deixa fóra a popular Capela dos Remedios, a pé de vía. Dita protección permitiría no futuro ir recuperando a penosa deforestación consentida no último ano sobre estas carballeiras que foron eternas compañeiras do Camiño no Cádavo, logo dun proceso de concentración parcelaria tremendamente agresivo para os bens culturais da rota xacobea máis antiga do mundo.
2.9. A proposta de delimitación non debe obviar, como fai, o cruzamento na vila do Cádavo de dous camiños históricos de grande relevancia: o Camiño Primitivo de Santiago e mais o Camiño Real de Castela, encrucillada da que nace o conxunto do poboado. Por elo, é preceptivo que se contemple o paso histórico do acceso da Meseta polo Val de Neira de Rei cara Meira e a capital mindoniense, englobando necesariamente no seu territorio histórico a igrexa de refuxio da Esperela (parroquial do Cádavo até tempos recentes e emprazamento do antigo mosteiro de San Pedro), feitos históricos absolutamente asociados ao Camiño Primitivo, incluíndo o próximo Pazo de Corveira, estratexicamente situado.
2.10. A prolongación cara o norte do Camiño Real de Castela vainos dar a verdadeira traza histórica do acceso da vía primitiva a Vilabade, absolutamente errada, fóra de sitio e carente de sentido tal e como se presenta no proxecto (desde A Vacariza por unha pista forestal completamente irrelevante, a unha capela do século XVIII). O Camiño real de Vilabade desde o Cádavo é un itinerario autónomo, ben documentado a comezos dos anos 90 e publicado posteriormente, apoiado en documentación histórica e cartográfica, así como contrastado con anciáns de Baleira e de Castroverde que xa eran centenarios hai 20 anos.
A variante de acceso á VILA ABATI partía do camiño real da Meseta que chegaba a Vilaselle con dirección norte, ascendendo de xeito cómodo e ao biés a ladeira do nacente da serra da Vacariza ou do Mirador que olla ao Val de Baleira. Así, pola chamada Costa de Férveda xa en 1236 e o Camiño de Valverde, a variante do Camiño Primitivo que ía a Vilabade polo Carballo da Loba, ascendía á Arqueira, Fontes de Peizás, As Cortellas e a Chousa do Escribán, xa no cumio da Serra, límite con Castroverde.  Tal é a vía antiga ao convento franciscano de Santa María de Vilabade utilizado polas xentes “de Tras da Serra” desde o Medioevo, debendo preservarse as vistas sobre o Val de Librán.
2.11. Evidentemente, solicítase a corrección do ramal proposto para a capela do Carme, completamente artificioso, ao se tratar dunha proposta sen fundamentación algunha, introducida sendo directora da S. A. Xacobeo dona María Antón Vilasánchez co único argumento de considerala “una vía de futuro”, invención que foi tomando corpo por falta dunha delimitación seria ao seu debido tempo, como ten acontecido en tantas ocasións e que conduce á aberración de pretender protexer un territorio carente de referencias culturais asociadas ao Camiño Primitivo.
Dita conexión só tería sentido como proposta de atallo voluntario para camiñantes que desexen achegarse a dita ermida do Carme (dado que recuperando a delimitación histórica do camiño real a Vilabade que se solicita, o acceso directo á igrexa parroquial, B.I.C, e ao pazo anexo, queda garantido segundo se fixo secularmente, mesmo por todos os serranos para as feiras de Castroverde, Lugo, Adai ou Fonsagrada).
3. CONCELLO de CASTROVERDE
3.1. Segundo se recolle nas alegacións correspondentes ao concello de Baleira, o camiño real e francés de Vilabade non ten nada a ver co ridículo desvío artificial que se ten operado por unha pista forestal nos últimos anos, promocionado -como noutras ocasións- pola propia administración para saír do paso, a través dunha pista forestal montaña arriba, desviándose á ermida do Carme, moi posterior ao itinerario medieval que ascendía comodamente e de xeito independente desde a vila do Cádavo, por Vilaselle e a chousa do Escribán, na linde con Castroverde, cumio desde o que descendía directamente ao núcleo urbano de Santa María de Vilabade, achegándose ao posíbel emprazamento do Hospital de San Gabriel citado por don Elías Valiña e ao propio Camiño do Hospital próximo ao lugar de Frontoi, para entrar no recinto monumental a través da Casa do Cura e desembocar no pórtico do templo gótico e do cenobio franciscano. (Evidentemente, resulta lamentábel a proposta de protección de dita pista forestal absolutamente desviada da rota medieval e carente de solvencia histórica, opción frustrante nun proxecto de recuperación cultural como o presente).
3.2. Aínda así, sería aceptábel considerar como variante alternativa o enlace da vía medieval -e posterior camiño real de Vilabade- que se cita (unha vez sinalizada) coa mencionada capela do Carme (ben próxima), favorecendo a conexión con un importante ben cultural e arquitectónico do século XVIII, cuestión que coidamos merece unha seria e meditada reflexión. (Nese caso, cómpre recuperar un treito de calzada de acceso á ermida conservado até a actualidade e paralelo á pista que se propón no proxecto de delimitación).
3.3. A definición da traza na Cruz de Pedra (A Vacariza) cómpre axustala debidamente. Dito cruceiro de mediados do XIX foi arrincado do seu emprazamento orixinario o ano 1994 e recuperado do esquecemento pouco tempo despois polos Amigos do Camiño Primitivo, á espera de o devolver a ese lugar concreto, ao tempo que a vía antiga era destruída pola Consellaría de Obras Públicas para a transformar en entullo da nova estrada de Fonsagrada. Existen testemuñas de tan desgraciados feitos, que tomaron fotografías.
Malia a ausencia de identificación toponímica no proxecto e dada a ampla plataforma de desmonte creada desde entón no lugar, sen que se teña adoptado medida paliativa algunha a pesar das reiteradas promesas de recuperación dunha área tan significativa, obsérvase claramente a necesidade de reaxustar e precisar toda a traza proposta á entrada do Camiño no porto da Vacariza, dado que o itinerario tradicional transcorría máis á esquerda da proposta e de que en todo caso hai que recrear o paso destruído e situar correctamente a Cruz de Pedra.
3.4. A entrada en Vilalle que se propón adultera o itinerario histórico e consagra unha recente apropiación da vía pública que no seu día foi denunciada xudicialmente polos propios veciños. Unha simple observación da traza proposta constata o desvío artificioso do Camiño que até as últimas décadas do século XX transitou pola vella congostra coñecida como O Carriozo e continuaba por A Calzada, para entrar na aldea baixo o corredor voadizo da casa do Gancho, antes de encarar o eixo viario central constituído polo camiño da igrexa. Dita corredoira foi presuntamente asaltada por veciños de dita casa, engadindo a caixa do Camiño Primitivo a un prado anexo da súa propiedade e destruíndo de paso varios castiñeiros centenarios que servían de árbores lindeiras a carón do mesmo, ao tempo que se cortaba o acceso pola calzada medieval (aínda en proceso de apropiación nos anos noventa), treito todo el empedrado e regado con fontes ao camiño.
Novamente, a administración optou os últimos anos por tirar para adiante desviando a rota cunha circunvalación máis ao norte, desvío que agora se pretende consolidar oficialmente de xeito pouco rigoroso, pouco exemplar e pouco edificante, no canto de constatar no documento de delimitación o paso histórico da rota por tan pintoresco lugar e por tanto, facilitar a posibilidade de recuperación no futuro.
3.5. Debe ser contemplada no proxecto de delimitación a vella conexión camiñeira entre as freguesías de Vilalle e Vilabade, ambas irmandadas no organigrama eclesiástico e variantes históricas ao paso do Camiño Primitivo, de tal xeito que esta vía transversal que desde antigo conectou ambos núcleos por A Valiña, o muíño e cerca da Casa Grande, permitiu a peregrinaxe polo Camiño Francés de Vilalle accedendo logo ao núcleo monumental de Vilabade, ao seu convento e hospital, ou ben á inversa, peregrinando polo camiño real de Vilabade para se achegar a continuación a Vilalle e proseguir pola rota francesa asturiana deica a vila de Castroverde, conexión de fondas raíces históricas e gran potencialidade cultural.
3.6. Cómpre delimitar correctamente o paso histórico do Camiño Primitivo no acceso ao lugar d’A Veiga, sobre o río Tórdea no barrio de Tarrío, pequeno treito de calzada tradicional que se achega ao actual emprazamento do novo albergue de peregrinos ao se apartar da estrada de Vilabade pola súa dereita, vieiro tradicional que no seu día foi obxecto de pleito perante os intentos de apropiación, actuación xudicial que ao cabo permitiu a súa conservación.
3.7. O erro máis grave da proposta de delimitación oficial aparece ao paso polo propio núcleo urbano da vila de Castroverde, centro histórico de gran relevancia para o Camiño Primitivo durante o período medieval e mesmo contemporáneo.
  A confusión fundamental parte –como na maioría dos casos- da precaria e pouco rigorosa itinerización realizada por volta de mediados dos anos 90, momento no que se trazou o paso do Camiño polo exterior do núcleo urbano e apartado do burgo medieval, a través dunha vía decimonónica que accede á moderna igrexa parroquial (século XX), tirando de longo ao pé do monte da Lomba. Dito itinerario, no que agora se volve a incidir contrariando a verdade histórica, podería ser conservado como variante contemporánea de carácter tradicional, sempre e cando sexa preservada a condición prioritaria do itinerario medieval que desde hai séculos accede ao burgo da fortaleza medieval antes de descender a San Miguel do Camiño, calzada na que se sitúan todas e cada unha das institucións hospitalarias da capitalidade deste importante señorío.
  A estes efectos, precisaremos o seguinte: o núcleo medieval de Castro Verde ubícase en torno á fortaleza Mirafermosa, erixida sobre a croa do emprazamento castrexo que dá nome ao municipio, formando no seu entorno un pequeno asentamento iniciático coñecido como Santiago de Vilariño. Aos seus pés esténdense as chairas da Ferraría transitadas polo que sempre foi identificado como Camiño de Santiago e que –aínda hoxe- constitúe a Rúa Santiago, vella corredoira até os anos 70, lugar no que se situaba o hospital para pobres e peregrinos que veu funcionando como pousada até a primeira metade do século XX e do que conservamos fotografía e documentación relativa a procesos xudiciais e conflitos entre os seus administradores e a igrexa e cabido lucenses. Amais, a propia fortaleza de Castros e Altamiras contou coa súa propia edificación hospitalaria que se mantivo en pé até finais do século XIX e da que restan testemuños documentais.
  Por conseguinte, temos a calzada medieval do Camiño Primitivo accedendo ao vello burgo pola rúa Santiago, para descender a San Miguel do Camiño por unha vía de certa envergadura e fermosa traza a carón do castro e fortaleza, seguindo as terras de Lamalexo, itinerario que conducía directamente ao Hospital de San Lázaro e á súa Capela, topónimos aínda vixentes na conexión con San Miguel do Camiño.
  Só a reformulación e delimitación correcta deste treito do Camiño Primitivo de Santiago pode salvar un dos pasos máis relevantes e mellor conservados do seu territorio histórico no emblemático señorío de Castro Verde, antigo Castro Viride.
3.8. Por ende, o núcleo histórico de Castroverde emerxe estratexicamente no cruzamento do camiño francés de Asturias co camiño real e comercial de Monforte a Mondoñedo, cuxa traza resulta ben visíbel e para o que solicitamos a súa plasmación no proxecto de delimitación, ao que se engade tamén a solicitude de definición gráfica da encrucillada co camiño real para a Terra Chá e as mariñas de Ferrol no entorno arqueolóxico do hospital de San Lázaro e da parroquia de San Miguel do Camiño, vía de conexión transversal de grande relevancia e reiterada presenza documental.
3.9.  Cuestión de grande transcendencia é a contemplación no proxecto de delimitación da vía que accede ao Camiño Primitivo desde o antigo hospital de peregrinos de San Martiño de Bolaño (de cuxa tradición asistencial, amais da documental, aínda fican testemuñas entre os últimos habitantes do lugar), unha calzada empedrada que conectou secularmente a vía primitiva co Camiño Norte Interior en Santa María de Meira, interesante fenómeno xacobeo do que é ben sabedor e impulsor don Joaquín Miláns del Boch e a asociación que preside desde San Tirso de Abres.
3.10. Claro está, ditas precisións itinerarias conlevan un reaxuste do territorio histórico obxecto de protección arredor da capitalidade municipal de Castroverde, sendo imprescindíbel a tal efecto incluír no mesmo o perímetro da Croa de Bolaño e a Cova da Valiña, o núcleo histórico de San Martiño de Bolaño e a súa prolongación polo Val de Bolaño, así como o tradicional barrio da Feira, a súa trama de pendellos decimonónicos e souto centenario, na conexión co camiño real de Monforte a Mondoñedo.
3.11. A delimitación do territorio histórico do Camiño Primitivo ao paso por Santiago de Castroverde, San Miguel do Camiño, Recesende, San Paio de Arcos e Souto de Torres debe contemplar a protección íntegra das carballeiras que circundan e configuran paisaxisticamente a rota xacobea por ambas marxes.
3.12. No caso da parroquia de Recesende, a franxa de territorio histórico debe incluír o conxunto histórico formado polo Castro, sepulturas antropomórficas, igrexa parroquial e Casa Grande, por cuxo territorio pasa o Camiño Primitivo no pequeno vale fluvial a pé da montaña, con absoluta visibilidade e proximidade desde o mesmo. Non se comprendería deixar este conxunto fóra do ámbito do territorio histórico do Camiño.
3.13. A traza histórica do Camiño Primitivo de Santiago no Mesón de Fraiás (antigo Pipe na demarcación medieval) non coincide coa contemplada no proxecto, dado que a mesma vén de ser violentamente alterada coas seguintes actuacións:
            * Construción dun alpendre invadindo presuntamente a vía pública do camiño de Santiago.
            * Eliminación da fonte-bebedeiro tradicional que daba á vía pública, coñecida no lugar como Corredoira dos Chousos.
            * Desprazamento do muro frontal e perimetral da finca á outra banda do Camiño, apropiándose da calzada orixinaria da rota xacobea, a cal pasa a integrarse na finca particular.
            * Desprazamento do camiño medieval varios metros, introducindo unha pronunciada curva que desfigura o aspecto do entorno e do propio itinerario.
  De ditas actuacións hai constancia gráfica e documental, presuntamente con coñecemento da institución municipal, mesmo sometendo estas alteracións a un proceso de permuta que coidamos de nulo dereito.
  O proceso de delimitación debe proceder a repoñer a legalidade no Mesón de Fraiás, antigo Casal de Pipe, no “Camino Francés que va para la ciudad de Lugo” (1534).
3.14. A proposta correspondente ao camiño tradicional de San Salvador de Soutomerille, de extraordinario valor histórico, patrimonial e ecolóxico, está completamente errada na súa traza, introducindo un itinerario fraudulento que en nada se corresponde coa calzada antiga vixente até finais do século XX e aínda transitada por xentes vivas da comarca. Dado que ese é o itinerario tradicional e dadas as súas potencialidades culturais, entendemos que non procede o seu tratamento gráfico como mera variante alternativa, tanto máis tendo en conta as reiteradas invasións e presuntas apropiacións nalgún dos seus treitos de vía orixinaria, tamén presente na cartografía militar.
Este treito de vía medieval parte do interesante casarío etnográfico de Nadela, en sentido norte ao son do río que vén de Barredo e que cita Madoz, logo do convento de relixiosas cistercenses de Santa María de Moreira, cruzando cara occidente polo fondal de Entraszarras para acceder ao Castiñeiro do Neto e seguir o paradisíaco Camiño dos Cortellos na espesura do bosque, antigo vieiro que conduce directamente  á Casa-Torre de Soutomerille antes de continuar de fronte ao hospital de Gondar polo minúsculo camposanto parroquial (o máis pequeno do territorio galego) e a Corredoira das Varancas, aos pés dos importantes recintos castrexos de A Croa e Castro Peón, desembocando en liña recta á Corredoira Alta, a través da ponticela de Pontide, entrada a Santa María de Gondar por onde os lugareños dan fe do paso do camiño antigo até as últimas décadas.
3.15. Dada a súa inmediatez e visibilidade, o Castro de Cabreira debe ser integrado plenamente no territorio histórico do Camiño Primitivo ao paso polo núcleo de Moreira.
3.16. Na saída de Soutomerille polo Camiño Primitivo que vén de Asturias e vai para Lugo, cómpre deixar constancia gráfica da encrucillada formada polo camiño vello á Terra Chá (ao norte, por Barredo) e do que vai para Adai e Castela cara o mediodía.
3.17. Se xa en 1369 se facía referencia aos tempos en que “o camino françes andava por Gondar, et por quanto o dito camino se mudou por outra parte, et o dito espital non reçebe os ditos proves non se fas y aquelo para que foy estabelesçido”, cómpre deixar contemplada a delimitación oficial desta variante baixomedieval do Camiño Primitivo, que polo Mesón de Souto de Torres, Empalme de Outeiro, viacrucis de San Paio de Arcos, Camiño da Granda e as casas grandes de Paderne e de Romeán, conducía á Costa Francesa de Gondar e ao Cruceiro de Bascuas, seguindo un antigo itinerario bastante ben conservado e que nalgúns treitos mantén gran parte da arquitectura camiñeira tradicional.
4. CONCELLO DE LUGO
4.1. A conexión procedente de Castroverde vía Soutomerille, en Santa María de Gondar, non figura na delimitación, deixando o seu territorio desprotexido. (Véxase a alegación correspondente ao paso por San Salvador de Soutomerille).
4.2. Grave omisión da traza de acceso ao hospital de peregrinos de Santa María de Gondar e da súa saída, apropiadas recentemente, e mesmo ausencia de mención á propia edificación actual e emprazamento do hospital. A delimitación oficial debe contemplar a calzada histórica desde a casa de Saturno, no Barreiro, polo rego Pelamios, casa e antigo muíño do Hospital e saída por Caparello.
4.3. Ausencia de propostas de recuperación da Costa Francesa e do Cruceiro de Bascuas, así como da área afectada pola canteira e cruzamento co camiño real de Romeán. Baleiro de toponimia camiñeira relevante neste treito de vía.
4.4. Omítese completamente a variante baixomedieval do Camiño Primitivo polo Santo Estevo de Paderne e San Pedro de Romeán, utilizada logo do peche do hospital de Gondar. Fica fóra do territorio histórico todo o seu valioso patrimonio monumental, etnográfico, arqueolóxico e inmaterial asociado a esta rota. (Véxase alegación correspondente no municipio de Castroverde).
4.5. Traza adulterada á saída do núcleo urbano de Bascuas, sen indagación sobre a súa cartografía histórica que permita endereitar a vía xacobea.
4.6. Violento desvío da rota tradicional á estrada C-530, ao non se contemplar a presunta apropiación do camiño público entre Bascuas e o campo da festa de Carballido, ao paso polos coñecidos como Prados de Barreiras, Pinares de Pita e urbanización As Regas, cruzando o Rego Carballido deica o palco instalado sobre a caixa do camiño e peche recente –oportunamente denunciado- para campo da festa.
Omisión gravísima e inxustificada, polas súas implicacións cartográficas, a protesta social que crea e o perigo ao que somete aos camiñantes. A proposta limítase a seguir a traza irrelevante das pistas modernas de carácter pecuario e forestal, ou ben directamente a estrada comarcal, introducindo un quebro radical no decurso natural do camiño vello. Consideramos moi grave esta actuación.
4.7. Debe ser integrado no territorio histórico do Camiño Primitivo o vía crucis da capela medieval de Santa Locaia á igrexa de Carballido e enlace coa rota xacobea, polas súas asociacións culturais, espirituais e camiñeiras.
4.8. Constátase o desvío en falso circunvalando as Casas de Viña en Fazai, inxustificado por estar operativo o camiño orixinario, contribuíndo aos intentos de peche e apropiación no lugar, presuntamente impulsados por un particular que invade a vía pública e mesmo intercepta e desvía a sinalización correcta. Non ten xustificación algunha.
4.9. Violento desvío contranatura do itinerario histórico que percorría a ponte das Samesugueiras no Carqueixo, sen proposta de recuperación –perfectamente factíbel- da rota orixinaria paralela á estrada de Fonsagrada polo lugar de A Casilla. (A decisión unilateral que no seu día entendemos que tomou de xeito completamente parcial o arquitecto do Xacobeo, Sr. Pichel, trazando un desvío de 180º sobre o itinerario antigo, proponse agora como definitivo, seguindo unha traza completamente exótica).
4.10. Ausencia total de definición gráfica das conexións transversais de longo percorrido e de carácter histórico á cidade de Lugo: camiño de Castela por Adai desde Romeán, enlace co Camiño Norte da Costa na Chanca, cruce co camiño real de Castela na urbe lucense, derivación ao mosteiro de Sobrado dos Monxes por Santalla de Bóveda, etc.
4.11. Ausencia de precisión toponímica e cartográfica no casco urbano de Lugo, ao non establecer xerarquización da traza principal (paso polo Burgo novo, Rúa Clérigos, Catedral, Burgo vello) e alternativas posteriores, mesmo á saída do Camiño extramuros.
4.12. Non se reflicte na cartografía o paso pola Rúa Vella da Ponte, como acceso a media ladeira para vencer a Costa de San Lázaro seguindo a lóxica e a tradición camiñeira de longo percorrido.
4.13. Déixanse completamente á marxe do territorio histórico do Camiño Primitivo dous feitos excepcionais do patrimonio xacobeo lucense na saída do Camiño cara poñente: Santiago de Saamasas e Santiago de Meilán, pletóricos de patrimonio e tradición material e inmaterial asociados ao rito xacobeo.
4.14. Corrixir topónimo “San Matas”, por Santo Matías.
4.15. Invértese gravemente a cualificación da traza histórica presuntamente ocupada recentemente en San Xoán do Alto, desde o lugar de O Fornelo á igrexa parroquial, pasando polo Castro da Seara, en favor do desvío á estrada comarcal, posicionamento absolutamente rexeitábel logo do esforzo sostido os últimos anos por evitar esta presunta e reiterada invasión do camiño milenario e do seu territorio histórico, a unha legua da cidade lucense.
4.16. Ausencia da relevante toponimia camiñeira ao paso do camiño francés primitivo á saída do Alto.
4.17. Resulta completamente impresentábel que se deixe fóra do territorio histórico do Camiño Primitivo a Capela de San Bartolomeu e mesmo a Cruz do Burgo ou o Castro de Canedo. O territorio histórico do Camiño Primitivo debe integrar estes elementos indisociábeis do paso antigo cara Compostela e conxunto singular da rota, así como paraxe natural asociada por tradición camiñeira á fermosa igrexa parroquial e ao conxunto rural.
4.18. Non se contempla a traza apropiada da vía histórica desde a saída do núcleo do Burgo á Cruz de Penalumbre, así como desde esta á encrucillada da Uceira, treito alterado polos traballos de concentración parcelaria de Poutomillos, denunciados no seu momento dado que alteraban a traza física do camiño xacobeo, cartografándose de xeito artificioso todo este treito de terreo ao desviar a traza pola estrada sistematicamente, sen o menor esforzo de definición do itinerario antigo contemplado en abondosa documentación catastral e publicado no seu momento.
4.19. Consideramos un feito extremadamente grave desentenderse da calzada antiga de conexión do Camiño Primitivo co santuario tardorromano de Santalla de Bóveda, deixado á marxe do territorio histórico da rota xacobea, así como do paso deste enlace polo castro de Santiago de Prógalo e da súa igrexa santiaguista de orixe románica, contendo valiosas tallas do Apóstolo, itinerario percorrido a diario por numerosos peregrinos con destino ao mosteiro de Sobrado dos Monxes, por tanto, enlace transversal e constante co Camiño Norte da Costa.
4.20. Malia o paso actual -un tanto forzado contranatura-, pola igrexa románica de San Miguel de Bacurín e a Corredoira da Pegueira, omítese toda investigación da traza orixinaria en dirección a poñente desde o Castro de Bacurín.
4.21. Non se detalla o paso do camiño antigo nos treitos en que se conservou paralelo e inmediato á estrada moderna  por O Paso e O Francés, solapando sistematicamente ambos elementos. Non consta o núcleo inmediato de O Francés, fundamental no paso do Camiño Primitivo.
4.22. Déixase fóra da cobertura do territorio histórico o pazo de Recimil, en Poutomillos.
4.23. Non se fai mención expresa de integración das importantes árbores singulares e monumentais existentes no territorio histórico ao paso do Camiño, así como de outros elementos significativos da súa rica cultura etnográfica e paisaxística.
5. CONCELLO DE GUNTÍN DE PALLARES
5.1. Desde que a comezos dos anos 90 se reorganizou e impulsou a celebración do Ano Santo Compostelano e da tradición camiñeira a Compostela, é de dominio público a absoluta falsificación a que nese momento fora sometida a traza do Camiño Primitivo no municipio lucense de Guntín de Pallares, itinerario disparatadamente desviado ao sur do concello mediante un enrevesado e irracional percorrido cara o lugar de Seixalbos, traza completamente forzada que non se compadece con un criterio científico e mesmo de sentido común na cultura camiñeira, apartándose completamente da liña continua que de oriente a occidente marca o rumbo deste antigo vieiro de longo percorrido, aínda con testemuñas vivas do seu paso, afirmado na tradición e nos vestixios da cultura material e inmaterial, sobre o territorio histórico correspondente á vía romana XIX e os importantes fitos deixados ao paso da calzada medieval superposta á mesma.
            Unha perversión da traza histórica que a fin de contas só serviu para introducir un artificioso rodeo e regresar finalmente ao punto de destino do itinerario orixinario, tal é o hospital de peregrinos de Burgo de Negral, antigo Vilanova de Negral (Friol), rigorosamente constatado documentalmente sobre o río Ferreira.
            Por tanto, reclámase a delimitación precisa da rota medieval das peregrinacións e posterior camiño real conforme á verdade histórica, sobre o territorio antigo contemplado no itinerario de Antonino Caracalla, tomando como referencia o miliario na honra de Calígula, sobre o Campo do Busto de San Romao da Retorta, para proseguir por calzadas de significativo nome na historia da vella camiñería, como A Pena do Rei, O Francés, A Torre, A Vieira, a ermida de San Mauro (con toda a súa enorme advocación popular ao pé da coñecida Ponte de San Amaro), deica a Veiga da Forca que conduce ao municipio veciño de Friol.
6. CONCELLO DE FRIOL
6.1. Chama a atención na planimetría a ausencia absoluta de toponimia camiñeira, de toponimia menor ou microtoponimia que facilite a identificación da traza “anónima” que está a exposición pública, unha liña sen a necesaria precisión gráfica e sen o detalle necesario que cómpre nun traballo serio de recuperación da senda tradicional a Compostela.
Aínda así, segundo temos advertido nas alegacións referentes ao municipio lucense de Guntín de Pallares, a vía histórica do Camiño Primitivo de Santiago en modo algún se desviou nunca cara ao sul, por termos das aldeas de Seixalbos e Paraño, senón que sempre mantivo a coherencia da traza lóxica e común á camiñeiría tradicional, cómoda, económica e ben orientada, para entrar no municipio de Friol a través da chamada Costa das Regas, procurando un refrixerio na Fonte do Sapo antes de remontar o Alto da Grela e a mámoa da Cruz do Burgo, divisoria de freguesías por onde viñan os antigos romeiros ao hospital de peregrinos de Burgo de Negral –anterior Vilanova de Negral- rexentado polos frades de Ferreira de Pallares, con seguranza situado á beira do arroio que corre a se unir co río Ferreira e a carón do propio Camiño Primitivo, lugar onde se fai doazón en 1223 a favor de ditos relixiosos “para que reciban en él a los peregrinos, a quienes han de dar fuego, agua, vestido y limosna”, histórico itinerario para o que solicitamos a súa precisa delimitación e protección.
7. CONCELLO DE PALAS DE REI
7.1. Resulta difícil de explicar á luz da camiñeiría histórica e da evolución dos burgos medievais á beira dos camiños de longo percorrido, mesmo da historia da arte, a redución drástica que se ten operado na proposta oficial de delimitación do territorio histórico do Camiño Primitivo de Santiago no núcleo palense de Ferreira de Negral, deixando fóra da banda de protección mesmo a igrexa románica de San Martiño e as ruínas do seu antigo mosteiro, así como os diversos cruceiros de pedra que balizan os seus vieiros sagrados, todo o cal foi conformando desde tempos remotos o conxunto monumental vertebrado pola vella calzada romana e medieval, visión de conxunto e actitude dialogante no ámbito cultural que soubo ver ben no seu momento o arqueólogo don Jaime Delgado Gómez, historiador do románico recentemente falecido, cuxas altas miras se compadecen mal coa proposta de delimitación do territorio histórico contemplada nesta fermosa paraxe por onde andou a mansión romana de Ponte Nartiae e onde se ergue o templo románico de Ponte Ferreira rexentado pola orde santiaguista de Vilar de Donas, cuxo antecedente monástico aparece claramente mencionado xa en 1177.
7.2. Con semellantes argumentos aos esgrimidos para xustificar a prolongación da linde do territorio histórico da vía primitiva até abranguer o Castro de Augas Santas, cómpre incluír o Castro das Seixas en dita franxa de respecto, dado o seu estreito vencello cos núcleos camiñeiros das Seixas e do Hospital das Seixas, asentamentos sobre os que mesmo ostenta o privilexio de funcionar como referente arredor do antigo vial de tránsito que agora se pretende delimitar, protexer e promocionar, neste último treito do Camiño ao paso polo territorio de Palas de Rei.
8. CONCELLO DE TOQUES
8.1. Dado que contamos con rigorosas prospeccións arqueolóxicas do Camiño Primitivo e da vía romana XIX desde o ano 1993, insistimos na conveniencia de conservar a traza orixinaria da calzada xacobea polo centro de Santiago de Vilouriz, treito empedrado até os últimos anos, por detrás das casas chamadas “de José de Penas” e mais “de Preceuto”, deica o cruzamento coñecido como Braña de Bernedos, onde a Xunta propón un desvío do itinerario orixinario completamente en falso, propiciando e dando pé á consolidación de estratexias apropiatorias que pasamos a relatar.
8.1.1. Resulta verdadeiramente incomprensíbel que a proposta oficial de delimitación do Camiño Primitivo de Santiago ao paso polo municipio de Toques pretenda consolidar as manobras de apropiación da calzada tradicional e orixinaria no emblemático e mítico lugar de A Pena Ferrada, derivando en falso a vía antiga a unha moderna pista forestal que paralelamente circunvala o Monte da Pedrosa.
Trátase dun treito do vieiro medieval que descende cara poñente enlazando as parroquias de Vilouriz e de Vilamor, logo de que xa nos anos noventa fora asaltada a calzada xustamente na saída de Santiago de Vilouriz pola calzada vella, vial de estrutura e firme clásico no mundo romano, con trincheira de laxas de pedra e canaletas.
Actualmente, obsérvase como un particular atrancou con total impunidade o camiño vello xunto á Ponte de Xancabo, ao achaiar a caixa do vial público para o incorporar a unha finca da súa propiedade, actuación que só afecta a uns cantos metros da vía pública e que resulta claramente recuperábel, con reposición da legalidade.
8.1.2. Non é admisíbel que a administración galega, no canto de sinalar, rozar e liberar de atrancos a vella traza (de só uns 300 metros de percorrido, polo travesío máis cómodo, aínda con restos do primitivo enlousado), propoña malgastar fondos públicos nun desvío do camiño montaña arriba e ao traveso dunha pista afirmada con grava, introducindo un cambio radical na traza histórica, desvío completamente artificial que engade un considerábel aumento quilométrico por unha empinada derivación sen lóxica camiñeira.
O camiño medieval é un fermoso treito viario, con amplas vistas no descenso cara o río Lagares, un vieiro aínda virxe na súa estrutura e rodeado de monte veciñal. No punto máis alto permanece atrancado mediante unha cancela para impedir que saia o gando dun prado sen fechar e que presuntamente ten como obxectivo engulir o paso do Camiño, sobre cuxa caixa foi levantado un muro de entullo que entorpece o paso a carón da Pena Ferrada, pequena rocha cunha gravura que o vulgo identifica coa ferradura do cabalo de Santiago, dando lugar non só ao topónimo senón mesmo a unha fermosa lenda xacobea que cómpre recuperar para a tradición camiñeira a Compostela.
8.1.3. Xa no río Lagares, o camiño pasaba sobre unha antiga ponte que tivo fábrica de madeira, a Ponte de Xancabo, agora de formigón.  Un paso sombreado de vexetación de ribeira, sobre as augas troiteiras. Aquí están as fincas do Chousón, que se anegan de auga no inverno, polo que é preciso manter limpos os augueiros que drenan a enchente e así impedir que o camiño se anegue durante varios meses. Este treito histórico do Camiño Primitivo conservou a calzada empedrada até hai ben pouco tempo, sendo ensanchado recentemente na subida á igrexa de Vilamor.
Todo este treito de vía, pintoresco e tradicional, está contemplado de xeito erróneo na proposta de delimitación que afecta á Pedrosa. Recentemente, as asociacións, entidades e investigadores que constitúen o Foro do Camiño Primitivo realizaron traballos de campo no lugar, tendentes ao recoñecemento, limpeza e recuperación integral da calzada histórica que pasa sucesivamente polos lugares de Santiago de Vilouriz, A Pena Ferrada, Monte da Pedrosa, Ponte de Xancabo sobre o río Lagares, O Chousón e a igrexa de Vilamor, en sentido descendente, vía e territorio orixinario a favor do cal se alega, rexeitándose completamente a desviación proposta na delimitación oficial conforme aos argumentos expostos.
8.2. Unha maior precisión cartográfica na proposta oficial permitiría situar a necesidade de recuperar a caixa do camiño antigo que discorre en paralelo á esquerda da estrada no entorno do lugar significativamente coñecido como O Francés, no tránsito de Vilamor á Ponte da Pedra.
9. CONCELLO DE MELIDE
9.1. O coñecido como Camiño da Martagona non só foi a única vía de acceso do Camiño de Ovedo á vila de Melide até épocas recentes, senón que se trata do traxecto máis curto e rectilíneo de oriente a occidente desde a Ponte de Pedra (nos límites co municipio de Toques), constatándose a súa entrada no núcleo urbano desde tempos remotos, para o cal se ergueu un popular pontillón de dous treitos sobre o rego de Pedrouzos, probabelmente con laxas procedentes da cámara dunha mámoa próxima, cerca dun importante muíño do século pasado.
Trátase dun antigo vieiro do que se conservaron empedrados próximos ás vivendas até os anos noventa do século XX, transitando por un vasto campo de mámoas que conduce de xeito paralelo ao río Furelos deica a popular encrucillada denominada Cruceiro dos Pelegríns. Con seguranza, esta vía representa o camiño prerromano que pasa entre unha agrupación de mámoas e sobre o que se asenta a calzada medieval do primeiro camiño das peregrinacións que penetraba no núcleo histórico de Melide, utilizado intensivamente na comunicación coas parroquias do norte e do leste até a actualidade.
O desvío cara o norte, pola Ponte da Mera e San Salvador de Abeancos, sobre a actual pista asfaltada, tende máis a obedecer á dinámica propia das calzadas romanas, guiadas a media ladeira e paralelas aos núcleos de poboación intermedios aos pontos de arrinque e de chegada, dado que as súas motivacións estratéxicas (alcanzar a mansión de Iria), militares e mineiras nada tiñan a ver cos obxectivos afíns aos camiñantes medievais, por tanto, a delimitación proposta contravén toda lóxica camiñeira en relación coa rota xacobea e mesmo coas comunicacións tradicionais da vila de Melide cara a Serra do Careón, toda vez que –aínda máis- precisa virar radicalmente e marcha atrás para encarar a Avenida de Toques e de Friol, realizando un quebro moi forzado para entrar na rúa Calvo Sotelo en sentido contrario á tendencia natural de entrada pola Martagona deica o vello hospital e convento de Sancti Spiritus, sempre cara poñente na dirección lóxica e constante do camiño de longo percorrido que a fin de contas é a vía compostelana.
En definitiva, xa a precaria itinerización realizada por volta de mediados dos noventa ten sido dabondo contestada nos ámbitos culturais melidenses por canto ten suposto unha deriva moi forzada no tránsito do Camiño de Ovedo por estas terras, motivo polo cal resulta a todas luces rexeitábel a omisión absoluta a que foi sometido o vello camiño da Martagona -desde o Cruceiro de Pelegríns- no proxecto oficial de delimitación, vía que o Xacobeo derivara cara o norte no canto de seguir a pegada da rota tradicional en sentido rectilíneo, na máis pura lóxica da camiñería histórica medieval, para ir dar no núcleo urbano coa rúa Martagona, a igrexa de San Pedro e o cruceiro que pasa por ser o máis antigo da nosa terra, desembocando igualmente na rúa Camiño de Ovedo e na praza do Convento, xunto ao concello e o antigo hospital, hoxe Museo Terra de Melide, argumentación teórica que cómpre recoller por máis que o antigo Camiño da Martagona fose seriamente afectado polas obras de apertura e urbanización da moderna estrada, feito que non é suficiente para borrar da memoria dos lugareños a realidade viaria antiga, aínda mantendo como alternativa a proposta oficial derivada ao norte do núcleo histórico melidense.
Por todo o dito, SOLICITO:
1.      Que se corrixan as numerosas deficiencias detectadas na Proposta oficial de Delimitación do Camiño Primitivo, tanto na identificación da traza como na protección do seu territorio histórico.
2.      Que, á vista das numerosas deficiencias observadas, se proceda a reabrir un novo período de consulta pública, debate e reflexión sobre o proxecto exposto e que, por seguinte, se amplíe tamén o período de alegacións.
3.      Que, no caso de que non sexa posíbel resolver as deficiencias detectadas na proposta de delimitación exposta en canto aos criterios legais de delimitación e á identificación rigorosa da traza e do seu territorio histórico, se proceda á súa anulación de oficio e á formulación dunha nova proposta oficial que cumpra coas esixencias do bloque normativo aplicable aos camiños de Santiago.
En Lugo, a 4 de outubro de 2012

AO R. DIRECTOR XERAL DE PATRIMONIO CULTURAL DA XUNTA DE GALICIA



[1]Citando a Arturo Soria y Puig: “Que un procedimiento tan laborioso no proporcione certeza, sino tan solo probabilidades, puede parecer decepcionante e indigno de estudio serio. Sin embargo, nadie apeo a la física cuántica de la categoría de ciencia por aceptar el principio de incertidumbre y adoptar consecuentemente un enfoque probabilístico. Por otra parte, si en la búsqueda de la certeza solo consideramos las vías avaladas por restos arqueológicos inequívocos, nunca podremos formarnos una idea de las redes. En suma, a más certeza, más fragmentaria será la visión de la red y si por huir de esa visión fragmentaria, abordamos de frente la reconstrucción de redes, hemos de habérnoslas con probabilidades o hipótesis que quizás sean en su día confirmadas o desmentidas por hallazgos diversos.
..//..
El procedimiento indirecto y probabilístico esbozado tiene dos ventajas. Por un lado permite datar, aunque sea probabilísticamente, no ya el uso del camino, lo cual puede hacerse a veces apelando simplemente a documentos medievales, sino de conjuntos de ellos, o sea, redes. Por otro lado, para datar el uso de las redes nos vemos obligados a reconstruir la manera en que cada civilización ocupó el territorio. Vista así, la historia de los caminos es inseparable de la historia del territorio o de una visión territorial de la historia”.

[2]La extensión de 30 metros de protección a ambos lados del Camino de Santiago no puede ser considerada como zona de amortiguamiento. Creemos que se trata del área principal”. Cfr. Alberto Martorell Carreño, “Buffer zones as a tool for protecting world heritage sites: the case of the heritage routes”. Citamos pola tradución ao castelán deste artigo, “Las zonas de amortiguamiento como herramienta para proteger los sitios del patrimonio mundial: el caso de los itinerarios culturales”, en E-Journal de ICLAFI-ICOMOS, xullo de 2009, p. 119, accesible en liña no site: