Asistiron: Ricardo Polín, Asociación galega de amigos do Camiño de Santiago (Begoña e Pablo), Asoc. Amigos do Patrimonio de Castroverde (Sabino e Marina), delegación en Lugo do Colexio de Arquitectos (Raúl, Marigel, Carreira), GDR Terras de Lugo (Antonio e Pablo), Club Valle-Inclán (Felipe Arias), Asoc. Cultural Espalladoira de Castroverde (Manuel Varela), Asoc. Cova da Serpe de Friol (Concha), Ricardo Polín, ADEGA (Curra, Montse, Belén), Asociación Camiño primitivo da Fonsagrada (Ánxeles Rei), cura de Castelo (Xosé Otero).
Exposición dos motivos da xuntanza:
1) Membros do Foro explicaron que a Xunta ten a intención de reunirse cos alcaldes dos municipios polos que pasa o Camiño para conseguir o seu visto bo para o proxecto de delimitación da vía primitivo que teñen preparado. Prevese que este proxecto tamén saia a exposición pública en breve, incluso no mes de agosto, e se non hai contestación, a delimitación será feita ao gusto do concellos, “á carta”, polo que a delimitación do territorio histórico sería reducida ao mínimo para que non interferise nos plans dos concellos.
2) Dase conta do obxecto da presente reunión: Acordar conxuntamente uns criterios mínimos para esixirlle á Xunta como Foro de cara á delimitación do Camiño e alertar aos diferentes membros do Foro do Camiño do estado actual da tramitación, para que non colla de sorpresa, e que non pase o mesmo que cando a aprobación da delimitación do Camiño Francés. Daquela (hai un ano) a exposición pública tamén se fixo no verán, con pouco tempo para alegar, e colleu de sorpresa a moitos. O resultado foi nefasto en tanto que:
a. Supeditouse a traza histórica polo criterio da “consolidación” e ao denominado “proceso aberto” (oficialízase a vía artificial paralela á orixinal), abandonándose a posibilidade de recuperar treitos alterados ou apropiados.
b. Rebaixouse o territorio BIC e desprotexeuse o territorio histórico do camiño francés (os elementos asociados).
c. Denegáronse as alegacións serias e acolléronse outras pouco fundamentadas e máis sustentadas na “modernización” do camiño.
3) Tamén se informou do desmantelamento do Comité Asesor do Camiño Primitivo. Deixouse de convocar regularmente, o Director Xeral xa non asiste, e botaron as voces críticas sen xustificación aparente, como a de Ricardo Polín.
4) As présas da Dirección xeral de Patrimonio sostéñense en que o Camiño Primitivo é candidato a Patrimonio Mundial desde o ano pasado e a Unesco podería resolver pronto. Sen embargo, sería difícil acadar o título de patrimonio da Humanidade sen a delimitación do camiño.
Por outra banda, estanse a aprobar os plans xerais de concellos polos que pasa o Camiño polo que a regulación municipal estaría adiantándose á da Xunta e iso, o día de mañá, poderíalles supór un problema.
5) Repasáronse algúns dos casos de agresión ao Camiño primitivo xa denunciados polo Foro no seu momento (Carballido, gasto de fondos públicos para a creación de trazas paralelas, tala de Baleira, etc.) e deuse conta dunha última agresión ao Forno de Valeriano, elemento asociado ao Camiño ao seu paso por Fonsagrada.
6) Tamén se dá conta da intención da Xunta de aprobar proximamente unha nova lei de patrimonio cultural que integraría a lei de 1996, e que tamén podería afectar ao Camiño Primitivo. Polo de agora a lei dos camiños ampara relativamente ás vías históricas que non sexan o camiño francés.
7) Lémbrase que o Camiño Primitivo é a vía sobre a que hai máis documentación histórica para facer con rigor e autenticidade a delimitación. E tamén existe xurisprudencia moi importante relativa ao Camiño Primitivo.
Logo desta exposición de motivos, o FORO DO CAMIÑO ACORDOU QUE FARÍA:
A. NOTA PRENSA FORNO VALERIANO.
Enviar unha nota de prensa sobre a desfeita do Forno de Valeriano da Fonsagrada á prensa. (Xa foi enviado e publicouse algo en El Progreso). Tamén se colgou na web de ADEGA: http://adega.info/info/090121joomla/novas-adega-lugo/810-o-foro-do-camino-primitivo-denuncia-unha-nova-desfeita-na-via-historica-ao-seu-paso-por-fonsagrada
B. NOTA PRENSA ANTE A DELIMITACIÓN DO CAMIÑO
a. Á semana seguinte á reunión, emitir outra nota de prensa indicando os criterios mínimos de rigor que esixe o Foro do Camiño Primitivo no proceso de delimitación. Estes serían:
-Pedir prioridade do criterio da autenticidade histórica sobre o de “consolidación”.
-Pedir repecto aos criterios legais de recuperación da traza histórica.
-Protección das trazas históricas e das súas trazas alternativas.
-Visión xenerosa e correcta do ámbito BIC protexido (que se protexa o territorio histórico e elementos asociados ou símbolos do camiño).
b. Xustificar unha nova saída do Foro á luz pública no cumprimento do seu segundo aniversario (que se cumpre en xullo). Tamén podemos aproveitar para dicir que desde aquela (xullo de 2010) aínda non obtivemos resposta ás nosas demandas presentadas por rexistro naquel momento. Pediamos coñecer o momento da tramitación en que estaba a delimitación do camiño e instabamos a que se fixese contando coa participación pública, o debate social, e co rigor dos expertos e entendidos do Camiño.
c. Facer referencia na nota de prensa á importancia de que o Camiño Primitivo fose candidato a Patrimonio da Humanidade.
d. Acordamos que tamén nesta nota de prensa se sinalasen algúns dos casos de agresión ao Camiño Primitivo máis graves.
C. ANTE A EXPOSICIÓN PÚBLICA.
Tamén se acordou que cada un dos membros do Foro estivese atento a saída a exposición pública do documento de delimitación e que cada entidade do Foro tería que presentar alegacións, dado que o Foro non ten entidade xurídica para este tipo de accións.
Lugo, a 12 de xullo de 2012
Deixa unha resposta