Reflexións preparatorias
Seguimos facendo Camiño

Seguimos, seguimos e sigamos, facendo Camiño,  a imitación do Miño, noso modelo exemplar, que por algo, alguén, tivo a feliz idea de comezar, coma o Miño, da Irimia no seu Pedregal. ¡XXXV, trinta e cinco anos, trinta e cinco pasos, trinta e cinco pegadas, pero aínda faltan máis! Daquela, coma o Miño, somos criaturas a medio criar. ¡Sigamos, pois, que é moito o que nos queda por andar, moito o que temos que ensinar, o que temos sen regar!

¿Qué nos ladran os cans no Camiño? ¡Razón de máis para seguir, para abri-la vereda…, se á nosa Meca, á nosa meta, queremos chegar! Camiñante, non hai camiño: ¡Faise ao andar! Daquela, andemos, andemos con soltura e con decisión, que niso temos a quen imitar, e imitando, imitarannos, como fixeron aqueles doce…, aqueles doce menos un, pois traidores tampouco faltarán!

¡Xa; e desde que chegue o Miño á fronteira de Portugal? Para comezar, non hai fronteiras, que todo é dos fillos de Adán; e de chegados á final, as augas seguirán vivas, máis salgadas aínda; de chegados á mar o noso camiño seguirá vivo, marcando estelas, trazando rutas…, para quen nos queira imitar!

As nosas vidas son os ríos… ¡Que si, Xurxo Manrique, que xa o sabíamos, pero fixeches ben lembrándonolo, pois, por veces, detémonos, outeando horizontes de grandezas, de riquezas, de apropiacións indebidas…! ¡Espellismos, bastos espellismos, miserias humanas, miopía…, tendo aló adiante, á fronte, no sitio das trinta moedas o tesouro inmarcescible da gloria eterna, testada co sangue de Cristo nada menos!

Ide e predicade o Evanxeo… ¡Non te pases, rapaz/rapaza, que iso incúmbelles aos apóstolos! ¿E ti qué es senón un apóstolo, o enésimo, un seguidor, un beneficiado da Boa Nova, pero tan egoísta que nin transmites o recibido; sequera ben nolo dixo a nosa Enriqueta, e iso que a tiñan por descrida: “Moito recibimos, así que temos a obriga de deixalo en herdanza, pero, mellorado, que tamén o fixeron os nosos predecesores!”. O Mestre dixo que El era o Camiño, a Verdade, e a Vida; daquela, con tal guía, ¿qué facemos aquí abaixo, parados, atendéndolles a eses cans que nos ladran? E xa que o Miño, noso padriño, vai parar ao mar, escoitemos ao capitán da nao, que a tal momento estanos ordenando desde a ponte vital: ¡Avante toda!

A Veiga do Olmo, un bo lugar para renacer

 ¡Un bo lugar para renacer, tanto en cristián coma en galego, non si señores teólogos?

“Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente e árbores que desen froitos, cada unha coa súa semente conforme á súa especie. E así foi. A terra xermolou herba verde, plantas coa súa semente, árbores que daban froito, cada unha coa súa semente. E viu Deus que estaba ben. E así completouse o terceiro día”. (Xénesis 1, 11-13). Despois veu o pecado, e tras do pecado o diluvio, etc., etc., ¡pero o Castrum do Vallis Viridis salvouse, e os de Castroverde replantamos un olmo, un ulmus minor, deses que requiren un chan fresco e fondo, para mostrarlle ao Creador dúas cousas: o agradecidos que lle estamos pola súa Creación, e tamén polo feito cordial de salvarnos do diluvio universal, que así, nosoutros, por tan singular privilexio, seguimos tendo en herdo un cacho inalterable e inalterado daquel Paraíso Universal. ¡Deo grátias!
O lema da XIX Romaxe (no Rosario, Vilar de Donas, A Ulloa), foi: “Polo camiño verde”. Nisto estamos, que polo Camiño Verde seguimos, aquí chamado “Primitivo”, porque o é, porque arranca de tempos remotos. E no de verde, xa o comprobarán por si mesmos os asistentes á Romaxe do próximo setembro. ¿É ou non é Castroverde?

Iso nos propoñemos: ¡Renacer! ¡Volver a nacer! Volvernos nenos…, ¡pero co sabido, sabido! Daquela será cousa de bautizarnos de novo, outra vez, que auga temos, e cotra para lavar…, algunha! “Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus non entrará nel” (Lucas, 18, 15-17). Xa que nos puxemos de camiño aló arriba, no Pedregal de Irimia, sigamos, baixemos, acollámonos ao Primitivo, á Igrexa Primitiva, sinxela, fervorosa, valente, disposta ao martirio se preciso fose. Dixo o propio Xesús: “Dádelle ao César o que é do César”. Daquela o boato, as presuncións, as vaidades, son do César, ¡e hai tantas e tan mal adxudicadas! Por iso, algúns, queremos renacer, tornar ao bo camiño.
¡Do Pedregal á Veiga do Olmo todo é Miño, todo é noso!
O pecado está neses eucaliptos do fondo, que por algo lles dan as costas esas beatas da fotografía. A virtude está nas rochas da morena do glaciar, do glaciar de Irimia, nacemento do Miño, nacemento das nosas Romaxes. Estas son as pedras grandes, aquelas coas que non puideron as meigas da Serra de Meira cando as tiveron que utilizar para defenderse dos cistercienses, que seica as querían pasar pola pedra…, iso, antes de pasalas polo altar! Un problema: ¡as meigas querían casar, e os frades, cos seus votos, cos seus hábitos…, o eterno dilema da carne!
Aló van TRINTA E CATRO ROMAXES, que se di pronto! Para o ano próximo a XXXV, e  tócanos esta honra aos de Castroverde: ¡a ver cómo nos portamos!
Por estas romaxes desfilou a honra e maila prez da nosa Gallaecia: sabios e santos, teólogos e discípulos, mozos e vellos…, que honraron a Deus coa sinxeleza e coa verdade, dous atributos escasos, pero non nestas celebracións, e por ende, na nosa terra! ¡Qui te de paradísi fonte manáre fecit, et in quátuor flumínibus totam terram rigáre praecépit!

Para comezar, eu xa recollín unha pedra desas da Serra de Meira para levala comigo á Veiga do Olmo e presentala nese día, como ofrenda. ¿Que por qué e para qué? ¡Moi sinxelo: Para facerlle un exvoto ao río Chamoso, ao Flammoso, que é ese fillo do Miño ao que debemos que o noso Castro sexa o máis Verde de toda a cunca! Con isto heille pedir que conserve verde o meu país, pero só o país, sen prexuízo de que madure, cal trigo flamexante, aquel que o precise, se é que quedan almas verdes!
Xosé María Gómez Vilabella