Reflexións preparatorias
 -II-
A única equipaxe coa que vimos a este mundo é precisamente a bolsa dos talentos, as potencias da alma. Primeiro abrimos os ollos, ¡déronnos á luz!, e aos poucos comezamos a gatear; ¡pésanos demasiado a cabeza, e desprázasenos o centro da nosa gravidade! Pero tan pronto conseguimos tomar posesión da terra, botamos a andar, a camiñar: Cos pés no chan, dominándoo, e os ollos erguidos ao Ceo, obedientes, atentos ás ordes do noso Creador. ¡Os talentos comezan a funcionar!
Ser galego é unha carreira; nacer en Galicia, un privilexio. Por se fose pouco, ata soa parecido a Galilea! ¿Isto debe ser, pode ser, un motivo de orgullo? ¡En absoluto! De satisfacción, si; e como quen máis recibe máis obrigado está, ¡tomemos nota! Sabíano ben aquelas lumieiras que acenderon o facho das romaxes no noso Sinaí, morena glaciar, Irimia Alta, fonte das augas limpas, orixe e causa principal deste verdor galaico, que por algo e para algo nos puxeron no fisterrae do mundo antigo; e tamén por algo, acaso por acatamento do mandato divino de predicar ata os confíns, nos elixiu como alumnos aquel Iago, aquel Fillo do Trono. Trinta e cinco estacións leva a nosa Vía, trinta e cinco cruces en sitios elixidos, singulares, privilexiados; ¡non está mal, nada mal: trinta cinco sucos…, a trigo, a trigo sacramental!
Nisto, como en tantas cousas, temos que evocar á nosa, rotunda, Enriqueta: “Se moito recibimos, moito estamos obrigados a conservar, a mellorar, a transmitir!”. ¡Este si que é un relevo xeracional, outro!
Recibimos a tea encantados, e precisamente para setembro, época na que a “mies”, con todo ser moita, ¡a espiritual, que non a outra!, está recollida, cribada, soleada. Daquela cómpre prepararnos para a seguinte sementeira. ¿Teremos talento/s suficiente/s para esta propaganda fide? A “mies” é moita, e os operarios seguen sendo poucos… ¡Xa o sabemos, pero a estas alturas do cristianismo, co fardelo do gran á man, a camisa fóra, como é tradicional en toda sementeira, e a Biblia na cabeza, pero dentro, non de sombreiro, non hai alumno que non poda facer de mestre…, se quere selo!
É moito o recibido das irimianzas precedentes, ¡é obrigado recoñecelo e agradecelo!, así que, por verdes que esteamos, non hai pola que non sirva de báculo; e logo que estamos afeitos a camiñar… O que non sabemos é se o Camiño Primitivo, o inicial, se fixo polo propio Santiago, ou séculos despois polo Afonso II, ¡outro Pedro, Casto si, pero tamén tivo sogra!, cando devolveu a visita. Eu, modestamente, pois é só unha dedución lóxica, entendo que Santiago pasou catro veces aquí por Castroverde: a primeira, para predicarlles aos ástures, aqueles galaicos do Este; e despois cando, farto de que os galegos lle dixen algo así como, “Mire, don Iago, xa o pensarei…, e tamén o teño que consultar coa miña dona!”, se puxo en camiño do porto tarraconense. ¡Menos mal, menos mal, que lle cortou a impaciencia, desde aquel piar de Zaragoza, a propia Virxe María, que seguramente lle dixo: “¡Segues sendo un fillo do trono…! Volve para atrás e ten paciencia, pois os galegos sonche así de asentados, e por ende, reflexivos, pero iso é unha calidade. Debes ter, coma eles, a virtude do trasacordo… Volve, e sementa a palabra de Deus, pois a boa terra boa xente dá!”. En definitiva, que Santiago volveu a pasar por Castroverde, e nós, de agradecidos, seguimos, coma el, facendo Camiño!
Xosé María Gómez Vilabella