Desde a Veiga do Olmo ao campo da feira |
Sábado, 11 de febreiro de 2012
Neste sábado, algo frío de mañá, mais día cunha luminosidade xa case que de primavera, achégamonos ao alto da Vacariza ao pé do Camiño Primitivo para descender ata Castro Verde polos lugares arriba indicados; mais antes de comenzar a camiñata, achegámonos á Cruz de Pedra,( un cruceiro granítico sobre unha base de pedra con fuste e pequena cruz). Dicir que este cruceiro despois de vinte anos que a Consellería de Obras Públicas, na ampliación da estrada Lugo-Fonsagrada, derrubou o cruceiro e, o que era o propio Camiño Primitivo, meteuno de entullo para a nova estrada, en palabras de Ricardo Polín; temos que comentar tamén que, O Camiño Primitivo segue cortado na Cruz de Pedra da Vacariza, xusto no mes en que se presenta a súa candidatura a Ben Mundial da UNESCO, o que mostra a inoperancia da nosa administración canto á protección do patrimonio xacobeo. Como diciamos antes de emprender camiño achegámonos ao cruceiro para proceder a unha mínima limpeza e podérrmolo fotografar. Desde a Asoc. Amigos do Patrimonio, reinvindicamos que as Institucións correspondentes, procedan á limpeza e adecentamento da contorna e do propio camiño que nos levaría por Vilalle por onde iría o Camiño Primitivo orixinalmente, falamos de limpar, a penas, uns douscentos ou trescentos metros.
Logo da limpeza e fotos correspondentes descendemos, entre O Acebral e O Cuteiro, en dirección á aldea de Peredo, lugar nativo de Paco Pestana, membro da Asociación e escultor recoñecido. De Peredo á Frairía, onde puidemos visitar a súa igrexa, dicir que é un templo de tres naves separadas por arcadas de medio punto, apoiadas nun piar central. Nave central a dúas augas , armada sobre madeira con tres trabes tirantes. As naves laterais cubertas tamén a dúas augas, perpendiculares á nave central. Porta principal alintelada e, cornixa corrida delimita o frontón coroado por unha espadana de dous vans e, cimcio cun oco e tres pináculos. Presbiterio máis amplo cá nave e cuberto a catro augas. O retablo maior é barroco do século XVIII e dous retábulos ao sur.
Da Frairía por Nogueira ata Folgueira onde son de salientar a Fonte, Pazo e capela adosada ao mesmo. Capela adosada de planta rectangular. Muros de cachoteria onde se abre unha ventá. Cuberta de lousa a dúas augas. Na fachada principal ábrese unha porta que ten encima unha representación dun cáliz e unha hostia. A fachada remata nunha espadana dun van coroada por un pequeno cimacio cun oco remtada en dous pináculos e unha cruz central.
De Folgueira ao lugar de Marrando que pertence á parroquia de Marrondo, neste lugar e de salientar a Pena dos Mouros, situada na carballeira do mesmo nome, formación rochosa, de grandes dimensións que forma unha especie de cova entre as rochas que, pensamos que quedou como resto dunha desglaciación, lugar máxico, trátase dun abrigadoiro rochoso que por capricho da natureza arremeda a fasquía dun monumental dolmen. Este rochedo adoitaba ser refuxio dos rapaces que levaban o gando a pacer pola zona pero tamén está relacionado cunha fermosa lenda que conta que a Pena dos Mouros foi feita por unha moura fiadora que pasaba un día pola fraga. Seica a moura, que ía fiando na roca, cansada de camiñar e de cargar sobre a súa cabeza cunha grande laxe, parou a carón duns penedos a descansar e sobre eles deixou a pedra que levaba, de xeito que esa grande laxe acabaría formando o teito que cubre a Cova da Pena dos Mouros, lugar máxico, como moitos en Galicia que merece a pena de ser conservado. Reinvindicamos desde aquí a posta en valor deste lugar, tanto da formación rochosa coma do impresionante souto co que nos encontramos baixando camiño da pista que nos leva a Cubelas. Se este monumento e souto o tivera outro concello teríano posto en valor hai moito tempo.
Camiño de Cubelas puidemos ver dous muíños, un deles, o muíño de Bica cun cubo para almacenar a auga dunha profundidade que chama a atención.
Xa en Cubelas, salientar a súa igrexa. Templo de armadura de madeira cuberta a dúas augas. Fachada principal de granito con arco de medio punto na porta pricipal, cunha fiestra rectangular e unha espadana de dous vans.
O presbiterio máis elevado cá nave principal e cuberta a catro augas.
A sacristía pegada ao presbiterio e nave central cuberta coa prolongación do mesmo tellado. Posúe retablos barrocos.
De Cubelas polo Monte Queimado, chegarmos ao pé da Veiga do Olmo, para pasarmos polo campo da feira ata Castro Verde.
Pola tarde, algúns, fomos visitar a Cova da Valiña, con motivo da celebración do cincuentenario do seu descubrimento. Outro dos lugares emblemáticos do concello que temos que reinvindicar.
Saúde, Terra e Lingua
Manolo Muñiz
Deixa unha resposta