O meu Bergland
 Panorámica de Bergland, Sölden – Tirol

 
 
Teño para min, sempre o tiven, que as irmandades locais están na cúspide da cultura. No lugar oposto estiveron os castros, construídos maiormente, e coido que con todo fundamento, para defenderse, para esconderse, dos veciños; dos veciños, si, pero cos romanos, ante aquelas sintagmas cuadrangulares, de pouco lles serviron. Co tempo, e cun milleiro de guerras por medio, o home descubriu que mellor se está en compañía, tanto individual como colectivamente. No persoal hoxe en día padecemos unha certa crise matrimonial, pero xa se apearán da burra, desa burremia transitoria!

Fíxome moi feliz iso de que a irmandade dos Castroverde chegase a bo fin; ¡é un signo da nosa civilización! Pero na miña intimidade fáltame outra; esta é persoal: Descubrino cando fun ás mozas a Rois… ¡Rois = xunqueira, en lingua xermánica, que é igual a dicir, sueva! Benditos suevos, que lles coubo en sorte repoboar un terzo da nosa Gallaecia: Rois, Suegos…, Bergland! Así puiden casar cunha, probable, descendente, de igual raza, acumulando, sobrepoñendo, á cultura romana, extensa pero un tanto agresiva, a suavidade, o campesiñado, dos suevos.

Berg-land = terras, perspectivas, vistas montañosas. O que sinto é que os meus devanceiros se cansaran do que lles pareceu un sobrante de consoantes, e deixáronme en herdo un Berlán eslamiado, menos eufónico. ¡Que amor non lle terían á terra para plasmar na toponimia desta bisbarra, en particular do noso Castroverde, o retrato verbal, representativo dos seus matices e das súas particularidades! No meu caso concreto, facendo unha comparación co Bergland de Sölden: á esquerda, o monte de Cobula; á dereita, a Grandiña de Maxide; e de fondo, máis ben á esquerda, o grandioso, o histórico, Mons Ciro. O que nos falta, para que a comparación sexa completa, é acadar os seus habitantes, e logo que ten un dos mellores hoteis do mundo; se non en magnificencia interior, si en grandiosidade paisaxística. Tamén se parecen a nós no seu espírito migratorio, pois atopamos hoteis “Bergland” incluso no afastado Míchigan.

O dito: ¡Bendita sexa a civilización que nos leva a recoñecernos irmáns, aínda que só sexa polos nomes! Xa sei que Adán queda lonxe, e que máis ben somos primos en enésimo grado, pero tamén é certo que hai primos que se levan mellor cós irmáns.

Xosé María Gómez Vilabella