Subir á montaña
Non hai nada como subirse á montaña, canto máis arriba mellor, para fuxir deste val das bágoas e da lama, saturado de desviacións e deformacións; detritus cheirentos, en definitiva. Comezou Moisés, e Deus proporcionoulle o código da circulación humana; Xesús, desde o seu cume, ¡desde o Cume Supremo!, prometeunos o Ceo das benaventuranzas con tal de que teñamos paciencia cos arroutos do próximo; e por último, eu, este humilde servidor, que nunca tan feliz son como subido aos meus seiscentos metros lucenses, chova, neve ou solee!
Cando me quedo na Coruña, raseiriño, perdido neste bosque dos mudos, ¡aquí só bradan os autos e nunca os corzos!, case a nivel do mar, qué outra me queda se non é elevarme en min mesmo, sobre min mesmo, ata poñer ao alcance dos meus ollos, pero abaixo, debaixo, estes cheiros do monóxido de carbono?
Sempre é digno e bo subirse aos cumes dos altos ideais, pero en tempos de crise, de calquera tipo de crise, esta bondade acada niveis de necesidade. Cando as bágoas pingan para abaixo, os ollos claman ao Ceo, miran para Arriba, álzanse. Xa sei que é ímprobo facelo a diario, elevarse a cotío nas prostracións da vida, pero ademais dunha recomendación relixiosa iso das benaventuranzas é a receita máis pragmática que podamos darnos sen prescrición facultativa, o que se di por automedicación. ¿Ou é que o espírito non ten doenzas? ¡Vaia se as ten, e ben dolorosas por certo!
Resignarse, aínda que soe parecido, non é sinónimo de indolencia. Tampouco significa conformarse con esa vulgaridade á que chamamos sorte. Nunca foi prescrito, nin contraindicado, aquilo de “A Deus rogando, pero co mazo dando!”. Tampouco é certo iso de que, “Non hai que facerlle”, que adoitan recomendarnos os inimigos que se dan de amigos. ¿Que xea, que se encolle o ánimo? ¡Daquela non hai como traballar o dobre para estira-lo espírito, que é o mellor dos cobertores! Mira por onde van ter razón eses malfalados que din que “Hai que botarlle c. á vida!”; ¡e ovarios, tamén, agora que todo é unisex!
Traballar, si, pero con planificación; ideoloxías, si, pero co corazón, ademais da cabeza. Se soubese Caín que no pecado sempre vai a penitencia, por animal e por envexoso que fose, gardaríase de molestar a seu irmán; antes ben intercambiarían produtos: Eu teño caza, e ti fariña; daquela fagamos un asado, e comámolo con pan, que así eu non como a carne soa, nin ti pan esgrevio. Teño para min, por máis que non foi iso o que me ensinaron, que en Económicas sobra Economía e falta Ética. A Economía pura é a máis impura das ciencias. ¿Ou xa temos esquecida aquela frase do patólogo José de Letamendi, que dixo, “Quien sólo sabe de medicina, ni de medicina sabe”? ¡Hai que subirse á montaña, sequera sexa para situarnos lonxe, por encima, desta contaminación do, todo vale!
Deixa unha resposta