O de calzarse con xeito, quere dicirse, con zocas, non lles foi posible, e iso que todo por aquí tiñan betulas a granel, desde o mar ata Fonsagrada, en tanto en canto Tubal Caín non descubriu o ferro, e co ferro, o aceiro, e cos aceiros afiados e retortos, as trades. O proceso foi longo, así que, chegar a unhas zocas custoulle á humanidade media eternidade, ¡como para que este homo sapiens do século XXI, d.C., as desprece! Eu, polo contrario, ¡será porque son do XX!, adóroas, pois grazas a elas, á súa labra e á súa venda, cheguei a ter catro cobres, catro cadelas, no peto, ¡miñas, tan miñas como foi o Gran Río para aquel Hannón!
Agora que temos tantas prazas baleiras por culpa da retirada dos Martes, dos deuses da guerra, don Hermenegildo, no Ferrol, Millán Astray, na Coruña, etcétera, ¿non sería a ocasión de erixirlles unhas efixies aos zoqueiros, deuses da paz, deuses do avanzar silente, pacífico e confortable? Este servidor comezou dando exemplo xa que entronicei as miñas zocas, as últimas que fixen pois das primeiras só teño un recordo, iso si, definitivo, nos calos dos meus pés: ¡Aquí as tedes, que igual serven de modelo se esta crise económica nos obriga a volver sobre os nosos pasos, sobre os pasos mal dados!
¿Alguén fixo outro tanto pola saúde e polo confort da xente deste país ao que chamamos Galicia? Coido que non; así que, daquela, polo que a min toca: ¡Gloria aos zoqueiros da Gallaecia!
Deixa unha resposta