ACTOS POLO 125 ANIVERSARIO DA MORTE DE ROSALÍA DE CASTRO

1
Espectáculo “Ao raso coas lebres” a cargo da compañía Casahamlet.


Foi un empeño de Casahamlet, desde os seus inicios en 1998, o facer unha triloxía escénica sobre os tres grandes poetas do Rexurdimento. e así estreou ESCURO ENIGMA EU SON (Pondal, 2002), QUEN PUDERA CONVOSCO VOAR (Curros, 2008) e agora presenta AO RASO COAS LEBRES (Rosalía 2010), un recital-concerto que tenta mostrar a lucidez e rebeldía dunha muller que, adiantándose ao seu tempo, desvela a situación do pobo e da cultura galega, comezando pola lingua, que ten nela a primeira usuaria con forza suficiente para inaugurar un tempo novo marcado pola consciencia e polo orgullo, así como pola contundencia fronte as agresións. Tal vez non houbo nin chegará a haber en moito tempo unha voz tan escoitada con respecto e emoción polo seu pobo. Con este recital CASAHMLET pretende facer chegar ao público, un exemplo da poesía e de compromiso que teñen na nosa escritora os seus acentos máis sonoros. O prezo para as institucións sería maior e no caso das asociacións de base unha cantidade menor. Contacto: Tfno. 981 278 460 ou 627 489 879. [email protected]

2
Publicación do libro “O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e feminismo” de María Pilar García Negro. Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais 2010.

García Negro expón que Rosalía de Castro (1837-1885) é a escritora que inaugura o ensaio, como xénero literario, na literatura galega contemporánea. Así o certifican as súas introducións a Cantares gallegos e a Follas novas, que son moito máis do que prólogos ao uso. Igualmente brilla o seu papel pioneiro no espertar dunha conciencia de xénero que se revela na reflexión profunda e avanzada sobre o ser muller, a apoloxía das súas conxéneres e a solidariedade coas duplas vítimas do sistema, por mulleres e por galegas. É, sen dúbida, a primeira feminista da nación galega. (Pódense organizar presentacións).

3
Recreación do traslado de Rosalía de Castro de Adina a San Domingos. 15 de xullo
(
achégase proposta de acto na segunda e terceira páxina).


4.
Exposición de Rosalía en 20 paneis.

En elaboración. Contacto: Fundación Manuel María de Estudos Galegos. [email protected]. Tfno. 649 250 246

5
Concurso de Curtametraxes.
Consultar www.as-pg.com


6
Publicación, á volta do verán, dun libro sobre Rosalía de Francisco Rodríguez editado pola AS-PG.

125 aniversario da morte de Rosalía de Castro (15 de xullo, 1885-2010)


Esta iniciativa que se fixo pública onte é a recreación do traslado dos restos de Rosalía desde o cemiterio de Adina (Padrón) até Bonaval (Santiago), cadrando co 125 aniversario da súa morte. Esta actividade terá lugar o próximo xoves 15 de xullo e está organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a coal debería contar co maior respaldo posíbel por parte das asociacións culturais de toda Galiza.

Esta homenaxe a Rosalía de Castro ten un maior valor simbólico pois hai que lembrar que o Panteón de Galegos Ilustres está xa na actualidade baixo a propiedade da Igrexa católica, que será quen autorice de agora en diante as visitas a este lugar. Precisamente, a reivindicación da apertura do Panteón e que volte a mans civís tamén será un dos obxectivos da marcha rosaliana.

Programa provisional (os horarios están pendentes de confirmar)

16:30 horas.-

Concentración na Colexiata de Santa María de Iria, cemiterio de Adina:
Alocución por parte do Presidente da AELG informando do sentido dos actos, lectura dun poema de Rosalía (Cantares Gallegos, “Nasín cando as prantas nacen”). Marcha a pé até a estación da Matanza, ao carón da casa de Rosalía, para tomar o tren deica Compostela.

17.00.-

Saída do tren identificado cun nome alusivo como “Terra a nosa!” ou “Campanas de Bastabales”, con 200 rosalianos: reparto dun folletiño informativo sobre como foi o acto do traslado en 1891 (cando se entregue, cobrarase o billete).

17.30.-

Chegada á estación de Santiago, onde estará agardando a comitiva restante que non acudiu ao cemiterio, actuación da banda municipal e organización da marcha. Saída pola rúa do Hórreo cara a Praza do Toural encabezados por algunha banda ou grupo tradicional que vaia tocando ao longo do percorrido.

18.00.-

Praza do Toural, primeira parada da comitiva.- Lectura de 3 poemas de Cantares Gallegos (“A gaita gallega”, “Castellanos de Castilla” e “Eu cantar, cantar, cantei”). Integración na marcha dos concentrados na praza que non acudiron ao cemiterio. Haberá megafonía en cada parada e procuraranse persoas que declamen ben para as lecturas poéticas de cada parada.

18.15 horas.-

Praza da Universidade: audición do Pietat Signore, de Stradella.- lectura doutros tres poemas de Cantares Gallegos (“Miña Santiña”, “San Antonio bendito”, “Adiós, ríos, adiós fontes”).-

18.30.-

Praza de Cervantes: fachóns acesos ou calquera outra novidade. Escaparates da Libraría Couceiro adicados ás obras de Rosalía. Lectura doutros tres poemas (pendentes de escoller)

19.00 horas.-

San Domingos de Bonaval: Portas de entrada e escaleiras: presentación do acto final:Audición do Ángelus, de Massenet, lectura de poemas de Follas Novas, intercalando actuacións dos grupos músicais ou artistas participantes, lectura do comunicado/manifesto sobre os 125 anos de Rosalía e a reivindicación de apertura ao público do Panteón, canto do Himno Galego.

Galiza, 15 de xuño de 2010