O Paio de Sampaio


O diaño me tentou aquela noite, mentres quentaba as canelas na cociña vella da Pallota, nunha rolda de contos diso, de lareira, referir o que lle pasou ao Afonso da Cordeira coa mestra do Pombal. Veredes o por qué, qué complicacións e qué descubrimentos traen consigo as palabras, algunhas verbas, maiormente as angulares, que non todas, por suposto, que tamén as hai que funcionan de macheta, e despois están as de recheo, etcétera.

Aquel Afonso, de grata memoria, fora comisionado para ir a Castroverde a busca-la nova mestra, que tiña anunciada a súa chegada no coche da tarde, no dos Veigas. Á saída da Misa, que era cando daba as ordes aquel pedáneo, aquel Dositeo da Cernada, máis coñecido polo alcume de “Dixen”, un alzado, un verdadeiro pretor por aqueles días do Alzamento…, algún gracioso propuxo que fose o tal Afonso a busca-la mestra, pois aínda que non tiña fillos en idade escolar, dispoñía dunha boa cabalgadura… ¡Iso si, pois a burra do Afonso tanto andaba na directa como na reversa!

Non tiña fillos na escola, xa o dixen, pero tiña cinco cargos, todos por enchufe do señor cura, de don Benito, aliado co pedáneo Dixen. Era, ou exercía de, campaneiro, enterrador, sancristán, apousentador da tropa, e, a maiores, alguacil das cacicadas. ¡Demasiadas prebendas como para negarse a unha prestación cívica, persoal! Cómo non sería a cousa, que incluso tiña unha camisa azul, bordada en rojo ayer, para aquelas ocasións marcadamente protocolarias. O pobre Afonso, ¡que digo de pobre, pois ese está no Ceo, seguro que si, con cargos e ben pagado, polo menos de alguacil das ánimas, ou de introdutor dos responsos!, aceptou aquela comisión sen rechiar.

Despois da encomenda, nunha especie de grazas a Deus, que non ao Afonso, cantouse o Cara al sol, e tiráronse aos catro ventos, desde os coutos aos cubeiros, aqueles urros triunfais, que para iso do Imperio, en Montecubeiro, ¡todo, ou nada! Foi cousa de ver, irrepetible, a daquel enterrador coreando os vivas dos esbirros matachíns.

Fóronse para Castroverde, de seguido, que aquel domingo non tocaba feira, e non había acompañantes, o señor Ignacio e mailo Afonso. Ignacio a buscar o correo, e Afonso para recolle-la mestra, unha civilizadora da Normal, séxase, normalizada!

Xa de volta, por Bolaño adiante, con outros que volvían de Lugo, chegando ao río Chamoso, deron en ladrar os cans do señor Xervasio, se cadra polo barullo que percibisen…; e daquela a burra, que non era de tanta paz coma o seu amo, sacudiu as pulgas de tal xeito que deu coa mestra no chan, medio envolta e medio revolta na propia saia…; ¡nun retallo dela, que por entón a norma era longa pero a tela escaseaba! A mestra, que por algo era de Lugo, e por iso, aleuta, apartou aquela bufanda que se lle formara coa fanguela, para devolvela ao seu oficio de saia, e despois diso levantouse, nun tris, visto e non visto…; ¡tanto que había para ver, ou polo menos, para entrever! Afonso, todo galantería, todo servidume, arrimoulle a burra á parede daqueles prados do muíño para que lle servise de montante, que non lle deu tempo para máis, e coa mesma, a ínclita volveuse á albarda, antes de que Afonso, ou Ignacio, ou calquera dos que viñamos de Lugo, tivésemos tempo para galantear, para axudarlle, naquel transo, naquel apuro, naquel ridículo, naquela vergoña… Pero ela, a señorita, só falou co Afonso, que aos demais fíxonos de menos; ¡no meu caso era natural, un impúbere!

-¿Alfonso, has visto mi prontitud? ¡Espléndida! ¿No?

-Señora mestra, eu…; eu non lla vin, que a leva ben tapada, con esas braguiñas mouras…; e logo que…, aquí non se lle chama así á regaña das mulleres, que se lle di a paxara…, ¡con perdón dos paxariños!

Aínda ben non rematara con aquela historia verde, a xogo coas outras que se estaban contando, por quenllas, que de conto nada tiña, ¡dou fe!, na taberna susodita, nesa da Pallota, cando un daqueles parroquianos, que era de Sampaio por máis datos, exclamou:

-¡Esi home ye bobo, que pudo tarse callau, ou dicirlle que lla volvese a ensinar, de vagar, pero máis adiante; a soas, por suposto!

Daquela houbo algún riso, pero eu non entendín máis nada de semellante xerga. Tempo adiante, vivindo nas Asturies, decateime de que aquel señor de Sampaio chapurreara dúas ou tres verbas, ¡en bable! Volvín pola Pallota, ex professo, pero levoume tres días; tres días de investigación e de inquéritos para localizar ao meu interlocutor, ao señor de marras, aquel do bable:

-Mire que ardo en curiosidade por saber cómo é que vostede, naquela ocasión, aí na Pallota, dixo aquelas palabras, ¡en bable! Por máis que preguntei, todos me dixeron que vostede nunca da Fonsagrada pasou…; pero non só iso, senón que estes días, falando con xente deste contorno, atopei algún que outro que bablea…, coma vostede!

Enfadouse e interrompeume:

-Aquí non babea ninguén; e teña conta do que di, que me estou cargando de razón!

-Señor, calma, que a cousa non vai a maiores, pois iso do bable élle a lingua dos ástures…

-¿Como que dos ástures? ¿Así que, por aló adiante, eses parentes só saben o que aprenderon de nós, dos da casa matriz, dos lucenses?

Demos en falar, cun bo viño de Quiroga por compañeiro a falta de sidrina, e aquel paisano repasoume, nunha tarde, cen follas da Historia medieval. Contaban os seus antepasados que o morgado das Torres do Souto, hoxe Souto das Torres, ¡que a saber por qué o reviraron!, daquela que os mouros se achegaron aquí por Lugo, que ben coidaron que era a Meca do Poñente, pero, ¡arrefriáronse!, propúxolles aos seus rendeiros repregarse pola Vía de Gigia, para as montañas das Asturies, onde era máis fácil defenderse das cimitarras daqueles agarenos, que alí chegaba con subirse aos riscos e arrearlles catro cantazos…

Coa mesma fóronse cara aló, cara ao sol, ao Nacente, arreando naqueles rabaños da facenda miúda, uns a pé e os outros andando, de quitado uns cantos cabaleiros, así chamados porque tiñan cabalo propio, de seu, que non por outra cousa, non se pense mal! Pero denantes pecharon, ou trancaron, a igrexiña do San Paio, que fora da mesma familia condal, tamén coñecido por Pelayo entre os godos, seus veciños, ou máis ben, seus opoñentes, pois eran unha xente lixeira, e mal falada.

Fose Paio, ou Pelayo, ou Pelaxio, o caso é que se trataba dun fillo do conde de Flammoso, que lles capitaneou aquela éxida – persecución, mal ou ben calculada, cara á Fons Sacra, pola Vía susodita de Gigia, montañas adiante; ¡adiante e arriba, pois houbo que subi-lo Acevo!

O señor de Sampaio, aquel amigo recuperado, non se lembraba ben do que lles pasou despois nas Asturies, pero si de que seu avó contaba que o avó del lle dixera…, e por aí adiante, que seus primos, aqueles emigrantes dos cantazos, despois daquela pandeirada da Cova d´Onga, quedáranse por aló, nesa terra do anís…

Quixen axudarlle, con precaución, sen facelo de menos, por suposto:

-¿A vostede sóalle…, Cangas de Onís?

-¡Home, iso de “Cangas”…! Cangas son os xugos abertos…, que casualmente téñoos eu, a pares, que os uso para acola-lo millo!

Xa descubrira o máis importante, así que cambiei de terzo, disposto a lograr unha conquista; ¡ou unha reconquista, por usa-lo termo clásico, consagrado polo uso!

-Mire, deixemos iso, que non ten maior importancia. O que si lle prego é que faga un esforzo de memoria para que me refira canto se lembre desa historia da súa familia…, pois en Historia, como en todo, os mosaicos fanse coas teselas das lembranzas dos coetáneos!

-¡Pouco máis me queda no tinteiro…! Pero non, que aínda non falamos de cando os parentes reclamaron a súa herdanza, aquel herdo ancestral…

Tratei de aceleralo, pero a xente do campo non entende a fogaxe dos chupatintas:

-¡Conte, conte, que se me está avivando o lume da curiosidade!

-Entón, ¡téngotelo que contar! Un dos primos do meu vello…, que xa non sei cómo habería que chamarlle a un parente tan lonxano, que eu só sei dicir tataravó…, e para de contar! Aqueles primos querían mandar en nós, ¡nos propios morgados, nos da casa matriz!

A miña comprensión, modestia á parte, era total:

-¡Claro; despois do que se lles axudou desde aquí, desde a retagarda, maiormente con homes e con munición de boca, para bota-la mourería, aqueles encovados das bocarribeiras ástures, aquilo das Asturies, Patria querida, que houbo que reinventala, e poboala, coma se nunca houbese existido don Oppas, nin a tal Florinda la Cava, aquela moza de Septa…!

Non me fixo caso, ou é que non entendeu as miñas alusións, así que tirou para adiante:

-Como nestis casos sempre hai algún veciño con práutica que avise do lume, achegouse por aquí, ¡e rebentou un cabalo!, un parente de por aló, da Fonsagrada, ou de Grandas, ou dos Oscos…; dá igual, pois o importante foi a novidade, que nos dixo que quedaba nos pradais do Burón, mantendo as eguas e dándolle ao bollu preñau, de paso que afiaba nas espingardas da súa xente, un tal Xilo…

-Non, señor; era Silo, un Rei da Gallaecia, sexto dos que se afincaron nas Asturies, que nos foi imposto pola súa camarilla, por aqueles señoritus de Ovieu…

-¡Ah! ¡Daquela igual foi o inventor dos silos…! Pero, ao caso: Aquel tipo non viña con trazas de axudarnos a segar, que estaba facendo tempo para que recollésemos o cereal, nós, polo Chamoso abaixo, pois, con aquelas bisarmas, con aquelas alabardas, o que afeitaban eles eran as barbas do veciño! Estaba facendo tempo para darnos lugar a que recollésemos o pan, e o peneirásemos de contado…, nosoutros! De advertidos, os de por aquí xuntaron canta egua se atopaba senlleira, desde Gomeán a Bascuas, ¡pois con pallabres, cero! De paso, arramplaron con canta fouce e gadaña había, estivesen ou non afiadas! Así que, como din que non hai mellor defensa que un bo ataque, os de por aquí traspasaron a Vacariza, para térlle-lo camín arriba do Cádavo… Alí fixeron unha matanza de primos, tan ao rente que aquilo parecía unha seara, que só lles faltou facer medeiros cos mortos, de tantos que había, por ámbalas partes!

Animei no señor, que a cousa, se non era vera, polo menos estaba ben trovata:

-¡Élle certo todo iso, que aí no Cádavo, nese “campo dos tizóns”, porque os ástures queimaron a toxeira para mellor perseguir aos nosos, aínda se conserva outro nome de referencia, o de “Campo da Matanza”! Tamén está a cousa do escudo da Baleira, o antigo, o verdadeiro…

-¿Ah, si; de veras? ¡Daquela terei que ver esas cousas, por ante min, antes de morrer, para deixárlle-lo contado aos meus guages…, como ficieron comigo aqueles avós!

-De paso pregunte pola Casa do Concello, pola vella, que alí, se non se cansaron del, teñen un escudo en gra, inspirado precisamente nesa batalla, pero os do Val din que foi unha guerra cos mouros…, porque lles resulta máis lendario!

-E non me estraña, -asentiu o meu relator, -que aqueles cadáveres ben mouros quedaron; ¡puro tizón, puro cádavo!

-¡Tanto como mouros…; o que quedarían sería brancos, ao perde-lo sangue…!

-¡Diso nada, rapaciello! Quedaron mouros, chamuscados, pois os nosos, os de por aquí, por culpa daquela cheirume, coas fouces e coas gadañas que levaban, deron en coller toxos e xestas, e con iso apiñaron aqueles cadáveres nunha meda… Pero, ao que íamos: ¿Ti viñeches na miña busca simplemente pola curiosidade de que digo palabras que se parecen ao bable dos asturianines?

Tiven que calar, derrotado. O señor perfeccionou seguidamente a miña cultura:

-¡Como non lle ían chamar Cádavo a un campo de tizóns, de tizóns e de ósos calcinados!

-¡Vostede abráiame coa súa sabenza, que vai alén do que é popular!

-¿Que queres dicir con iso? ¡Aclárate!

-Mire, a cultura medio consiste en pasarnos os saberes uns aos outros. Iso de abraiar é un modernismo, que vén a ser…, asombrarse, moito, con algo inesperado, ou con algo que mal se entende, que non o entenden os non iniciados. ¿Sabe?

-¡Vale, ho, que con iso, hoxe por hoxe, quedo conforme; conforme e despachado! Agora voume a por un carru yerba…, que eu non vivo das túas historias!

-Espere un momento, por favor, pois agora que sei de qué vai o conto, voulle contar a miña, os flocos deste asunto, que son dúas verbas: Aquela batalla do Cádavo rematou máis adiante, no meu Monte, no Monte Cuperio, nun sitio que aínda lle chaman Rego dos Ósos, que o encabeza un manancial ao que lle din, con xusteza histórica, Fonte de Matahomes.

-¿De Matahomes; seguro? ¿E non será a Fonte do Chopo, aquela da que di a copla: Fuente del Chopo si hablaras / tus aguas aclararían…?

O meu abraio foi a máis:

-¿Tamén sabe a copla dos Vilares…? ¡Ai logo; vostede é unha eminencia, unha enciclopedia, un patriarca!

-Non, ho, algo menos, que nos meus tempos só tiñamos o Catón; despois veu ese Rayas…, e por aí adiante!

-¡Non sabe qué agradecido lle estou, que vostede descubriume un secreto moi particular da nosa Historia; afellas que si!

-¿Quen? ¿Eu? ¡Chacho, non vaciles cun vello!

-¡Si, vostede, en efecto; o malo será que non llo poderei contar a ninguén…, porque non me crerán!

Aquí estouno contando, e ademais, por escrito, pero con tanta timidez que nin case me atrevo a facelo, por se non me credes! O que está claro é que nese Sampaio da estrada de Lugo algo de bable quedou, trouxéseno ou leváseno de por aquí, que igual o trouxeron, no 36, aqueles soldadiños do tenente coronel Teijeiro! Polo que respecta a don Pelayo, ou Paio, se é que non foi unha inventada, se é que foi o primeiro, e non aquel Pelaio Favila, aquel do oso, fose ou non fose conde de Flammoso, ¡paio, o que é paio, non foi, en nada, que lle deu un nome axeitado á súa Cova d´Onga!

Xosé María Gómez Vilabella