“CASTROVERDE na historia e no presente”
de
Xosé María Gómez Vilabella
Edita: Xunta de Galicia.
Imprime: Alva gráfica S.L. 2008
Diseño y maquetación: Mazairagrafismo S.L.
Depósito legal: C 2804-2008
Recensión
Por
José Enrique Villarino Valdivielso
Foi a finais dos sesenta cando tiven a oportunidade de ler “Violencia y ternura”, un libro excelente, que leva como subtítulo “Un ensayo sobre la urdimbre afectiva”, do insigne neurólogo lucense, pai da medicina psicosomática, que foi Juan Rof Carballo, fillo do tamén insigne veterinario e científico Juan Rof Codina.
Podemos dicir que Xosé María Gómez Vilabella, paisano do doutor Rof Carballo, coa obra “CASTROVERDE na historia e no presente”, cumpre coa íntima e persoal urdime afectiva, a que desde a súa nenez nos cumes das terras do Mons Cuperium, seu Montecubeiro natal, ata hoxe, foi entretecendo, tramando, ao longo da súa vida, porque unha especial urdime afectiva é o que destila esta obra, a última das súas que ata hoxe viron a luz na imprenta, das moi variadas en temática e abundantes deste autor.
Entendía Rof Carballo que é decisiva na personalidade humana a urdime de afectos que nos primeiros anos das criaturas se establecen entre nai e fillo, ao traveso de todo tipo de complicidades, mimos, proximidade, tactos, olores, verbas, etcétera, para ter unha adulta e correcta estrutura emocional do futuro home ou muller. Tan forte foi a urdime e maila trama afectiva de Gómez Vilabella coas terras e cos entregos, que estes quedaron marcados a fogo, pero tenros, na súa personalidade actual, que aquí, en forma de libro, nos narra e explicita.
Quero atopar unha razón para iso na peripecia vital de Gómez Vilabella, quen desde os seus anos mozos deixou aqueles cumes desde os que se abre o vallis viridis dos romanos, para cambialos por outros moi distintos e variopintos paisaxes xeográficos e vitais. Por exemplo, o que vai do seu verde, valla a redundancia, Castroverde natal ás dunas e soidades do Sáhara, toda unha gama de matices e distancias. Iso, con outros destinos ao longo e ao ancho da xeografía ibérica, disparou a súa necesidade de saldar esa conta pendente co seu gran amor, despois do que profesa por Xosefina e pola súa familia, coa súa terra. De aí esta obra; de aí “CASTROVERDE na historia e no presente”.
-.-
Non é doado resumir nun par de folios as trescentas vinte e cinco páxinas, anexo incluído, dunha completísima e excelente bibliografía, que compoñen a obra. Pero cómpre afirmar unha característica singular deste libro: a ruptura da clásica estrutura cronolóxica ao longo da exposición de temas e narracións. Polo contrario, a sensación é de simultaneidade, á marxe do tempo, entre o histórico e o moderno, entre o antigo e mailo actual. Ao longo dos capítulos van xurdindo, nun galego de calidade, que xa é difícil de atopar, os datos sociodemográficos do municipio, o seu DNI; a Torre da homenaxe do antigo castelo dos Castro-Ossorio-Lemos que preside a vila e maila comarca, “A Fortaleza” para nosoutros, así como outras construcións de casas grandes, casoas e pazos esparexidos polas nosas terras; un complexo dicionario onomástico de persoeiros e fillos da terra que o autor aliña por estrito orde alfabético en prevención de posibles adxudicacións partidarias, etcétera, para introducir, de pronto, unha incursión polos fitos máis antigos e pretéritos do concello. Así, por exemplo, dálle un lugar destacado á Cova da Valiña, monumento paleolítico aínda por valorar nas súas debidas dimensións; un paseo polas convulsións da Idade Media; o que socarronamente denomina o autor, “iso que chamamos Idade Moderna”, ou o que para a comarca supuxo o Antigo Réxime. De todo iso hai na obra cumpridos detalles de feitos, datas, casas, liñaxes e paraxes.
Vén a dicirnos o autor, ao traveso dunha estrutura narrativa que contrasta coa máis habitual que segue o rigorismo académico de idades e datas históricas, que os segredos do actual, do historicamente máis próximo, atópanse, sempre, nunha viaxe ao pasado. Por iso Gómez Vilabella invérteo, traendo nesta, para o lector, primeira parte do libro, á impronta recente da memoria do lector, o máis remoto. A historia toda. Unha sabia, atrevida, e acertada, neste caso, formulación narrativa.
Para este comentarista, a partir diso, prodúcese un cambio de terzo, e ábrese unha segunda parte na que se suceden unha serie de fotogramas que serven de guía histórica, antropolóxica, e ata turística, tanto para o paisanaxe autóctono como para profanos e demais xente que nunca pisou estas belísimas terras.
Ao longo e ao ancho desta segunda metade do libro destacan, como non podía ser doutra forma, as páxinas dedicadas ao Camiño Primitivo, acaso o meirande e máis representativo paradigma deste municipio, en torno ao que se foi tecendo a súa historia, e que descorre por unha antiga vía romana que intercepta outras dúas que o atravesan. Máis adiante, un inventario dos antigos oficios, cuxa inmensa maioría xa feneceu, ou están na UVI outros poucos que testemuñalmente se manteñen vivos polo que duren os seus exercentes, porque tamén o autor exerceu algún deles, entre o que figura a prescrición divina de calzar ao descalzo: zoqueiro. Polas súas páxinas desfila un exército de oficios, e, por qué non, profesións tales como albardeiros, canteiros, carpinteiros, cereiros, cerralleiros, cesteiros, xastres, ferreiros, muiñeiros, zoqueiros, e incluso algún feminino como os de tecedora e costureira. ¡Ata capadores hai!
Outra invariante destas terras, que tan ben trata e coñece o autor, é a Feira castroverdense que, puntualmente, en domingos alternos, convocaba a tódolos seus habitantes e foráneos. Dicimos, convocaba xa que uns desmellorados e terminais restos quedan daquelas espléndidas feiras dos años cincuenta, no máximo demográfico do concello, coas súas subfeiras –perdón polo palabro- do gando, os polos, os ovos, os queixos, a ferramenta, os apeiros e, para rematar tratos e non tratos, uns ben regados e ben comidos pratos de fumeante pulpo en torno a tres ou catro caldeiros atendidos por solícitas pulpeiras. Tempos aqueles que nos fotografía e narra o autor e que o comentarista tivo, tamén, a sorte de poder gardar na súa retina da nenez. ¡Quédanos o polbo, ou pulpo, que mentres exista, feira teremos!, di o autor como un desconsolado consolo.
Espazo teñen tamén nas páxinas do libro a literatura, as tradicións e as festas. Mención minuciosa e detallada reciben as parroquias do municipio, para cada unha das trinta e sete existentes, -¿que concello, di o autor, ten outras tantas?- ás que lles dedica un bo puñado de datos e descricións, moi difíciles de encontrar, con tal detalle, noutras fontes escritas. Ao falar de las parroquias, o autor tamén o fai das súas igrexas, capelas, fontes, accidentes xeográficos, historias, e ata dimes e diretes. Una gran compilación parroquial, froito de moitas horas de consulta e de investigación, e de traballo de campo, xa que nada é nin foi dado de gratis. De entre todas, e non é para menos, destaca a de San Ciprián ou San Cipriano de Montecubeiro, que por ser a natal do autor, trátaa con todo cariño e erudición.
Recentemente Castroverde levou a cabo irmandamentos cos seus homónimos peninsulares: un, en terras do Cerrato; outro, en terra de Campos; ambos na ampla Castela; e outro máis no Alentexo portugués. Con estas referencias, e a súa solvente e rica bibliografía xa citada, remata a súa obra Gómez Vilabella, ademais doutras referencias e temas aquí non citados por razóns de brevidade e de espazo.
Finalmente, un aviso a navegantes, dito que se di, ou máis ben dicía, xa que hoxe en día, navegantes hai, a millóns, no proceloso océano da Internet. Pois ben, aviso: quén queira achegarse ao coñecemento destas terras verdes, de sempre feraces, do Castroverde lucense, cargadas de historia e de esforzos individuais, non vai ter máis remedio que contar con este libro, compendio de datos, historia, ideas y sentimentos. O Concello de Castroverde ten nesta obra un antes e un despois. A súa xente, tamén, xa que dispoñen dun espello nítido no que recoñecerse e recoñecer aos seus antecesores. Sen que soe a pedante, todo, ou case todo, está entre os pregues das súas páxinas; só hai que ter un pouco de sagacidade e de paciencia para atopalo; para o que non estivese, ou o lector non o atopase, o autor dá suficientes ferramentas e pistas para imaxinalo ou descubrilo. Que vostedes o lean ben, e que o gocen. Gárdeno no seu estante máis prezado e denllo a ler aos seus fillos e netos. O que nel se conta, o que narra, e mailo esforzo que o autor puxo, ben o merecen. Sobre todo, moito do que estas terras e a súa xente, a súa boa xente, viviron e coñeceron, está aquí, nesta historia e neste presente de Castroverde.
-.-
21 Xaneiro, 2010 at 5:22 p.m.
Nesta obra ai máis de invención "conto do autor" que de datos históricos. Vilabella empezou cun bosquello, pasou logo a unha intrahistoria e agora amecendo uns folios máis pretende pasar como un investigador. É verdade que no país dos cegos o torto é o rei. Pero o máis triste de todo isto é que o propio Concello na súa páxina web oficial asume como histórico algúns pasaxes desta mala
5 Maio, 2010 at 11:19 a.m.
Unha moi meritoria obra.<br /><br />A min paréceme unha obra imprescindible para Castroverde e para Galicia en xeral. O comentario anterior, paréceme cativo e ruin, primeiro, por ser anónimo, e segundo, porque o seu autor amosa ignorancia e coido que unha pouca de envexa. Porque non escrebe el unhas liñas, para demostrarlle ao mundo a súa valía? Simplemente porque non sabe, como amosa nas liñas