O título que tiña o encontro era:
“Fendas, de Luz e de Sombras, das Intervencións no Mundo Rural”
Fomos recibidos e presentados por Ramiro do GDR Ancares, e por Secundino director do Museo Etnográfico da Capela
Os obxectivos do Encontro eran:
– Compartir análises feitos por xente que vive e/ou traballa a prol do mundo rural.
– Achegar fachos de luz e ánimo para as nosas actuacións.
– Colaborar na consolidación e visibilidade da Universidade Rural Galega.
PROVOCARON O DEBATE QUE COMPARTIMOS TODOS:
– Fendas na cultura (motivou Alfonso Blanco Torrado da Asociación Cultural XERMOLOS)
– Fendas no social (Anxo da Universidade Rural EUROEUME).
– Fendas na economía (Carlos Figueroa).
– Fendas no medio ambiente (motivou Xosé María García Villaverde, Secretario Xeral de VERDEGAIA).
Non imos dicir, reproducir aquí o que alí se comentou ao longo de catro horas, para tratar os catro puntos anteriores. Expoñemos simplemente o que puidemos ver ou observar FENDAS DE LUCES nas diversas intervencións:
Primeiras intervencións :
Sorpréndennos os intentos da volta ao mundo rural dada a situación de desprestixio e desvalorización en que vive o campo.
.- Pequenas recuperacións do textil, cultivos e produtos tradicionais, consumo responsable.
.- Difícil entendemento entre o mundo da xuventude e, o mundo dos avós posuídores e transmisores de valores e, saberes non escritos.
Luces na Cultura:
– Hai certa tensión no mundo do campo, polo tanto hai vida e esperanza.
– O mundo rural é un Patrimonio de sabedores.
– Temos que recuperar o noso, o propio e provocar unha revolución de valores.
– Os avós non representan o pasado que si o representan sen dúbida, pero sobre todo, teñen coñecemetos que nos poden servir para o futuro, non os podemos deixar, non debemos prescindir deles.
– Hai ideas positivas, mais…
Luces no Social:
– Coñecementos profundos que conserva o mundo rural que non están escritos.
– Temos que ser capaces de xestionar o noso medio.
– Temos que aprender do pasado.
– Recuperemos a liberdade.
– Os avances son positivos, están ben, pero…
Luces na economía:
– Creemos, fomentemos o asociacionismo, valores tan tradicionais na nosa sociedade rural. Onde vai a socialización que había no campo, a pesar do individualismo?
– Recuperemos a relación social que houbo no mundo rural.
– Proxectemos o campo.
Luces no medio ambiente :
– Necesidade dun entendemento entre o ecoloxismo e a vida rural.
– Valoramos a biodiversidade, valoramos a diversidade.
– Procuremos intervir pouco, o imprescindible co petróleo e os seus derivados no campo.
– Necesidade de volver ao rural debido a escaseza de alimentos que vai sufir o mundo.
– A solución ten que vir desde dentro, desde nós mesmos.
VALOREMOS O MUNDO RURAL EN TODAS AS SÚAS VERTENTES.
Participaron neste Iº Encontro de Dinamizadores do Mundo Rural:
Representante do GDR Ancares, Director do Museo da Capela, Centro de Recuperación da Cultura Popular do Castelo de Sobroso, “Cambadela” Loita Tradicional galega, socias e socios de Verdegaia, Proxecto Amorodo, Caritas, AGROSERA, O Sr. Concelleiro de cultura da Capela, EIRADO, Coop. De Consumidores, socios da Asoc. Xermolos, PANXEA, O PETO, socios de Véspera de Nada. Por unha Galicia sen petróleo, U. Rural do Eume, Un canteiro, representando á Asoc. de Artesáns do Eume, Presidenta da Coop.de Produtores da Capela, representantes de Preescolar na Casa, Colectivo Pedagóxico Estiño, Asociación de Consumidores, María traballadora do Museo, socias e socios de Amigos do Patrimonio de Castro Verde, Paula socia e traballadora da U.R.G e outros socios da U.R.G. En total participamos unhas corenta persoas.
Pola tarde:
Visita ó Museo Etnográfico da Capela.
Este museo é un exemplo do que vimos de dicir. Grazas a Secundino ,o seu presidente polas explicacións, grazas por recoller todo este saber que, supoñemos que ti fuches un dos promotores.
Ali puidemos ver na finca – casa do pazo, o que foi a vida tradicional das nosas aldeas galegas, con salas de apeiros desde unha fragua, forxa, pasando pla conservación de canastros, hórreos, serras, carros e todos os apeiros de labranza, no exterior, no interior da casa: cociña, cuarto, sala de exposición de carpanteiros, zoqueiros, xastre, teares …ata todo tipo de uteis da e para a casa.
Cando teremos algo parecido no noso Castro Verde?
Saúde e Terra.
Manolo Muñiz
(Asoc. Amigos do Patrimonio de Castroverde)
Deixa unha resposta