O vello Gome procedía do Burón, que daquela era, e chamábase, Burg, pois así lle puxeron aqueles suevos designando unha torre, por entón xa abandonada, que a fixeran os romanos para protexer a súa vía, aquela que unía o Lucus Augusti coa Gigia asturicense. Romanos naquela contorna só quedaba un vilar deles aló arriba, de par da Fons Sacrata; os da mesma, ignorando o xermano daqueles suevos, non entenderon iso de Burg, castelo, fortaleza, así que lles pareceu que, por asentarse aqueles suevos aló abaixo, nunha especie de burato, o tal “Burg” debía traducirse por Burón. ¡As consecuencias daquela confusión de linguas iniciada na torre de Babel, que seguirá polos séculos dos séculos, cando tan doado, tan xeitoso e tan musical era aquel galego da Galilea!
O pai de Gome chamábase, e era, Eberardo, ebar + hard, Príncipe Valente. Eberardo chegara ao Burg da Fons Sacrata no ano 410, polo calendario daqueles romanos, para entón xa adscritos ao cristianismo dun tal Sanct Iago, outro galego da Galilea. Asentouse naquel lugar co seu gando, atido ao foedus que pactaran suevos e romanos: ¡Un terzo da Gallaecia, pero limitándose ás terras despoboadas, ou abandonadas! Tiña de prole os seguintes: Andulfo, o Lobo, que era un gran cazador, e de casado quedouse no burg de seu pai, como tal primoxénito. Despois viña Gome, do que falaremos engorde; e unhas cantas fillas, tan machotas elas, tan walquirias, que ningún suevo as quixo por esposas, pero fóronlle de gran utilidade a seu irmán encargándoselle da facenda miúda.
Casado o tal Gome, e como o casado casa quere, deulle Eberardo un capitaliño en reses de todo tipo, maiormente vacún, e coa mesma despedíronse, esperanzados en que volverían a verse, ¡Aufwiedersehen!, pero…, ¡a glaucoma do Eberardo, á forza de chorar polo fillo ausente, agravouse, así que tan só o puido palpar e abrazar nunha ocasión na que volveu para informar a seu pai da sorte que tivera encontrando desértico o asentamento dos caranicum, que se foran, todos eles, absolutamente todos, para a urbe principal, para o Lucus Augusti, hipnotizados pola boa vida que se daban aqueles lucenses, e ignorando, ¡daquela, pero despois, co seu Caranicum repoboado polos suevos, tarde piaches!, que é preferible ser cabeza de rato que rabo de xato.
Á terra dos caranicum aquel Gome deu en chamarlle Caraño, e alí se asentou, comezando a proliferar coa súa meirega, Adelheid, á que hoxe chamaríamos Adelaida, querendo significar que era de condición, de condición e de aspecto ou familia, nobre. Primeiro xeraron outra walquiria, que se parecía un montón ás súas tías, maiormente no de atravesada, pero deu cun submiso e houbo casoiro; esta filla, chamada Olga, que vén a ser o contrario de “folga”, polo seu dinamismo, que xa saíu da matriz de súa nai berrando e pateando, foi a führer da casa paterna, a condutora, a mandona, así que se quedou nela de morgada, desprazando aos seguintes, que tiveron que busca-la vida por onde puideron, por onde atoparon baleiros para o seu asentamento.
Á segunda filla puxéronlle Cadegunda, que vén a significar que a segunda parecíase á primeira, pero resultou algo máis pacífica. Casou cun mozo que fora encargado dunha villae romana, e por tanto sabía dirixi-las labranzas. Decruaron un bo cacho do Val do Eo, e dedicáronse a sementar millo para mellor alimentar o seu gando; de aí que lle puxeran Milleirós ao seu territorio. ¡Todo a millo miúdo, que daquela non se coñecía o outro, o americano!
O terceiro, ¡por fin!, saíu varón, pero a morgadía xa estaba outorgada, así que tivo que buscarse os pastos por onde Deus lle deu a entender. De casado coa filla dun tal Hermunde, un home moi pío, un auténtico druída, con capela e todo, por consello daquel sabio ocuparon unhas xunqueiras abandonadas, que tiñan de cabeceira un castro e non quedaban lonxe da Vila de Cirio. Ciro fora o conquistador do Mons Medullius, e Roma asignáralle as terras da súa aba, que por deformación fonética a xente chegou a confundir o seu nome co que se lle daba a unha vela grande das de cera das abellas. Este terceiro, do que non se lembra o seu nome pois resultou máis coñecido polo feito da gran casa que construíu na xunqueira, -unha xunqueira para os suevos era un Rois-, así que deron en chamarlle Neuhaussen, ¡o da Casa Nova! Este home tamén casou cunha meirega, do lugar de Rielo, e tanto lles gustaba aos seus fillos aquel nome que o tomaron por apelido seu, e así lles quedou, definitivo.
Ao cuarto, ao benxamín, preferiron non poñerlle nome para que seguise e conservase o de seu pai, o daquel Gome, así que deron en chamarlle, Gómez, que significa, o fillo de Gome. O pai encamiñouno á clerecía, pois quería que fose sacerdote de Odín, pero aquel rapaz saíu un mozo vergalludo, que non parou ata casar cunha tal Estrela, Stella en latín, que era filla do centurión do Castrum de Vallis Viridis, en Bolannio, unha fortaleza que tiñan os romanos para protexe-la Vía de Asturias. Aquel Centurión, como bo romano, era máis suave e máis rastreiro cás cobras, así que lle propuxo ao Gómez facilitarlle cen escravos se decidía asentarse no Monte dos Cubeiros, daquela Mons Cuperio.
-¿Ursache, mein Schwiegervater?
Pero o outro, que non tiña, ou non atopaba unha contestación axeitada aos seus plan, quedouse calado, petrificado. Gómez insistiulle:
-¿Por qué, por qué o dis, querido sogro, querido so! ogro? ¡Non pretendo que sexas tan franco coma os francos, pero si máis explícito cós kalaicoes, vulgo ostrymnios!
-Rapaz, xa que insistes… Ese lugar, esa bocarribeira, ese acceso noroeste da serra do Miradoiro, está libre en canto terra agrícola, ¡que para iso che proporciono os cen escravos, pero…, ten anacoretas!
-¿Druídas?
-¡Non exactamente! Son cristiáns evanxelizados por aquel Iacobus, pero con tendencias panteístas. Sosteñen que, suposto que Deus é o fautor do mundo, das cousas deste mundo, montes e ríos, animais e árbores, ceo e terra, todas esas cousas son de Deus, son parte esencial de Deus, e xa que El as criou, xa que as animou, vere dignum et iustum est, equum et salutáre, adoralas! Así, entregados á natureza, esquécense da súa propia, tal e tanto que nin se casan, mais, ¡per Iupiter!, que temo un desbordamento seu, da súa vitalidade; que tódolos deuses nos libren de que lles dea por vir aos meus dominios en busca de sabinas, pois en tal caso a súa proliferación, o seu mestizaxe, vai ser de antoloxía, que ata teremos que evacuar medio Lucus para deixárlle-lo sitio! ¿Faste cargo?
-Fago, meu caro Schwiegervater, que así, se a túa filla e mais eu repoboamos ese Mons Cuperio, os anacoretas irán a polas túas netas, pero non a polas túas mulleres! ¡Grazas, amigo!
O suevo non estaba conforme, pero a filla do Centurión, si, e como daquela xa mandaban as mulleres, acabou cedendo, claudicando, tanto ou máis có Claudio romano! Colleu a súa herdanza, e botou man do cabalo para ir diante, para enfrontarse aos eremitas de presentarse problemas ocupacionais. Pero non os houbo. De chegado á Valga do Santo Estevo, polas praderías do Azúmara arriba, conferenciou co Vigairo dos eremitas chegando á conclusión de que era unha boa simbiose: Os anacoretas orarían e os suevos laborarían. ¡Ora et labora!, sería o lábaro da nova comunidade. Pero faltaba un detalle, o nome daquel couto, pois os ermitáns non llo deran, ¡que era tanto como darlle un nome ao Señor, ao Señor de Tódolos Nomes!
Dixo Gómez: -Queridos irmáns: Isto, esta bocarribeira, é a entrada aos cubos do monte…, coa particularidade de que aí arriba, onde eu faga o meu asentamento, esas terras medio montesías, aínda que suaves, daranme a mellor vista desta Veiga do Azúmara. Con isto visto e sabido, nada mellor, nada máis expresivo, que poñerlle, Berg Land, e como os xermanos adoitamos aglutina-las verbas, quedará, definitivamente, polos séculos dos séculos, o topónimo de Bergland!
-Por nós, admitido, -contestoulle o Vigairo-, pero non te fagas ilusións pois o mundo romanizado tende á simplificación, e chegará o día en que abreviarán iso, quedándose en “Berlán”, que tampouco soa mal, pero perderase a Memoria Histórica.
Ao suevo, que era un pragmático, que se perdese a súa historia importáballe menos que a beleza do seu berg, con aquelas pastadeiras, que non as había mellores nas veigas do Rhin, das que procedían os seus entregos. A partir daquel intre, aquel Gómez e maila súa xente dedicáronse a decrua-las terras inherentes, comezando por elevarlles os correspondentes paredóns das sellas ás tres fontes do seu asentamento, a Fontiña, a Fonte Grande, e mailo Rego de Bergland, pois nunca suevo houbo que non comezase por adora-las fontes. Isto dos mananciais foi o seu tesouro máis prezado, que sen fontes, por moito que lles regalasen un terzo do país, nunca houbesen repoboado aquela Gallaecia anárquica dos romanos, da que o único que lles importaba era a súa requisa dos minerais, do trigo e do viño, desprezando o resto da xente e da campía. Como no pecado vai a penitencia, ¡sempre!, agora, polo século XXI arriba, aquela muralla que nos obrigaron a facerlles para acubillar as súas rapinas, sérvenos de caldo de cultivo para que nos visiten os turistas, entre outros, os descendentes da loba capitolina.
Aquí comeza a historia do noso Bergland, que non se perdeu de todo pois pasou das lareiras aos ordenadores, instrumentándome a min, que fago de ponte elemental, instrumental, e a moita honra! ¡Pola Patria fago o que sexa, que xa estou afeito!
Mentres construían a súa casiña, de pedra da canteira do Carballo do Val, e de lousa da Mouriña, con vigas da Regueira, os Gómez de Bergland, cos seus servidores, montaron unhas tendas de peles na Carballeira Grande. Non eran moi confortables que digamos, pero aqueles carballos abeiraban do Norte, que xa é moito. Collámolos nunha das súas conversas da lareira, onde a Stella do Vallis Viridis lle dicía ao seu marido:
-Marido, ¡que leda me tés por traerme ao teu Bergland! Se algo queda daquel paraíso do que nos fala a Biblia, este é o lugar, o seu emprazamento…
-¿Gústache olla-lo río, o Azúmara? Daquela, cando chegue o verán, voute levar para que te deas un baño a corpo enteiro, pero…, ¿e se te ven os anacoretas desa Valga do Santo Estevo? Teu pai díxome que non hai anacoreta que non sexa tentado da carne, maiormente da carne!
-Meu pai é un romano, e por tanto, un inquisidor. ¡Contigo ao meu lado, nada vou temer! Por se lles tes medo, podemos levar connosco ese cento de escravos…
-¡Non tal, que sería peor o remedio cá enfermidade! O que levarei será un toldo de peles, e póñoas en catro varas polo lado da Valga do Santo Estevo…, para evitar que se…, que se alporicen!
-¡Estás en todo, meu ceo!
-O meu ceo só ten unha estrela, ti, e cómpreme evitar o teu eclipse. ¡Deus, cómo brillas na miña noite montesía, canto de feliz me fas! O malo é que fuches remisa en parir…
-Xa che din dous, e agora secáronseme as regras.
-Eu quería doce; quería doce para fundar doce tribos, igual que fixo Israel.
-¡Xa! ¡E se non tes para darlles, que emigren! Pois as de saber que os tempos aínda non son chegados, que me dixo meu pai que os trirremes romanos non se atreveron a pasar da Fisterra. Din os augures que, andando os séculos, xurdirá un galego, ¡outro aventureiro!, capaz de reencontrarse con aqueles irmáns separados pola fractura da Atlántida; pero, iso, para cando? No ínterim temos que conformarnos co mundo romano, e xa non é pouco que vos concedesen un terzo, que non todos teñen, nin terán, outra tanta herdanza!
Nunca roñaban, e iso que eran de dúas razas; o de tronzarse os matrimonios foi un invento das xeracións cómodas, das acomodadas. Comezaba a primavera, e coa primavera todo renace, todo empeza. Pero había que darse présa coas decrúas, paralizando incluso as obras do fogar, pois a natureza non agarda pola xente, e as estacións son curtas, maiormente para poñer en produción aquelas superficies que tantos anos levaban dedicadas á deusa Silvana. Os herbívoros estaban ledos: aínda quedaban hedras nos carballos, pero xa medraba a herba tenriña nos claros do bosque; e logo que se aproximaba a época do apareamento de moitas especies. O malo, o penoso, era para os humanos, que tiñan que traballar desde o orto ao ocaso, tronzando con aquelas serras de aire que tanto aire precisaban para darlles o recorrido necesario, e arrincando seguidamente as raíces da árbore caída cunhas petas de ferro herdadas dos romanos, que as facían tan pesadas porque eles non as utilizaban, e os escravos…, ¡para iso son escravos, que canto máis derreados menos protestan! Coa cerna daquelas árbores os artesáns ían elaborar arados de madeira, con punta de ferro, outro invento daqueles romanos, tan inventeiros eles que todo o discorrían con tal de que lles fixesen o traballo ao seu xeito. Pero os suevos, que viñan afeitos a sacarlle rendemento ao gando, que non ao persoal, pola súa parte inventaran o xugo e mailas loras, así que era cousa de manter ben as vacas para arar con elas os campos despexados.
Aínda sen lousar, tanto a casa coma os seus alpendres, pero coas cortiñas aradas e gradadas, o suevo Gómez foise co carro á de seu pai para proverse de coles, repolos, cenorias, allos, cebolas e demais verduras de horta. Desde que remataron o seu plantío convocou na carballeira grande a tódolos escravos, homes e mulleres, e díxolles:
-Vouvos comunicar a gran decisión da miña vida: Convenceume o vigairo deses eremitas da Valga do Santo Estevo para que me bautice, para que me incorpore á Igrexa de Cristo, así que estades invitados á cerimonia, que terá lugar mañá mesmo, aquí mesmo, na Fonte Grande deste lugar de Bergland. Daquela, como cristián, non podo, non debo, admitir a escravitude, así que, ¡atendede!
Vou delimitar con estacas os termos, as lindes, das terras que me reservo, e co resto farei grandes parcelas para todo aquel que as queira traballar. O noso limes só terá por confines aquelas terras que estean ocupadas polos romanos. Pero calade, que non estou aquí para recibir os vosos aplausos, senón para agradar ao Señor Xesús. Prosigo:
Aquel que se queira quedar comigo, á miña sombra, ao meu amparo, ese tal, sen prexuízo de recibir o seu lote de terras, considerareino criado, e terá a súa recompensa, sexa en denarios ou en especie. ¿Non hai preguntas?
Si que as houbo, sendo o primeiro en falar un tal Adrao:
-Vostede, polo que entendo, está creando a freguesía do Monte Cupeiro, ¿non si?
-¡Efectivamente! E ti quedas proclamado Comendador dos eremitas. Estableceremos un conventus nun punto central, con xurisdición propia, cárcere, picota, e todo iso. A única conditio sine qua non que me impuxeron eses frailucos é a de que se reservan o dereito de pernada, séxase, a prima noctis das vosas mozas. ¡Con todo ser moito, coido que peor será continuar de escravos! ¿Aceptades?
As que máis aplaudiron foron as mozas, precisamente elas, que xa lles tiñan posto o ollo aos eremitas, uns homes barís e ben mantidos. ¡Así naceu Bergland, e a partir de Bergland, a parroquia do actual Montecubeiro! ¿Que cómo o sei? ¡Vantaxes de ter avós!
Deixa unha resposta