BREVE RESUME DO ROTEIRO POLO CAMIÑO PRIMITIVO (14-02-09)


Neste segundo sábado, 14 de febreiro, tivemos o segundo roteiro que, novamente contamos cun bo día, aínda que algo frío pola mañá.

Comezamos na ponte do Miño para subir ata a igrexa de Santo Matías, facendo unha visita ao sartego da fonte do mesmo nome, onde se curaban, seica, as enfermidades dos ollos, é de salientar o refuxio no adro desta igrexa; seguimos camiño de San Xoán do Alto, onde visitamos tamén a igrexa co seu fermoso pórtico. Breve parada no pazo ou casa grande de Carrigueiros. Estamos xa en San Vicente do Burgo, visita a súa igrexa e, desde alí visita á capela de San Bartolomeu.

Despois do Burgo, visita ao Carballo francés, chamado así porque das súas ponlas foron colgados os galegos, que animados pola recén nacida Xunta de Galicia, non se sometían ás ordes do exército de Napoleón, sumándose á Guerra da Independencia. Damos as grazas desde aquí aos seus donos pola súa amabilidade facilitándonos a visita. Logo, sen perda de tempo, baixamos a Bacurín, onde nos agardaba, don Xaime Delgado, que nos explicou permenorizadamente esta fermosa capela románica do S. XII, onde sobresaen a porta principal con triple arquivolta, e a porta sur e, sobre todo a súa absida cos seus canzorros, onde hai toda unha simboloxía alusiva aos actos que teñen que ver coa procreación, coa trasmisión da vida.

Logo visitamos o exterior da igrexa de San Román da Retorta e a réplica do miliario encontrado preto dalí que data do século I. Don Xaime deunos toda unha explicación destes miliarios. Alí ao lado temos Santa Cruz da Retorta, unha das primeiras igrexas románicas de Lugo ou incluso de Galicia por non dicir de España, levantada arredor de 1050-1060. Aquí volveunos D. Xaime a abrumar coa súa sapiencia dándonos toda unha explicación que sería imposible de resumirmos aquí, mais que salientamos a explicación que nos deu da porta principal, no seu tímpano, sobre o ensaio da construción do Pantocrátor que logo veremos na catedral de Lugo. A figura de Cristo con toda a simboloxía de representacións. Na porta norte salienta outro elemento moi importante, o Crismón, con toda a simboloxía que representa relacionado co principio e o fin e mesmo coa Trindade. Merece ser salientada a fiestra ou ventaíña que está ao nacente cunha reminiscencia visigótica.

Xa pola tarde, visita a Santalla de Bóveda. Onde don Xaime nos volveu ilustrar coa súa sapiencia. O templo, ou monumento de orixe pagán que posteriormente foi cristianizado, que puido ser unha especie de balneario, debido ás súas augas curativas, tendo enconta que perto de alí hai o manancial de Fontedóniga, segundo don Nicandro; tamén puidera ser un lugar de enterramento, e algúns din se Prisciliano foi inhumado neste monumento soterrado. Salientar a policromia tardoromana e o adro da súa entrada, con ese arco de ferradura que, segundo don Xaime sería romano e finalmente salientar os relevos que ten o edificio aos lados da mesma entrada. Aquí rematou este intenso día adicado a camiñar, mais tamén a ver a grande riqueza artística-monumental que posúe esta zona. Dámos as grazas a don Xaime que nos acompañou pola mañá nas explicacións de Bacurín, San Román e Santa Cruz da Retorta, e pola tarde a Santalla de Bóveda, e grazas tamén a don Nicandro que, aínda que non nos puido acompañar por motivos de saúde, estamos seguros que o faría se puidera.

Saúde e terra. Manolo M.

Ver Imaxes do roteiro