DA COVA DA SERPE, A PENA DA MOURA E A DEVASTACIÓN DOS SÍMBOLOS


Por

Ricardo Polín

Doutor en Filoloxía e investigador


“Agora han poñer outros nomes, que se olvidan…”, resolveu a miña vella logo de invocar o topónimo “Caxadoiro”, perdido na montaña e na memoria. Ela decatouse de que eu reparaba na palabra, que me quedaba con ela apresa e que a repetía asegundando o seu relato sobre o lugar das antigas canteiras para levantar as casas de antes, as rústicas moradas das nosas aldeas, pedra dos arredores carrexada en rastros costa abaixo, con tres parellas de bois no máis supino, esforzos que precisaban da forza comunitaria.

A Cova da Serpe, linde singular da Terra Chá, fito orográfico e emblema da comarca, cova e probábel refuxio e abrigo paleolítico, vai ser asaltada por un exército de aeroxeneradores, os deuses da posmodernidade. Por toda defensa fronte á invasión dos xigantes, a serpe que habita no oco mouro da serra, no escudo de Friol, a que un día apreixou ao infortunado amante de Benta, a filla de Lopo das Seixas, señor da fortaleza de Narla, impedindo tan ousados amores. Contra o impacto visual, o valor etnográfico, o simbolismo xeográfico e cultural no camiño do Norte que vai para Sobrado dos Monxes. Queren o corpo e arrincan a alma. Máis nada. Tampouco menos.

En Verín, o avance impenitente da autoestrada cara a querida terra portuguesa está a piques de esmagar a Pena da Moura, constante nas vidas e nos soños das xentes da bisbarra de Monterrei. Malia as protestas, ninguén preveu o desastre. Agora os promotores propoñen disimular o atentado trasladando a enorme rocha fóra do asentamento de seu, logo de amordazala con grandes enxeños mecánicos. Facerlle unha ortodoncia ao fito natural, desvitalizalo, matarlle o nervo.

Castelao diría: -Non vos riades, que o conto é triste. Concordo co prof. Mariño Ferro que neste noso país, os símbolos están a se converter en mercadorías, os valores en negocio, mudando en renovábeis as enerxías que non admiten ser anovadas ao perderen a razón de ser, avaliando fragmentariamente o que constitúe por si unha unidade. Consigo levan a penitencia. A aldraxe e o baleiro espiritual de todo un pobo vendido ao mellor licitador.

Porén, arestora unha excelente investigación recolle a talasonimia do sul da costa galega: mil trescentos nomes cos que os nosos mariñeiros identificaron cada cacho de mar, mesmo do fondo do mar, as leiras do mar, que teñen por todo protocolo a tradición, o caderno das marcas. (A felicidade consiste en coidar o espírito, os recursos internos necesarios para manter a calma. O que importa é a interpretación dos feitos).

-Agora han poñer outros nomes…