Auto de Carnaval

Inauguración en Castroverde do Canal Privado da

T.Q.Z.

(Televisión Que Zumega)

Primeira transmisión en vivo

Programa

O martes de carnaval quedará encinta a nosa Televisión;

vaina cortar, (a cinta, non se pense mal), o Sr. Delegado da Xunta.

Esta desfloración será pública, cunhas cámaras facendo que gravan en directo;

e falará, como presentador da mesma, o

Presidente da Comisión de Mozos da Terceira Idade,

promotora desta idea,

que ten por finalidade básica desentumecer aos parados

e coñarse da crise económica.


ACTOS

. Venta de accións da T.Q.Z. (Televisión Que Zumega, SA) Darase papeleta de Accionista número 1 á persoa do público que máis poxe; e así sucesivamente. Estes cartos serán para a Caixa do Paro, coa finalidade de que ningún parado deixe de fumar, ou o que é o mesmo, deixe de afumarse.

. Discurso do Presidente: Señor Delegado deste Goberno que non foi capaz de adiviña-lo porvir, e por conseguinte, non puxo a traballar os vagos, ¡tanto que estorban aos que traballamos! Señores membros desa Oposición tan desmembrada.., que tan mal oposita! E por último, queridos compañeiros de infortunio, que tanto vos esforzades para paga-los impostos que vos son impostos, paganos de tantísimos cobranos que non o merecen pois leváronos ao pichoco do paro coas súas especulacións.

Estamos aquí, neste Castro tan Verde que moito zumega, ¡que moito tributa!, para demostrarlle ao mundo que nós, aínda que non temos mando, valemos tanto ou máis cos gobernantes, pois a nós non hai Cota Láctea que nos corte o leite, nin o leite nin as ideas. E de paso, para dicirlles a eses rexedores da Comunidade Europea que en Castroverde imos tan adiantados que ata temos Tele, ¡e non precisamente para ollar leas de faldreiros!

Xa vos anticipo que nesta Tele todo vai ser verdadeiro, inspirado no noso Gaiteiro, no Gaiteiro de Lugo. ¿Non vos lembrades daquel Gaiteiro, aquel Repertorio que tanto orientaba nos labregos? Eu, naqueles tempos, só tiña que colle-lo repertorio, molla-lo dedo, e mirar cara á Bercía, pois con estas tres cousas sempre adiviñaba o porvir, sempre souben qué me conviña mellor, se xungui-lo gando ou irme á taberna para facerlles gasto, pois, ¡meus pobres!, eles tamén atusmaban ao tempo para inferir se terían clientela.

A orientación desta Tele, os nosos programas, empezan con este que estamos vendo, que xa estamos no aire, que é como din eses competidores, que niso non se equivocan pois no aire están sempre, a cotío! Os nosos serán en directo, sen trucos, sen ensaios previos.

Por exemplo, cando saian os políticos na nosa pantalla, calquera veciño lles poderá preguntar pola súa conta corrente, se lles vai a máis ou a menos; cantos xamóns lles quedan na despensa; cantos sobres de diñeiro mouro levan recibido; e tamén, poño por caso, canto diñeiro meteron na conta de súa cuñada, ¡ou na de Suíza!

Outra posibilidade que ides ter, ter e gozar, con isto de que a Tele é nosa, enteiramente do pobo, será que cando saia unha artista ensinando as cachas, tódolos vellos do lugar, que por algo somos os máis experimentados e temos a responsabilidade de mirar pola decencia, poderedes subir aquí ao estudio, e darlles azoutes cariñosos nas nádegas a tódalas rapazas que se destapen por imperativos do guión…, ¡para ensinarlles a disimula-los seus vicios! A esas rapazas que aparentan ter moito de todo apalparémoslles os queixos…, suavemente, iso si, para comprobar se son de silicona ou de propia natureza, que aquí non se admitirán fraudes; ¡aquí todo será verdadeiro, ao natural!

¿Parécenvos ben estas premisas? ¿Apróbase por unanimidade? ¡Xa me parecía que vos ía gustar esta planificación, pois a democracia é de todos e a muller de cada quen é só de cada quen! En particular para os que teñades a vista cansa, ¿non é mellor ve-las cousas de cerca? ¿E vostede, señor Delegado do Goberno, que está tan calado, qué opina das nosas ideas, ou ten medo de que nos desmadremos?

Fala o Delegado do Goberno:

-Eu, na alta representación que ostento, voulle levar ao Xefe Grande este cacho de cinta que estou cortando…, para que o poña no lazo da súa camisa, pois así, cando se mire no espello, acordarase desta bisbarra de Castroverde, que tantos votos nos leva dado…

Contéstalle o paisano:

-Agarde, xa que fala de votos… De paso, dígalle que agora temos unha tele privada, defensora dos nosos intereses, así que as cousas vanlle ser diferentes, e non admitiremos promesas políticas se non as fan por ante Notario! As peticións do noso Alcalde deixarán de ser peticións para converterse en esixencias, ¡porque nós estaremos ollando e apoiándoo por esta ventá! Van séculos de levar sen traer, así que, ou lle dan a volta á tortilla, ou nos declaramos Condado Independente de Chamoso. ¡Dixen!

O Delegado:

-¡Querido amigo, o que queiran, o que pidan; faltaría máis, que xa sabemos que cada home un voto, e cos seus votos enchémo-la ucha…; uih, perdón, que me estaba trabucando: quixen dicir, a urna!

Fala o paisano:

-Non, señor, nada de pedir, que se volve a trabucar. Iso de pedir era antes, fai tempo, que agora sabemos que a soberanía reside no pobo, así que vaia tomando nota:

Para as viaxes do IMSERSO queremos que nos recollan na eira de cada quen, pois agora que non hai medas serven de heliportos para os helicópteros.

E que lles fagan ás nosas mulleres a cirurxía estética polo Seguro, incluído iso de estirarlles a pel da barriga. ¿Pero qué fai, que non anota? Engada:

Queremos no campo da Feira, un Casino de Xogo, que xa o administraremos nós…

Delegado:

-¡Tanto presumir de ética, e sáeme con iso dun Casino!

Paisano:

-O Casino é para atraer eses ricachos de Lugo, eses que causaron o paro, pero non están nel, que os desplumaremos nós…; ¡xa está ben de ir á Capital para levarlles o noso capital!

Tamén queremos os anuncios do Estado, que así, ao censuralos nós, quitámoslles canto teñan de conto, de suxestión, de propaganda.

Outro si digo:

Delegado, que o interrompe:

-Vaia parando coas peticións viciosas, e confórmese, de momento, coas do Nosopai. Co dito, voume, deseguida, que temos unha cea en Santiago…, e como vostedes queren que administremos ben os cartos…, pois iso, que non se pode malgastar o Presuposto do país encargando pratos que despois queden sobres!

Señoras e señores, non habendo máis asuntos que me interesen, déixolles inaugurada a Televisión Que Zumega, así que poden emitir, aínda que sexa en directo!

Locutor, ou locutora:

-Señoras e señores, esta emisora, ao revés do que pasa coas outras do país, dálles preferencia aos rapaces; así que empezamos polos nenos. Esta xuventude do século XXI vailles falar das cousas feas que atoparon neste mundo, no occidental, cando a el viñeron, así como da desfeita que lles fixemos nós, os maiores. Estamos dispostos a escoitalos con todo respecto, a ver logo esas receitas milagrosas que nos queren impoñer!

Soben dous nenos e dúas nenas, cos seus papeis por escrito, redactados por eles mesmos, pois ninguén lles vai torcer a súa libérrima vontade. E como os temas son cousa súa, aquí non constan.

Locutor/a:

-Despois disto dos nenos damos paso á publicidade. (Anuncios chocarreiros das tabernas, e tamén de particulares, entre estes, os de viúvos e viúvas ou mal casados/as, solicitando parella para mudar de vida).

Locutor/a:

-Agora tócalles aos accionistas da Tele Que Zumega. A ver, que suban para conta-los seus chistes, sexan verdes ou morados.

Soben aqueles que se atrevan a facelo, e ninguén llelos censura con tal de que non sexan abertamente obscenos.

Locutor/a:

-Agora vén o concurso dos feos, sexan homes ou mulleres. (Soben aqueles que se consideren guapos, e celébrase o concurso)

Locutor/a:

-Damos paso ao programa cultural. E como todo por aquí temos sona de ser incultos, quere dicirse, coas terras a monte por fondais que sexan, falouse de traer cerebros madrileños, deses que saen nos televexos de Madrid, ¡que nos cobran a mil euros por vir face-las provincias! En vista diso recomendamos atención, pois a lección sae cara!

Home (Que fala un pouco amariconado) -¡Uih, niña, qué asquito de pueblo, que por aquí todo son silvas; y luego que siempre está lloviendo…!

Rapaza (Canto máis perexileira, mellor) -¡Tendremos que desinfectar esos billetes, tan verdes como sus prados! No fue mucho…; ¡total, mil euros per capita!

Home –Si lo sé, no vengo; ¡pero tú, siempre pirrada por el percebe de los gallegos…!

Rapaza –Claro, mi amor, ¡como el tuyo es tan poquita cosa…! Aquí encontré un paisano, uf, qué maravilla, que lo tiene, que lo lleva…, ¡en una talega! ¡Mira si será potente!

Home -¿El qué, mujer; el percebe?

Rapaza -¡Que cosas dices, mal pensado! Lo que tiene ese de las vacas es una talega…, ¡de billetes! Me prometió darme lo que quiera, donde quiera y como quiera…, si le ayudo a hacer la cama!

Home -¿Querrás decir, a deshacerla?

Rapaza -¡Otra vez…; pero qué mal pensado! Se trata de hacerle la cama a un político de la administración autonómica, que le prometió una subvención y no acaba de dársela. Le convidará a una cena, de la que yo seré su sobremesa… ¿Entiendes? De esa forma, el ganadero satisfará sus necesidades…, a cambio de las de ese señor! Le dijo al político que yo soy su prima, una tal Dolores, de Calatayud, y por tanto, amiga de hacer favores…, y que cuente conmigo para todo el fin de semana, en su finca, que allí no habrá cámaras ocultas… ¿Con lo que te digo, quién es el primo?

Home –El primo…, ¡no lo sé! Pero la prima desde luego no la eres tú…

Rapaza – ¡Está el político…, que se va por las pajas, como esos quesos del Verducedo! ¡Unas pajas que valen una firma!

Home -¿En la cama…?

Rapaza -¡Coñe, qué tonto eres! ¿Cómo va a ser en la cama? La cama es para otras cosas, para las mías, que esotro lo tiene que echar en un papel…

Home -¿Te echará en un papel…, acaso en un periódico?

Rapaza -¡Otra vez el tonto! La firma, ¿entiendes?; la firma en el documento de la subvención, no sé cuantos millones…

Home -¿Y a ti, después de tanto trabajarle, no te dará…, subvención?

Rapaza -¡Naturalmente! Si agatilla, medio; medio de las antiguas pesetas; y si no agatilla, uno, que el trabajo bien remunerado se paga por horas.

Home -¡Pero qué lista eres, mi sol; cuánto sabes!

Rapaza -¡Calla, tonto, no lo digas en alto, que si se enteran estos paletos…; si se enteran, igual nos denuncian por alterar el precio de las cosas!

Locutor/a, que estivera moi atento, e máis ben divertido:

-¿Saben una cosa, artistas invitados? Pues que en esta televisión todo se hace en directo, así que les pasó como a Tejero, que ustedes, creyéndose en su camerino, estaban saliendo al aire!

Home / Rapaza (Ao unísono, abraiados, asustados)

-¿Saliendo al aire?

Locutor/a

-En efecto; así que van cobrar del aire, por…, airados! En lo sucesivo…; no sucesivo falaremos en galego, sexa ou non Carnaval, que é o noso! Falaremos entre nós, coa nosa xente, dos nosos problemas, que se hai que zurrarlle a alguén…, para iso tamén valemos, e non só para pagar eses impostos que nos son impostos sen contar con nós!

Avergoñados, lárganse os artistas invitados. E cae o pano aos compases da Negra Sombra:

Cando penso que te fuches,

negra sombra que me asombras,

ó pé dos meus cabezales

tornas facéndome mofa.

Cando maxino que es ida,

no mesmo sol te amostras,

i eres a estrela que brila,

i eres o vento que zoa.

Si cantan, es ti que cantas;

si choran, es ti que choras;

i es o marmurio do río,

i es a noite, i es a aurora.

En todo estás e ti es todo,

pra min i en min mesma moras,

nin me abandonarás nunca,

sombra que sempre me asombras.

-.-

Xosé María Gómez Vilabella