De profundis clamavi


De profundis clamavi ad te, Domine (Salmo 130). Non vos penso recitar aquel poema desgarrado e desgarrador, tráxico, de Charles Baudelaire, nin se trata de que esteamos caendo nun abismo, pois, se crise habemos, xa o sabemos, que isto, o ter coñecemento, é o primeiro dos pasos para saír delas, e logo que as crises, tódalas crises, só son puntos de inflexión, por veces dolorosos, pero sempre necesarios, para endereza-los rumbos, para volver á dirección correcta.

Vén a conto de que temos enferma de morte a microtoponimia, a toponimia miúda, e non só en Castroverde, pero tempos virán de ¿memoria histórica? nos que nos preguntemos: ¿Señor, como se chamaba aquela leira, aquela pataqueira, da que tanta mantenza tirabamos nos tempos da miña crianza?

A crise do rural, e con ela a da súa toponimia, vén de vello, que xa a observara Unamuno cando reflectiu aquel pensamento de que, ¡Que inventen ellos! Eles, por suposto, pois os españois somos máis listos, e sabemos pasar directamente do sector primario ao dos servizos. Neste salto mortal, nesta corda do autoodio, emperrados en que non fai falta engadir valor ás cousas, ás nosas, ¡que inventen, que innoven, que transformen outros!, chegamos á vergonzosa e vergonzante mutilación dos nomes, un tesouro herdado, patronímico, do que estamos renunciando. ¿A beneficio de inventario? ¡Non; a beneficio da ingratitude! Dá grima ver que, incluso nos mapas oficiais, coido que como consecuencia de que se fai pouca labor de campo, ou esta é superficial, ou preguntan a quen odie ao seu propio país, saen cantidade de nomes xeográficos errados ou dislocados, pero, se vos fiades de min, ¡de min e dos propios feitos!, non citarei lugares para non alongar este artigo, este profundo suspiro.

Caso sanguento xa é o das parroquias concentradas, nas que o nome dos predios refundidos, agras incluso, pasaron a ser un número. ¡Un número, onde os nosos ancestros puxeron a súa alma, as súas lembranzas, o seu agradecemento aos predecesores! Dar nomes, conservar nomes sen desvirtualos nin degradalos, é unha obriga moral, incluso egoistamente, pois…, ¡trátase dun tesouro histórico, patrimonial, memoralista, noso!

¿Que se pode facer, cal é o remedio? ¡Só hai un: fomentar, sensibilizar a conciencia colectiva! ¿Que vos parece se facemos no noso Castroverde un catálogo de nomes, parroquia a parroquia, antes de que morramos os vellos do lugar, de cada lugar, ou cheguen as pas da concentración desconcentrando a nosa atención patrimonial? ¡Por min, mans á obra!

Xosé María Gómez Vilabella