>
Miscelánea
Iso do botellón
Unha pinga de licor e outra de humor, xa que logo, pois estou farto de escribir con seriedade sobre cousas serias, maiormente en vista de que a xente de hoxe en día, de tan filósofos que son, a feito, están fartos de filosofía, que lles basta e lles sobra cos pensamentos light, cos seus, cos propios, sen ter que ler e aguantar os do próximo. ¿Para qué se vai ler tendo estupideces abondas na tele, e logo que se poden gozar coas mans libres, sen ter que suxeitar un simple papel, co pesado que é o papel?
De postos neste plan, hoxe vouvos falar do botellón, da súa invención e do seu cultivo. ¿Qué non é un asunto patrimonial de Castroverde? ¡De momento, parece que non, pero como as modas son contaxiosas…! En todo caso, e xa que din que estamos en crise, cousa que non debe ser certa, senón, e máis ben, alarmas periodísticas, acaso para poñerlle un contrapunto aos amores da condesa de Lemos, pois veño da rúa e todo eran autos botando, rebotando e votando fume, tanto, que ata me fixeron lembrar aqueles tempos da queima dos terróns nas cavadas do meu Montecubeiro, comezarei por evocar un castroverdense de raiceiras; nada máis e nada menos que D. Celestino Fernández de la Vega… ¿Que quén era, quén foi? Preguntádelle á señora Vicepresidenta do Goberno, pois esa sabeotodo de seguro que vos saberá contestar. Don Celestino deixou constancia desta sentenza: “O humorismo que non quere entregarse á traxedia, á dor, á tristura, á lamentación dramática e xesticulante, non ten máis remedio que escarnecelos, mofarse deles, ata chegar ao ludibrio e ao sarcasmo nos casos extremos”.
Se non fose polas circunstancias anteditas seguramente vos falase das teorías de Keynes, de Taylor, de Samuelson, e por aí adiante, pero…, ía ofender a vosa sensibilidade! ¿Deus, cándo chegarei a ser consciente de que os opositores actuais, -¡neste país todo deus é opositor, do que sexa, pero opositor!-, o que queren, o que queredes, son chuletas abreviadas, memorizables, deixando a cultura xeral para os curas, que como hai poucos xa teñen de sobra?
O importante, o popular, hoxe en día, é o botellón; pois ben, ¿de onde vén, quén e cómo se inventou este aquelarre noctívago…, agora que non temos bruxas? Eu, modestamente, na miña condición de investigador impenitente, fun ao Rexistro Xeral de Patentes y Marcas, e…, ¡nada, nada de nada! Tan só me dixeron que repasase a Biblia, que nela fálase de que Noé, despois do diluvio, e farto de auga, plantou unha viña para facer mosto, con intención de fermentalo… Á Biblia fun, precisamente á da Editorial Sept, pero a miña decepción estivo en que os fillos do patriarca, ao velo borracho, ríronse de seu pai, que de aí vén iso de que, no sucesivo, os borrachos foron os fillos!
Nestas dúbidas andei, anos e anos, ata que un bo día descubrín nun libro do meu admirado Martínez de Pisón esta fotografía…, ¡dun alterne africano! A deducir polos uniformes, ese pucho, ese “ros”, un invento do Xeneral Ros de Olano, empezaron a levarse daquela do Desastre de Annual (o 21/22 de xullo do ano 1921). ¡Vai lonxe; e precisamente na terra da austeridade, da prohibición coránica! O capitán ofrécelle un trago á cantineira, á cabareteira, quedándolle outra botella na mesa, non se sabe se chea ou baleira; mentres, o soldadiño, con pinta de galego pobre pois non ten nin sequera unha Solinger para afeitarse, á vez que lle dá unha chupada ao mataquintos, visiblemente covizoso da moza, agarda polo vasete común, único, que outro non hai! Detrás deles, o mouro parece renegar da súa fe, se cadra maldicindo a Mahoma (Muhammad) por privalo daquel pracer tan elitista, tan…, español!
Xa me parecía a min que esa invención, iso do botellón, tiña que ter algunha relación directa co Magreb. Caín nesa sospeita daquela da Guerra de Ifni (1.957/58), ao observar que lles daban a cada dous, diariamente, fosen Paracaidistas ou Lexionarios, unha botella de coñac “Tres Cepas”, ¡espora infalible!, amén de permitirlles fumar haxix, antes, en e despois das operacións de campaña. Con esa dieta, ¿quén non se namora da Morte, esa deusa que tanto engurra aos simples mortais? Bébedos no país da sede, e fronte a un inimigo abstemio, a vitoria, o arroxo dos nosos, eran previsibles.
A dúbida que me queda agora é, ¿cómo se apañarán os esquimós, na súa noite polar, para resistir tantísimas horas de troula? Prégolle a quen o saiba, que mo diga, así sexa por e-mail, ao e_mail da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde que atópase no blog.
Xosé María Gómez Vilabella
Deixa unha resposta