Resume do roteiro

Hoxe 19 de xaneiro comezamos cos roteiros deste ano 2008, e temos que dicir, estamos de sorte, pois segue a acompañarnos o sol.

Comezamos na Vacariza polo trazado orixinario do Camiño Primitivo, directos á parroquia de Vilalle. Parroquia bastante ben conservada e co encanto dos seu camiños, pero que están sen coidar, que con pouco traballo sería fácil de recuperar. Desde Vilalle a Castroverde, unha corredoira fonda, que hoxe estaba chea de auga, pero que tamén garda a súa fermosura. Desde Castroverde algúns subiron a Naveda e desde aquí pudieron disfrutar das fermosas vistas, e logo baixar por Pereiroá e visitar a súa capela. Desde aquí baixar a Bolaño, onde outros estabamos rematando de limpar as lagas de enlagar o liño, pero pensabamos que con só rozar iamos velas, resultando que isto non foi así, porque hai máis dun metro de lodo e terra que as cobre. Logo colocouse un letreiro indicativo das Lagas de Bolaño.

Temos que dicir que o lugar garda a súa beleza, habendo poucas parroquias que teñan ese conxunto etnográfico e entorno con que conta. Instamos aos seus veciños a que sigan preservando ese fermoso lugar.

Aproveitamos desde aquí para dar as grazas aos veciños que nos axudaron, e especialmente aos que nos convidaron, a Branca da Ponte, a Manola e Marina de Fontes e a Generosa de Torres.

19 de xaneiro de 2008

Algunhas imaxes do roteiro