Miscelánea

Mingos da Pumarega

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella
Repasando o meu cartapacio de mitos e lendas de Castroverde atopeime coa estatística predominante das que teñen polo menos unha bágoa, pero esta, este romance que vou referir, ¡un de tantos, que os empezamos a esquecer!, ten a particularidade de que empeza en bágoas pero remata con auga bendita.
-Leonor, téñome que ir, que teu pai apúxome os cans, outra vez. Daquela subinme ao carballo do prado da Fonte, e grazas que apuntou mal, pero aínda así meteume un trabucazo no cu, que mal se viu miña nai para quitarme os perdigóns cun coitelo que roxou na lareira. Por iso traio as mans na cueira, que non resisto as dores.
-¡Se te vas, Minguiños, eu fuxo contigo!
-¿Ti, miña Leonor; unha fidalga?
-¡Marquesa era miña avoa, cando de Aquitania veu; e meu avó só era fidalgo, cando en París casaron! Daquela levemos dúas aguas…, e como eu xa fun á Coruña, aos baños, sei o camiño!
-Ti ben falas, Leonor, pero dúas pasaxes para Cuba custarán o demo de cartos. Se me vou só, podo traballar de fogueiro, no vapor…
-¡Só non te vas, que eu contigo quero casar! Meu pai ten onzas de ouro, por riba da trabe do salón grande, por se o rouban os liberais…, ¡que ben o vin subirse con elas ao faiado!
-¡Non che acepto, miña Leonor, ese pecado, pois quitarlle ao fidalgo a filla e mailas onzas…, dous pecados serán! ¡Daquela si que me esfola, que xa mo ten prometido, e iso que só lle quero a filla, que das onzas non entendo!
-Máis lles quita el aos dez caseiros que ten desde aquí á Folgosa, pasando por Agustín, que os pobres non levantan cabeza; sequera ben lle digo que polo menos lles arranxe as casiñas, que non hai dereito para que nosoutros vivamos neste pazo, e que a eles lles chova nas súas choupelas…
-A ti sóbrache corazón, miña Leonor querida, que se non foses así, xa nin deste criado te namorarías!
-¿Non se di que casamento e mortalla do Ceo baixan? ¡Ti, para min, do Ceo viñeches!
-¡Non tal, que vin da Frairía; son fillo dun caseiro e dunha criada deste lugar!
-Meu Minguiños, ti es o único mozo que me chamou polo meu nome con amor, que os demais, aqueles que me esculca meu pai, eses chámanme Leonor ás bravas, matinando onde teremos aquelas onzas de ouro do marquesado de Aquitania, que ben llelo noto nos seus falares!
-Xa que logo, falando das onzas…; coido que con dúas haberá bastante para os teus gastos, pois eu, atizando ás caldeiras do barco, merecerei a pasaxe; e despois, en Cuba, seica pagan ben aos cortadores da cana, que eu gadañar sei, e forte que son, que podo contigo no colo… O que sinto é o desgusto que lle daremos a teu pai!
-¡Non sente el o desgusto que me dá a min tentando mata-lo home que comigo casará, pois, dos outros, xa cho dixen, nin fu nin fa…, por fidalgos que sexan, ou aparenten!
-Miña Leonor, ¿e se non temos sorte en Cuba? ¡Nunca mo perdoaría!
-¡Se non tes sorte, eu sei bordar!
-¡A señorita dun pazo non pode emigrar!
-Minguiños, a señorita dun pazo tamén debera ser libre para casar! Xa ves ti que clase de vellos esculca meu pai, que todos son usureiros…, ¡e feos a rabiar!
-El quere a túa prosperidade, e como todo por aquí non quedan xudeus…!
-¡A súa prosperidade, quererás dicir, que ben leva dito que non parará ata ser Coronel Carlista…
-Se tan decidida estás, fuxamos…; ¡mañá mesmo!
-Mañá non poderá ser, que non podes montar por culpa desas chagas que che fixo meu pai!
-Iso é verdade. ¡Mira que se me chega a cegar, e grazas que lle puxen o traseiro, naquel carballo subido!
-Logo hai outra cousa, Minguiños da alma, ¡que estes días non temos luar, e daquela perderíamos o Camiño Real!
-¿Cando nos confesamos, aquí ou na Coruña?
-Non sexas parvo, Minguiños. Témonos que confesar en Cuba, pois ata que aló cheguemos o noso pecado non estará consumado, e se antes nos roña o Cura, ¡amólanos a escapada!

Xa ían chegando ao San Xoán de Segovia, envoltos en cadansúa manta, encamiñados cara a Lugo, cando lles deron alcance os facciosos do Señor da Pumarega, alertados á media noite de que faltaban dúas bestas… ¡A que alí se armou, que incluso lles apuxeron os cans para espantárlle-las eguas! Naquelas carreiras persecutorias, por entre dos pinos de Segovia, soaron uns pistoletazos, naturalmente apuntándolle ao Mingos, pero tampouco atinou esta vez o Señor da Pumarega pois deulle nunha perna á súa filla, e caeuse da besta, estrapelada no chan, envolta na súa manta de Palencia. ¡Por pouco a remata aquel cegarato de pai!
En canto ao Mingos, non tivo máis alternativa que rebenta-la súa egua, así que entrou en Lugo pola Chanca, cas dúas onzas de ouro no peto, descalzo do pé e da perna e chorando os seus chorares. Foise de inmediato para Coruña, de cocheiro da Carrilana, que así saíulle de balde; e de Coruña a Cuba, padeando carbón no inferno dun barco da Mala Real Inglesa, pois aquel par de onzas seguiría no peto, ¡ata que encontrase unha industria onde poñelas a medrar!
Xa en Cuba, fixo de todo. E alí soubo que dona Leonor da Pumarega non saía do xardín do pazo; ¡nin á Misa, que lla dicían na súa capela, sempre arrimada á caxatiña por culpa daquela coxeira, que a tiña baldada! Cando tal cousa lle dixeron, Mingos xuroulle a Deus que rico ía volver, ¡aínda que tivese que roubar! Con intención ou sen ela, non lle fixo falta tal cousa pois fixera amizade cun vasco que era moi argalleiro, e fóronse os dous, coas onzas do Mingos, para Vuelta Abajo, onde explotaron unha maquiniña de face-los cigarros, que os deixaba tan rematados que de seguida se fixo famosa aquela marca, a “Irigoyen”.
Dez anos pasaran cando volveu Irigoyen dunha viaxe pola súa terra, que conseguira vende-los seus cigarros, ¡por toneladas!, por aquilo do nome vasco, amén da calidade:
-¡Ven aquí á oficina, socio, e para de traballar, que levas dez anos seguidos que nin á Misa vas!
-Ti viaxa e reza por min, que iso dáseche ben. Eu teño que dirixir esta xente, brancos e negros mesturados, ¡co exemplo da convivencia, que é como mellor se fai!
-¡Pois precisamente da miña viaxe che quero falar! Alí, no Casino da miña Easo, atopeime cun carlista arruinado, ¡un galego, que vendía o seu pazo para seguir xogando!
-¿Un pazo…? ¿Onde, que o merco eu?
-¡Onde vai ser: no teu Castroverde! Pero diso da compra chegas tarde…, ¡que xa llo merquei! O que non sei é se fixen ben ou mal, pois a velo non fun. ¡Aquí tes a escritura…; e non me digas que volvín de España sen un regalo para o meu socio! Estoutro documento é o da miña doazón…, que de entrada non puxen o teu nome por…, ¡por se non aceptaba a operación aquel don Lucas da Pumarega!
-¡Que Deus te bendiga, amén! Eu, en cambio, cédoche a miña parte na empresa do tabaco, e coa mesma saio para La Habana, para embarcarme…

Aos dous meses, Irigoyen recibiu esta carta:

Benquerido amigo: Escribímosche precisamente desde a túa terra, desde San Sebastián, que estamos aquí no hotel da praia da Concha… Escríbeche a propia Leonor, que lle dá ben á pluma…, mellor que aos seus peíños! Viñemos en busca de seu pai, para rescatalo do Asilo; el di que está arrepentido e agradecido, pero disto non se fale máis.
Aló na Pumarega deixamos dez canteiros facendo unha gran solaina, para que se asolle Leonor. Aínda non casamos pois ela, que non é rancorosa, quere que estea seu pai na voda, que nos casará o bispo de Lugo…
Como ves, desde agora todo será paz e graza de Deus, pois o meu Mingos volveu á Misa, que incluso se confesou… O que moito sentimos é que ese negocio do tabaco non ande só, para que puideses vir a Galicia, de padriño noso.
Lembrámoste co meirande agradecemento de nolos dous; estes, que lo son, Leonor e Mingos.
P.S./ Esquecíasenos dicirche que me operou, aquí en San Sebastián, un cirurxián que fuma puros Irigoyen. Quitoume aquela bala que tiña na coxa, e xa me noto máis aliviada, tanto, que espero subir ao altar sen caxata!

O que queira saber algo máis daqueles señores da Pumarega terá que agardar a que lles preguntemos no Ceo, pois o vello dese lugar que me contou esta historia, outros detalles non sabía, ou se lle esqueceran!

(Rapaces de Castroverde, en particular os do CPI, un consello: Apresurádevos a preguntarlles aos vosos vellos, antes de que saian de viaxe, as historias da vosa familia e do voso lugar, que esas ocasións son das que se van e non volven!)