Miscelánea

OTELO

Achegas de


Xosé María Gómez Vilabella

Non, non era Otelo senón Bértalo, que non se lle parecía en nada, pero a min sempre se me representou vestido de mouro, cunha especie de xilaba, con aquela blusa moura de arrear nos xatos, alí na explanada da Estación, polos anos 40. Na alma non se parecían, en efecto, que o Bértalo tíñaa moura, e sen remorsos, ¡moito máis cá do Otelo shakespearino! Pero a Desdémona…; ¡niso, meus pobres, todo, que para o caso que pasou, daquela pouco máis dá chamarse Filomena que Desdémona. O que vou omitir é o nome da súa parroquia porque, en definitiva, Castroverde non é tan grande, e se chamo á xente polo seu nome igual se alborota algún dos seus parentes.

Xa que non saíron coplas, eu direino en prosa:

Casaran en Albeiros, polo San Froilán, fai agora anos, por detrás dun valado, e como consecuencia diso o patrucio tivo que facerlle unha venda á filla, ¡para que o Bértalo recoñecese a criatura! Con ese capitaliño fóronse para Lugo, e o “Otelo” da nosa historia ascendeu inmediatamente de arreador dos de Marcos a xateiro exportador, maiormente para Barcelona, o mellor negocio da posguerra pois aqueles cataláns chegaron a cambiar alfaias por condumio.

Nun daqueles arreos o Bértalo díxolle á súa Filomena:

-¡Volvo en sete días! E ti non te movas da casa, sempre aquí, coa porta fechada, que quen foi fácil comigo tamén o pode ser co próximo. ¡Aquí por Lugo abundan os xateiros…, e a carne non sobra!

-¡O que ti digas, meu Bértalo! Pero terei que saír algo…, ¡sequera sexa para que lle dea aire á nena!

-¡Para iso están as ventás! E cando volva de Barcelona, co peto cheo de cartos e de alfaias, daquela levareite ás augas, ao Incio…, para que se che quite ese esbrancuxamento!

-¡E non hei ter, sempre metida neste cortello, nesta casa…!

-¡Vai parando, que a miña muller é propiedade miña, e daquela fago de ti o que quero. ¿Entendiches?

A Filomena non entendera cousa, aínda que se lembraba de que o Cura lles dixera: “Compañera te doy y no sierva…; ámala como Cristo amó a sú Iglesia” ¡Pero o Cura estaba en Castroverde, e o Bértalo en Lugo; en Lugo ou na feira, e por tanto, máis cerca!


Nisto, ¡a casualidade!, que chegou da Arxentina un irmán dela, sen previo aviso, e daquela, na Quiroguesa, mesmo diante da estación, un vello coñecido deulle referencias de súa irmá, que casara cun xateiro e que vivían no mesmo Lugo, alí detrás, pola escalinata. O arxentino daquela viuse no Ceo: ¡Súa irmá en Lugo, e rica! Por suposto que non era cousa de saír a escape para a aldeíña, e menos coa pouca prata que traía; os da taberna da parroquia podían esperar… Súa irmá ben que entendeu todo isto, ¡e franqueoulle a fonda!

-¡Ai, ho, foi boa pena que non chegases onte, que daquela ías co Bértalo a Barcelona, que incluso che ía dar propina, como fai cos mozos que lle axudan a leva-los xatos!

-¿Xatos? ¡Xa arreei abondo na Pampa! Mira, irmá, sexamos ocorrentes, que agora que veño de bo ver, e ben presentado, con esta gravata de seda, vou ir a Castroverde, un domingo de feira, para esculcar unha morgada…, ¡que así non me apampo outra vez!

-Iso non está mal pensado, pero mellor será que te quedes comigo, dúas ou tres semanas, ben lavado, ben comido e ben planchado, que con todo vir de man branca, se te coido podes mellorar de aspecto; e logo que na casa, aos nosos pais moito non lles sobra, que me tiveron que facer unha venda por causa de que caín en estado, e con iso o Bértalo non quería casar! Espero que me perdoes, que eu tíñate por rico…, tanto tempo sen escribir!

-¡Muller, fixeches ben, que muller sen dote, aínda que teña bigote…! ¿E logo, que tal co Bértalo? Daquela, na nosa crianza, era un animal, ¡ou máis aínda!

-Agora éche rico…, ¡coa miña dote e mailos xatos! A xente quítalle a pucha, coma aos señores, ¡e dinlle de don!

O Arxentino, no seu plan, despois de ir á compra para súa irmá, dedicouse a frecuentar os coches dos Veigas…, ¡para que se espallase a nova do seu regreso, un indiano moi aseñorado! Todo se lle volvía dicirlles aos paisanos

-¿Vos, por aquí, con isto de la guerra, estades ricos, ou seguides traballando en la tierra? ¡Ai, si! ¿Sen porvir? ¡Pos, chinito, se eu atopase unha moza de bo caserío, coa miña experiencia das Pampas…, en tres anos, la mejor hacienda del contorno!

Con aquelas sementes, tódalas morgadas de Castroverde veña adobiarse dos días santos, Maderas de Oriente ás presadas, a cotío, esperando pola Línea, ¡pero o arxentino facíase de rogar! Ata que un día, nestes medios, deuse o casual de que a Filomena, coa Filomeniña da man, saíu un momento para ir á praza, a Santo Domingo, que non era cousa de que visen ao arxentino por Lugo, a cotío, coa bolsa da compra. Así que daquela o diaño, que de vez en cando fai das súas trasnadas, levou da man, á súa propia casa, ao Bértalo, de volta de Barcelona. Como de costume, entrou directo ao baño, ¡que boa falta lle faría co aquel dos xatos…! Para conta-lo seguinte, nin verbas hai:

¡Un home, un perfecto descoñecido, coa cara enzoubada de xabón e coa barbeira na man, na súa propia casa! O “fulano” quedouse tan tranquilo:

-¡Pero, che, no te esperaba tan pronto!

Ao Bértalo anubróuselle o entendemento coa sorpresa e coa carraxe:

-¿Quen es ti, fillo de puta? ¿Que fas aquí? ¿Onde está esa vaina?

O Arxentino nin pestanexou, confiado, suponse, no seu esclarecemento:

-¡Pos te soy el Sabino, el hermano de la Filomena..!

Bértalo nin con esas, que nin escoitaba:

-¡A nai que te pariu, tramposo do nabo!

O Bértalo, coa caiada de arrear nos xatos, que aínda non a pousara; e seu cuñado, aquel descoñecido, coa barbeira. A refrega seica durou un intre, pois nunha daquelas acometidas o xateiro conseguiu guindarlle unha perna ao Arxentino, coa cachaba, e desde que o tivo no chan, coa barbeira que se lle soltara ao Sabino, afeitouno pola gorxa, ¡ao traspaso!

Feita aquela degolada, o primeiro que se lle ocorreu ao Bértalo foi identifica-lo intruso, así que furgoulle no peto da americana: ¡Seu cuñado, en efecto!

Nin pola Filomena esperou, que Vigo estaba lonxe, ¡e había que embarcar a tempo!, para a propia Arxentina, ¡co nome e cos papeis do Sabino! Seica apampeou na Pampa, ou polo menos iso dixo o seu testamenteiro, que lle escribiu á Filomena, tempo adiante, despois de morto o Bértalo, dándolle conta do seu testamento e explicándolle as circunstancias daquela morte de Lugo, ¿accidental? Ao Sabino enterrárano en Lugo, dicíndolle á policía que tivera que ser un atraco daqueles fuxidos da guerra, para roubarlle a documentación, e coa documentación a súa fortuna de indiano. Certo é que a guerra tivo moitas culpas, ¡pero máis lle botaron, en particular para xustificar o inxustificable!

Un día no que me deu por refollar o “Otelo” de Shakespeare, acordeime do Bértalo de Lugo, por asociación de ideas, naturalmente, ¡pero aos poucos parei de ler pois algunhas realidades do noso propio entorno deixan de lado calquera ficción literaria, así sexa dos mellores dramaturgos!

________________________________________________________________________________