Miscelánea


¿Por qué nos visitou Santiago?


Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella


Por veces as árbores non nos deixan ve-lo bosque, que iso me temo nos pase en Castroverde aos de Castroverde, de tanto dedicarnos ao estudo do noso Camiño Primitivo, pero, ¿a causa prima deste afán? Camiño adiante, estámoslle devolvendo a visita ao Sr. Santiago, pero, ¿por qué nos visitou el, de primeiras? Isto é o que me preguntou en certa ocasión, na miña/vosa casa, un neno galaico-madrileño, recén retornado coa familia, ao verme a Biblia de Sept na mesa do meu despacho; evidentemente por unha simple asociación de ideas, que os nenos nacen cun sexto sentido, por máis que os maiores fagamos tódolos posibles por erradica-lo sentido común.[1])

-Díxonos un Profesor que o señor Santiago, de degolado no que hoxe é Israel, veuse para Galicia nunha lancha de pedra…; ¿non será moi gorda? -¿E teu pai, aquí presente, qué opina? -Este…, este galego…, aínda non me contestou! O pai, ¡máis galego cá min!, fíxome o aceno de trasladarme aquela enquisa, aquel embolado do seu neno. ¡Trágame terra! Desde que o meu propio fillo me preguntara aquilo de, -¿Papá, po que se tiran eses pacaidistas?, eu non me vira noutra semellante, pero un galego ten a obriga de descubrir América, aínda que despois lle pisen o invento, ¡ou deixa de ser galego!, así que tirei por onde Deus me deu a entender. -Mira, rapaz, a clave, se cadra, témola aquí, máis ou menos neste punto, no Mateo, 2, 19. “En morrendo Herodes, o anxo do Señor aparecéuselle en soños a Xosé, en Exipto, e díxolle: -Érguete, colle o neno e maila súa nai e volve para a terra de Israel, que morreron aqueles que querían acabar con El”.

O caso é que aínda reinaba Arquelao en Xudea, así que lles pareceu máis prudente irse directamente para Galilea, pero, ¿como, e por onde?, que o anxo nada diso lles dixera. Se ían polo Sinaí, era forzoso atravesar Xudea, e despois Samaría… Nisto, Xosé, que estivera traballando de carpinteiro en Alexandría para uns navieiros fenicios, pediulles que os levasen nun daqueles lanchóns… -¿Para onde? -¡Pois, dadas as circunstancias, mesmo para Galilea, directamente!

Aos fenicios saíralles un porte de pedras preciosas, ¡rosadas, granito de Porriño! Para a tumba do Faraón, obviamente. Os fenicios, que eran máis dados aos cartos que ao latín, ¡por Galilea entenderon Gallaecia!, que así foi como, singradura vai e singradura vén, acabaron recalando na nosa Galiza. Á Sagrada Familia nada lles custaba face-lo milagre de desface-lo seu camiño, tal que voando, mais como eran respectuosos coa vontade de Deus…, ¡por aquí se quedaron, agardando polo retorno daquelas naos fenicias! No ínterim, ignorante de que xa os avisara un anxo, o vello Zebedeo díxolle ao seu fillo Xacob: -Date un garbeo por Alexandría para avisar aos parentes de que ao tal Herodes xa o papou o diabo… ¡Dilles que volvan tranquilos, que aquí, coas obras do Templo, hai traballo de sobra para un carpinteiro da habilidade do meu parente!

Chegado que foi o Xacobe á Alexandría, ao estaleiro daqueles fenicios, dixéronlle que ía tarde co aviso, que os parentes acababan de saír, e precisamente nunha gabarra daquelas de importa-las pedras galaicas…, “Nunha coma esa que está aí embaixo, nese peirao; ¡esa, esa que está levando as áncoras…!” Aquel rapaz do Zebedeo, aquel valente, que era tal un fillo do trono, sen pensalo dúas veces embarcouse para a Gallaecia, ¡en busca dos parentes!, para cumpri-la misión encomendada. Así foi como retornaron, desde a Gallaecia, todos xuntos, de volta para Alexandría, e desde alí, costeando polo Mediterráneo, fóronse noutro barquiño dos mesmos fenicios, nun que ía a por cedros ao Líbano, tamén para a tumba daquel Faraón.

Desta vez, desandado o Camiño, o náutico se entende, desembarcaron na Ptolemaida, que de alí, por travesío, a Caná, ¡dúas semanas! Xusto a tempo para asistir ás vodas dunha parenta de María… ¡Pero iso é outra historia! Tanto a Sagrada Familia coma o Xacobe quedaron moi agradecidos polas atencións recibidas daqueles fisterráns, daqueles gallaicoes, así que, tempo adiante, despois do Pentecoste, por suposto, daquela que os apóstolos, homes e mulleres, se repartiron as romanidades para anunciarlles a Boa Nova aos latinos, foi a propia Virxe quen lle encomendou ao seu parente, ao Xacobe (Santiago), que se dese un voltio pola súa querida Gallaecia… O malo do caso foi que os galegos, coa nosa retranca habitual, entolecemos no Fillo do Trono: -Por unha banda, ¡vostede xa ve! E pola outra, ¿que quere que lle diga…?

Que si, don Xacobe, que ben o sei, que iso que nos predica leva xeito, afellas que si, pero…, mire, para non andar con voltas, xa o verei, engorde, pasiño a paso; se cadra mañá mesmo, segundo faga o día, que se fai bo, teño que ir á feira. Tamén o teño que consultar co cabezal, e por suposto que coa miña ama, que nestas cousas importantes, eu…, servidor! O Xacobe, impaciente que era, colleu un cabreo de aquí te espero, e como tardaban en volver coas naos aqueles fenicios, rouboulles un cabalo, branco, aos propios gallaicoes, ¡que llelo tiña ben merecido!

Upouse na Pedra Fita do Cebreiro e foise pola meseta adiante, feito un lóstrego, para Tarraco, disposto a embarcar, Vía Roma, nun daqueles trirremes da ruta Salou-Mallorca-Ostia, que é ese porto que hai ás aforas de Roma. A Virxe, que para daquela xa a ascenderan os anxos, baixou do Ceo feita un remuíño, e tívolle o Camiño ao Xacobe, na Vía Romana da propia Caesare Augusta, séxase, en Zaragoza.

Alí aterrou nunha columna ou piar que estaban erixindo aqueles romanos, que de aí vén iso da “Pilarica”, e botoulle unha rifada ao seu parente: -Santiaguiño, cómo é que lle fas iso ao noso Xesús, co ben que o coidaron eses gallaicoes, que ata lle ensinaron a pescar sen anzol? –Señora, é que eses galegos, eses galegos do Finisterrae, estanlle verdes, ¡aínda máis cós seus prados, que xa é dicir! A Virxe axudoulle, mediou, intercedeu, porfiou…, tanto, e con tanto interese, que de alí en diante non houbo problemas cos nativos.

O malo foi que se tivesen que reunir os Apóstolos para celebrar unha reunión, unha xuntanza preconciliar, preparatoria do I de Xerusalén, concretamente pola Pascua do ano 44, concorrencia que aproveitaron os xudeus, seus propios irmáns e veciños, ¡outros desagradecidos!, para afeitarlle o gañote. De morto, aqueles fenicios, aqueles traficantes da pedra, ¡da pedra e de cantos minerais de valor atopasen!, recolleron o seu corpo, cabeza incluída, nun fudre, e así trouxéronos, devolvéronos, o noso Xacobe, o noso Iago, que para daquela xa era Santo, ¡ou máis que Santo, Mártir!, precisamente nun lanchón daqueles da pedra…, ¡ que non foi nunha lancha de pedra, como din algúns despistados, tal que ese Profesor…! O neno quedou convencido, coido que si, e o seu pai agradeceume esta colaboración cativeira. ¿Maxistral? Non, coido que non, en absoluto, pero, a falta de inscricións, a falta de escrituras…, ¡o único que nos queda é a lóxica, maiormente para saír dos por qués infantís!

Vindo ao presente: O mínimo que nos cómpre aos de Castroverde, como aos doutros lugares do Camiño, é ter clariña a idea de que imos, de que pasan por aquí, os santiagueiros, non para facer unha visita, senón para devolvela, cousa que é de obrigado cumprimento, ¡así sexa por mera cortesía! Daquela, tratándose de xente cortés, hai que tratalos con exquisitez, con reciprocidade, obriga que lles incumbe, dun xeito moi especial, os hostaleiros da ruta, ¡salvo que queiran paparse dunha tacada esa galiña turística dos ovos de ouro! Que ninguén se dea por aludido, que non vai por ninguén en concreto, pero algún síntoma desa enfermidade contaxiosa si que empeza a notarse…
[1]

Isto mesmo, este sucedo, publiqueino no núm. 545 da revista Irimia.