De mouros e cristiáns.
Sinatura, materia ou disciplina pendente.
-I-
Xosé María Gómez Vilabella
Escribo isto precisamente no Día de Santiago Matamouros, e por dúas razóns: Unha, que non quero abusar do noso blog incorporando, achegando, series interminables, monográficas, se cadra pouco interesantes ou aburridas para unha parte dos nosos lectores habituais, así que, se a Dirección desta”Revista” mo admite, decidín intercalar temas variados, alternos, abrindo esta nova serie de “miscelánea”. A outra é que o tema de hoxe coido que pode ser, incluso, didáctico, posto e suposto que nos pasamos a vida falando dos mouros, nosos veciños, ¡sen case coñecelos! Concretamente no noso Castroverde ata lles atribuímos a construción do castelo, ¡que xa é o colmo dos mitos! Así que,
Bismillah al rahman al rahim. (No nome do Deus que dá misericordia, o misericordioso)
Empezarei dicindo, como credencial, que me doutorei en mourería no propio Magreb. ¡Levoume dez anos a carreira, e iso que a tomei con vocación activa, participativa, sedento de coñecer, pois, sen coñecer, mal se pode saber, mal se pode comprender, e á viceversa! Debo engadir, e conste que estou falando máis en serio do que poda parecer, que, despois diso, pasei corenta anos cocendo o que alí aprendín, porque esta sinatura é de dixestión lenta, recoñézoo. Teño, iso si, o consolo de non ter sido mal estudante, en termos relativos, pois ben sabedes que aquí na Península convivimos oito séculos con eses veciños, ¡que esa si que é carreira grande, de oito séculos!, e aínda así temos dos musulmáns a máis supina das ignorancias.
En certo modo, como os “noticiarios” de todo tipo están xerados na cultura actualmente dominante, séxase, anglo americana, as novas que nos chegan dos musulmáns parecen saídas do odre de Pandora. Un árabe e un americano só poden ter de común a afección, ou a propiedade, de cabalos dunha certa raza; no resto, son dous polos opostos, antípodas no pensar e no facer; por conseguinte, ¡guerras!; frías ou quentes, pero guerras.
Falando de guerras e da pseudopacificacións de países musulmáns: Tivemos, e aínda temos, aos nosos soldadiños, por aló adiante, diseminados en zonas perigosas, sen unha preparación cultural ad hoc; nalgún caso, nin os seus xefes saben dos seus… pacificados? máis que aquilo de que o noso Santiago foi un Matamouros, ou iso nos dicían naqueles libros de F.E.N., á vez que os propios mouros lle facían a garda de honor, no Pardo, ao propio Caudillo, ao “Sentinela de Occidente”. Mesmo aquí en Castroverde, co polifacéticos que sempre fomos, só teño noticias de que, desde o mítico Covadonga, o único arabista que tivemos foi o Profesor Fórneas, de Sampaio, falecido hai anos.
Un dos poucos que chegaron a entende-la arabía, a fondo, foi aquel sobriño do Tío Sam, Lawrence de Arabia. Algo así como a excepción que confirma unha regra; e para iso non lle fixeron caso, montando unhas fronteiras tan artificiais, e supostamente tan astutas, que non rebentaron de milagre cincuenta veces nos últimos cincuenta anos, pero algún, ¡moitos!, dos conflitos actuais proceden dos erros da descolonización europea, marcando fronteiras que non coinciden coas afinidades étnico-relixiosas.
Para entender a un musulmán, -e nunca digades “mouros” que iso é unha denominación pexorativa, unha referencia á coloración epidérmica, e por tanto, racista, que os molesta, que lles dá cen patadas no traseiro-, sempre hai que empezar por aprenderse o Corán, ou Al Qurán; e ter presente que iso do Islam quere dicir, nada máis pero tampouco nada menos que, entrega á vontade de Deus. Tampouco estaría ben chamarlles árabes aos que non o son, pois sería tanto como chamar galegos a tódolos hispanos de Bos Aires, poño por caso. Cultura árabe, si, e máis profunda do que cremos e recoñecemos!
Por aqueles tempos, principios do VII, o gran Muhammad, o meu admirado Mohamed, a quen chamamos familiarmente Mahoma, viunas vir, que niso si que foi un profeta. ¡Viunas a través dos tempos futuros, cousa, tempo, que só saben conxugar os grandes políticos! Dixen “político”, e iso sosteño. ¿Que é un político? ¡Sabémolo todos! Un malabarista que trenza actividades, comenencias e convivencias, case sempre con ideas alleas; un director de orquestra que pon música ás letras populares, ás alleas; así que os tales, eses artistas, fannos bailar ao son que lles peta. Pois iso foi Mahoma; ¡iso, e só iso! Un gran político que copiou o programa electoral do pobo hebreo; un político que non se equivocou en nada pois nada escribiu, que ata lle gravaron a súa voz profética nos pergamiños das cabras arábigas, con tinta arábiga, por escribas arábigos, naturalmente; e agora que ninguén diga que se equivocou nunha til, pois os acentos do Profeta foron, todos, absolutamente todos, orais! Un político que inventou a guerra santa e mailo ceo das hurís para leva-los quintos á guerra, e incluso ao suicidio, sen pagarlles soldada, nin darlles cruces. Un astrólogo infalible que colleu media lúa polos cornos e plantouna na terra; os americanos, en cambio, para vela de cerca tiveron que perfeccionar aqueles foguetes de Von Braun. Como vedes, ou mellor dito, como sabedes, Maquiavelo, xunto a Mahoma, foi un simple ladrón de bicicletas. Mirade se era listo, que ata deu un braguetazo millonario casándose cunha viúva rica, ¡a petición dela!
Neste punto hai que facer unha matización importante de algo tan sabido como habitualmente omitido: Dexenerada Roma coas drogas daqueles tempos, que cada tempo ten a súa drogadicción, -vicios do corpo, e tamén do espírito, pero, sobre todo, pola vagancia na que entran ciclicamente as familias máis prósperas e cultas-, os saberes greco-latinos amontoáronse naquel faiado eurásico que foi o Imperio Romano de Oriente; en definitiva, Bizancio. Así que, daquela, no primeiro século da súa imparable expansión, e da súa sedenta osmoses, os árabes copiaron deles, todo e de todo, menos iso de coller turcas e de fabricar camas turcas, pois seguiron coas alfombras persas!
As desgrazas dos árabes para competir no mundo actual, son dúas: que son filósofos; e que se ben son capaces de sacar petróleo das areas dos seus desertos, en cuestión de motores non pasaron do desaparafusador; nembargante, son uns fanáticos do acelerador. Un musulmán, por encima de todo, pensa. Rodin, se os coñecese a fondo, houbese posto un turbante na cabeza do seu “pensador”. Ninguén lles avantaxa en pensar, en reflexionar; pero, iso si, pensan para dentro, re-flexionan; e por tanto non teñen unha mecánica propia, volvéndose tolos a comprar material e a pagar mecánicos mercenarios, que en definitiva non lles funcionan con lealdade. O seu é a gumía e mailo alfanxe; en definitiva, o coitelo curvo. E tamén corre-la pólvora, pero no alto dos cabalos, ou dos camelos; ¡nada de mando informático a distancia!
O musulmán está máis cerca de Deus que nosoutros; ¡por iso das curvas! Non sei se acaso algo na cristalografía, pero no demais Deus fixo una natureza curva, de liñas curvas; o que pasa é que a civilización occidental é cousa do demo, en gran parte, e por iso inventamos a recta rilando nos dentes, a estilo Lucifer. Un musulmán nin ten espadas rectas nin di unha cousa en estilo, en sentido, directo, senón con metáforas, con circunloquios, con perífrases. Moito levo matinado nas estrañas coincidencias que se dan entre galegos e árabes, pero desoriéntame que sexamos máis rubios cá eles, aínda que tamén teño visto árabes roibos, pese a que lles chamen mouros a todos, sen excepción. Se cadra, alá nas chairas de Babel separáronse dous curmáns, o pai da Agar e mais o pai dos suevos. Os agarenos mourearon co sol milenario dos seus desertos; e por contra, os suevos volvéronse suaves coas humidades e cos verdes norteños, nas ribeiras do Rhin.
Quero volver á biografía de Mahoma, pero antes direi que nada repugna tanto a un musulmán, ¡pero que nada!, como a soberbia e a fatuidade dos cristiáns. Soberbia, en crernos salvos de antemán, gratuitamente, presupoñendo a condena dos musulmáns como ignorantes do verdadeiro Deus; soberbia de terratenentes porque nós témo-los prados e mailos fondais, mentres a eles lles tocou o deserto, o areal. E tamén a fatuidade, por ignorancia de canto lles debe o mundo occidental, que sen eles, particularmente España, estaríamos asubiando aos ventos dos cerros de Úbeda.
Por todo isto coido que merece un minuto do noso tempo lembrar que nas mesmas alforxas de Tarik e de Mussa viñeron, recibimos e compartimos, entre outros subministres e/ou participacións:
. A tolerancia, a convivencia, relixiosa; aí temos os templos e maila súa pervivencia; os ritos, mozárabes.
. A cultura greco-latina, trasladada, resucitada, no Al ándalus.
. A filosofía aristotélica.
. Estudios de medicina, que aínda hoxe nos producen réditos.
. Coñecementos xeográficos, que lles viñeron moi ben aos portugueses, e moi concretamente ao noso Colón.
. Matemáticas, das que tiramos os termos e mailos conceptos da álxebra, algoritmo, algarismo (de Al-huwarizmî), trigonometría, etcétera.
. Astronomía e alquimia, a cachón.
. En arquitectura toda unha síntese das fermosas concepcións coptas, persas, indias, bizantinas; etcétera.
. Na literatura, toda esa gama de exquisitez e de sensibilidade que chegou ata Antonio Gala, o último mouro cristianizado do noso Al ándalus.
. Transmitíronos o coñecemento da pólvora, do papel, do compás, do astrolabio, dos números, das aceas, dos muíños de vento, dos cultivos hortícolas…; e aquí outro longo etcétera. Na agricultura non esquezamos o seu cultivo do algodón, e do arroz; acequias e demais sistemas de regadío.
En definitiva, que non sei por qué os aborrecemos tanto, por qué non conseguimos fusionarnos con eles; daquela, quero dicir; ou, en todo caso, convertelos, naqueles oito séculos de fronteiras, pero para iso había que darlles bo exemplo; ¡mellora-lo presente, como adoita dicirse!
Que despois daquel esplendor, que na súa caída, ou parálise, en parámetros socio económicos, dos últimos séculos, comparativamente co despegue da cultura occidental, teñan ou tivesen que aceptar se-la carne de canón dos Xenerais europeos, non presupón nin define indignidade racial ou cultural, senón unha simple crise histórica.
–Continuará-
Deixa unha resposta