Das rúas de casamento e das foleadas… ¡ao fútbol!
-y XX-
Achegas de
Xosé María Gómez VilabellaO autor desta serie, entregando un trofeo
nun partido de fútbol, en Sidi Ifni.
¡Que a ninguén se lle ocorra dicir hoxe en día que non lle gusta o fútbol, ou que non o entende, porque o tomarán por…, ¡por iso que estades pensando!
Caso distinto eran aqueles costumes, aqueles divertimentos, nosos, enxebres, de propia colleita, ¡tantos e tan diferentes! Ademais de divertidos, tiñan o seu aquel ximnástico; aqueles si, máis, moito máis, que iso de chocar cos autos, sexa ao entrar ou ao saír do estadio, e total para non quedarnos sen un asento incómodo, duro, liso…, de formigón!
¿Xogos? ¡Máis que agora, pois, como tiñamos que andar un longo treito, o camiño daba para todo, para todo tipo de inventos, desde a billarda ata o circense de correr por riba das paredes a paso ximnástico; e non iso do “pavillón de deportes”, sempre ocupado, e sempre pendentes de que non nos deixe en terra o “transporte escolar”.
Aqueles carriños de madeira, pero tamén se facían en miniatura con dúas corolas de nabo; aquelas “bicis” sen freo; aqueles cirichóns, cun émbolo cabeceado con estopas para irriga-lo compañeiro, maiormente por carnavais; o tira-balas, tamén de estopa, que se apertaban contra o estómago para facer puntería… Con dous botes, taponados cunha vexiga seca, de cocho, e un fío de algodón, inventamos os primeiros teléfonos que funcionaron en Castroverde. De alcacén despuntabamos uns chifres que soaban con música de anxos; as frautas de castiro, que se lles extraía a casca mazándoa con suavidade, e despois axustábaselle un recorte da mesma madeira para que fixese de palleta… ¡Mil cousas, mil inventos, que os da miña xeración non tivemos clases de “manualidades”, nin falta que nos fixeron!
O que tiña bo oído e mellor afección, con aquelas frautas de castiro aprendía a escala musical; que diso pasábase á gaita do fol. Igual que batendo nunha lata do pemento aprendíase a toca-la caixa, o bombo, a pandeireta…
Despois da Guerra, segundo ían regresando os mozos, aqueles que lembraban a gaita do fol, ou llela conservaran, volveron a ela…, ¡e deron uns solos impresionantes, aos domingos, que mereceron o nome de “foleadas”. Tamén se volveu ao “permite”…, que moitas leas ten ocasionado. Nesta bisbarra tivemos a grandeza de que volvesen a actuar dúas bandas, Pena e/ou Bolaño, tan pronto como o “cuartel” da Garda Civil tivo permiso para dar permiso para permitir dúas ou tres horiñas de música festeira, pero sempre con clausura antes da posta do sol. ¡Naturalmente: tratábase de situarnos “Cara al sol”!
As festas volveron a ser “de merenda”. A xente de lonxe madrugaba para preparar as viandas, metelas na alforxa, ou subir as cestas á cabeza, con aquelas rodeliñas…, ¡con xaxún, ata despois da Misa, que o Concilio aínda estaba lonxe!
Nestes medios, algo que non se perdera, algo que non houbo que resucitar, foi o lume novo, ¡San Xoán!, así como o de enramallar as casas, hortas e alpendres. Tamén seguiron os curandeiros, por falta de médicos e de menciñas: as sangrías, os tirizós, a “espinilla” caída…; o leite callado, con codesos, para as lombrigas…
Mais, por riba de todo, neste país rutilaban as rúas de casamento, ¡e iso que se celebraban de noite! ¿Eran vulgares aproveitamentos da veciñanza, ou honores tributados aos noivos? En particular os foguetes, moitos desgustos deixan dados: A mocidade do lugar considerábaos unha honra, ¡especialmente para as veciñas! Pero as nais delas, si se sabía, ou presentía, que a noiva non ía de branco, ¡de branco virxinal!, non perdoaba aquela “ofensa”, téndose dado casos de acudir á Garda Civil para denunciar o “desaforo” e insistir en que fose “comisada” a pólvora do novenario. Como os Curas viñan esixindo aquelas tres amoestacións, ¡non eran doados os connubios secretos!
Os noivos saían cos padriños, e demais invitados, despois da cea, ao redor da casa da noiva, para dar: O padriño, tabaco e viño; e a madriña, roscas. Como adoitaban ser moitos, e de lonxe, os ruantes tocaban a pouco, así que os máis pícaros acudían con dúas ou tres chaquetas, e outras tantas carautas, para pasar desapercibidos en dúas, tres, catro…, ¡roldas!
A rúbrica destas “rúas” non sempre foi afortunada, pois tense dado o caso de que antigos pretendentes da moza, e/ou os seus amigos, fixesen algunha dellada: tirar cancelas, desfacer o palleiro, darlles carne con agullas aos cadelos…, ¡e incluso tiros!
Rematar esta serie “a tiros” non parece boa idea, así que lle prego ao lector que lea, “foguetes”, que con iso concluímos estas festas en paz, ¡en paz, pero cunhas lembranzas un tanto morriñosas! ¿Tería razón Jorge Manrique naquilo seu de que “… cualquier tiempo pasado fue mejor”?
¡Non o creo! ¡Todo é cuestión de quitárlle-lo zume ás flores, incluso ás chorimas dos toxos e das xestas, como fan as abellas, que con iso, a vida, coma o mel, vólvese doce!
Xosé María
Deixa unha resposta