Toponimia de Castroverde

Boa veciñanza

-II-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Ao Norte, Pol. Sen desmerece-los outros, ter a Pol por veciño é cousa seria, importante. Hoxe somos veciños, mais, historicamente, as terras de Luaces, ou “Loaces”, formaron unidade connosco desde tempo inmemorial. Cando, de arrepentido, aquel Sancho Sánchez da Ulloa, conde de Monterrei, outorga o primeiro dos seus testamentos, no castelo de Pambre, o 24 de abril do ano 1.480, ordenoulle ao seu primo e testamenteiro Álvaro Gómez de Rivadeneira que levase a térmo a devolución, o reintegro, dos bens usurpados, violentamente, á súa prima Dona Isabel de Castro, entre eles a “casa de Castroberde con todos los vasallos e de ella e de Luaces…”.

Os de Altamira conservaron a torre de Bascuas, na marxe esquerda do Azúmara, que foi unha especie de fielato entre Castroverde e Luaces, asentada nun pereiro, prominencia rochosa hoxe alisada porque arrincaron a pedra para cerrumes e para facer aquelas casas do lugar. Disto teño escrito no El Progreso do día 24-07-1984, “La torre de Bascuas”. E se máis queren saber, pregúntenlle a dona Ana María, que alí se criou, na casa actual, situada nos alicerces daquel nobre solar.

Outra nostalxia dos Altamira é a casa deles, hoxe medio ruinosa, pero con escudo, onde estivo a vella Consistorial do vello Pol, na parroquia capitalidade, de igual nome, antigo Polux, ou Paul, o Paulo.

¿Que lle debemos a Pol, de presente? Amais dos ventos fríos, norteños, que nolos encanan polas bocarribeiras procedentes da Terra Cha, o intercambio parental e cultural, maiormente con respecto á parroquia de Montecubeiro, foi intensísimo, en particular no século XX. Entre outras interrelacións, a parroquia de Pena veuse abastecendo, para a súa festa do día 8 de setembro, das compras que efectuaban na feira do 7, en Mosteiro. Os seus canteiros chegaban traballando ó mesmo Villarino ou Vilariño. E notables foron os seus ferreiros, os muiñeiros, as tecelás… O feito de que Pol, en particular Luaces, tivese un minifundismo arrepiante, intercalado cun señorío avasalador, iso incentivou as especialidades, os oficios, xerando un artesanado de moito auxe. E de paso, unha sindicación precoz. A propia U.X.T. de Mosteiro, segundo me ten informado Gato Soengas, foi das primeirísimas de Galicia. Unha evidencia, ou confirmación, diso, foi o feito de que, convocados a Lugo no 18/19 de Xullo do 36, atopáronse, de súpeto, coas portas da muralla tomadas pola xente do Alzamento, ¡e eles dentro! ¿Como se salvaron? Un dos canteiros sabía que un dos bordeles confinantes coa muralla tiña unha habitación cunha porta ou saída á muralla… ¡E por alí fuxiron, na escuridade da noite, deslizándose por aqueles lousados que circundaban a muralla lucense!

A nós débennos, entre outras cousas, os principais fluxos de auga: As que baixan por Gondel, desde Vilar; o rego dos Corzos, que empeza en Maxide; o Azúmara, que empeza nas fontes de ídem, en Sarceda, acumulándose co Ribón, e máis tarde, cos Regos de Insua e das Neves; etc., etc. O propio Lea, que ten as arterias nas abas do noso Mons Ciro.

Culturalmente, se algo aprenderon de nós, a eles é moito o que lles debemos:

O Mestre de Rielo (Palmeiro), que hai quen di que xa resucitou porque os Promotores escavaron a horta do Seminario Maior de Lugo, onde se lle supoñía soterrado despois do seu encerro e subseguinte fusilamento.

Os médicos de Mosteiro, que asistiron por décadas toda a zona Norte de Castroverde; e algúns, aínda hoxe, teñen as “cartillas” en Pol. Outro tanto ocorreu cos seus veterinarios.

Primeiro a “Sociedade” (cooperativa) de Mosteiro, e despois os tendeiros, que por facilidades de acceso restaron unha gran porcentaxe ós seus competidores da Vila de Castroverde.

Costureiras, que subían coa máquina na cabeza, ó longo de máis dun século.

Un fornecemento de mozas, que establecían as súas relacións nos famosos “paseos” quincenais do campo da feira de Mosteiro. Tiñan a Castroverde por montañoso, pero…, ¡nós éramos da terra dos carballos!

No plano cultural hai que descubrirse ante os de Pol. Para abreviar:

-Antonio María Da Vila, natural de Faxilde, en Torneiros. Fundou o diario “ La Prensa ”, na Habana.

-Os irmáns Ónega, tan populares que sobra entrar en detalles.

-Os irmáns Rielo Carballo, de Arcos de Frades, máis importantes que coñecidos. A Nicanor, prematuramente falecido, débeselle, entre outros colosais traballos de investigación histórica, a súa meritísima que para nós a quixésemos en Castroverde, onde, entre os erros deses mapas da Xunta, a Concentración Parcelaria de Montecubeiro, e outros esquecementos, xa nin sabemos onde estaban os marcos, para canto máis o nome das terras.

Outro dos Rielos, e quedan máis, entre tíos e sobriños, é Isaac, que, entre outras obras, algunha delas de recente publicación, salvoulles o “Cancioneiro da Terra Cha”, recuperación que nos falta, ou que xa é imposible, no noso Condado de Chamoso. O seu museo etnográfico, particular, na propia casa de Arcos, ¡e nós, que nin público o temos!

Aínda que non sexa espectáculo da miña devoción, Pol, (e nisto tamén o Cádavo), representou á nosa bisbarra, ¡na praza das Ventas!, cun notable toureiro: Dositeo Rodríguez, “El Gallego”.

____