Dedicado ós rapaces da nosa bisbarra, nestas vacacións do Nadal,
particularmente a aqueles que se estean iniciando nisto do Internet
MIRO, na escola
(Terceira e fin )
Esta é a historia dun Príncipe que non tivo preceptores maquiavélicos.
Como o relato é longo, sairá por entregas, séxase, por capítulos.
Xosé María Gómez Vilabella
Miro post Theodomirum
Sueborun rex efficitur.
O vate
Miro, canso de aprender, que todo o mundo se emperraba en facerlle saber, subiu ó Monte do Pradairo para Lugo ver. Alí, no mesmo Miradoiro, atopouse cun guedellas que non quitaba ollo dun toxo florido, falándolle de ti por ti, tal que se parrafease cunha amada!
-¿Que fas aquí, neste outeiro? Este non é sitio para un vate… ¡Ti deberas estar na Corte, vaticinando, perorando…!
-Cabe do Rei toxos hai, pero non florean. ¡Prefiro os toxos ás lanzas da garda real!
-Se chego a Rei, para Braga comigo irás; alí dareiche un horto, un horto que teña un bieiteiro, ¡para que non lles cantes ás espiñas, que os bieiteiros non teñen chorimas!
-Daquela é mellor trae-la Corte para aquí, para Lugo, ¡que tamén é Gallaecia! En Lugo temos bieiteiros, no Rego dos Hortos, ¡e xa están regados!
-Iso da Corte…, tamén me gustaría levala para Santiago…, que alí está enterrado aquel Apóstolo do Cabalo Branco… ¡Xa sabes!
-Se para Santiago ves, deixa aló os santos, ¡que é máis divertido telos en Braga!
-Iso, ¿por que?
-Na terra da raíña Lupa, con Santiago abonda, que é moito Santo de Deus! Ademais, iso, co tempo…, xa o fará Xelmírez! Apunta este vaticinio, que se cumprirá, vive Deus!
-¿Quen é Xelmírez? ¿Outro sabio?
-¡Non é, será! Será un home grande…, ¡amais dun gran home! Pero non llelo digas en Braga…; ¡gárdame o segredo!
-Iso, ¿por que?
-Porque será un roubasantos, que esa Compostela ten vocación de xunteira, de xuntar…, que o vexo vir!
-Veralo ti, que por algo es vate. E xa que vate es, daquela vaticina: ¿Onde témo-los perigos, e por qué periga este Reino? ¡Seica o andas dicindo, que por iso tiña ganas de falar contigo!
O vate, que ata daquela estivera tombado, ergueuse, como sobresaltado:
-¡Gárdate dos godos, coma do inimigo malo; e se non lles temes, gárdate dos visigodos, teus primos, que eses aínda son máis godos! Con eses compadres teremos vodas, pero enterros, tamén. Nembargante, os ventos mouros virán do Sur. ¡Ai de ti, Florinda; ai de ti, Oppas; ai de ti, Rodrigo, que entre todos, abriréde-las portas!
Miro estaba fríxido, tanto, que nin a camisa lle chegaba ó corpo:
-¿Cales portas? Este campo verde da verde Gallaecia non ten portas; e de montes, pouco, que ben mansiños son, que por algo os suevos pousamos en semellante suavidade…, daquela que enxames fomos!
-Meu Príncipe, tampouco eu vexo esas portas, por altas que fosen aquelas xambas do Hércules, que os vates só vaticinamos o que intuímos, e só intuímos o que cheiramos! Mais agora que o dis, cala, agarda…; ¡o Sur chéirame a queimado!
-¡Mentres non sexa a morto…!
-Diso tamén haberá, tamén; ¡oito séculos de mortos! Mais, como está distante, polo de agora falemos de vivos. ¿Non é certo, Miro, que estes campos están que saltan? ¡Fíxate neles…! ¿Saltan, ou non saltan?
-Só vexo salta-las choias, voando polo ar, que veñen de pacer nas hedras desas murallas do Castro; ¡e tras das choias, un fatado de andoriñas, máis ledas có sol!
-¡Xa sei quen me falou deses mouros, deses bérberes! Foron as andoriñas, ¡que teñen por aló o seu pazo invernal! ¿Coidas que só veranean os fillos do Rei? As andoriñas gánanche niso, ¡que primeiro invernan, e despois veranean! Por algo saben moitas cousas, do aquén e do alén dese estreito bérber. De Oriente virán novas profecías, novos vaticinios, que acenderán á xente do Libro, unha parte deles, aqueles que creron a medias nas profecías dos vellos profetas, ¡que Agar, aquela media esposa, tamén terá o seu día! Daquela os fillos de Agar, medio renegados, medio relegados, predicarán…, ¡ata Covadonga, e non máis, que eles non son suevos, e tremerán de frío nas nevaradas!
-¡Os teus futuribles arrepíanme, meu Vate! Vaticina en presente; ¡prego!
-O poeta do presente é o adegueiro real…, que vos emborracha a pracer, esquecéndose dun próximo espertar! O meu vaticinio estimula utopías e soños, que só serán reais se o Rei soña grandezas para este solar!
-Non, ho, non esaxeres, ¡que cousa máis grande cós verdes campos desta Gallaecia secular non existe, nin pode habela!
-Niso estou conforme; e se para defendelos houbese que tinguilos de vermello…, aquí tes o meu sangue!
-¿Que fas, Bardo, que fas; por qué corta-las veas…, se son túas?
-So foi un pinchazo; e de ti espero outro…, para xunta-lo sangue plebeo co real! ¡Veña, faino!
-¡Xa está…, co meu propio puñal! ¿E agora, que?
-Coas feridas xuntas, o sangue mestúrase…; ¿ves ti? ¡Xa somos pobo, xa somos raza, temos un país común, propio, e como tal, compre defendelo!
-¿De que vale todo isto?
-¡Ós poetas, de moito! Xa o descubriron aqueles aedos gregos, que mesturando o sangue dos patricios co dos plebeos inventaron a Democracia, unha filla fermosa, ¡tanto, que nin Fidias soubo retratala!
-Segundo ti, do sangue mesturado, comunicado, sae unha filla común que se chamará Democracia… ¿Será Raíña, reinará…?
-¡Por suposto! Con ela viviremos en paz e concordia…; ¡cousa fina!
-Sendo así, con esa fraternidade…, ¿quen mandará?
-O mando será temporal, cos relevos que pidan os tempos. Daquela rexerán os mellores, ou que, por tales, os cidadáns, os teñan. ¿Paréceche ben isto de camiñar cara adiante?
-¿Iso evitará ter Xefe…?
-¡Tranquilo, que tamén farán falla! Daquela serán xefes os mellores, os ases…!
-Con estes vaticinios…, ¡non será cousa de durmirse nos loureiros!
-¡Ti verás! Como din na Fisterra, que alí entenden, asemade, do mar, da terra e do ar, camarón que se durme…, ¡chaput! ¡Lévano as correntes!
-¿As correntes de opinión?
-¡Esas, tamén! E agora, Príncipe Miro, déixame toca-la lira…, ¡que por min, para rei, estás aprobado! ¡Parabéns!
-¿Así; sen máis…?
-O resto sonche materias doutro lugar. ¡Vaite, e déixame en paz, na destes campos floridos, que outros coma eles, na terra, nin Deus os fará!
-Estes xa son de Deus…
-¡Naturalmente! ¿Vaslle ensinar, ti, a un poeta? ¡A un vate, neste mundo, non lle ensina ninguén! Mentres haxa lilas, e liras, e verbas floridas…, os poetas serán os cantores delas!
-Por min, que non quede. ¡Amén!
Miro, despois daquela clase tan clásica, mesmo á volta do Miradoiro subiuse ó loureiro máis grande do Castro, e desde alí, facendo bucina coas mans, berroulles ós castrexos do Val Verde:
-¡Mirádeme, meus amigos; ollade para min, que aquí estou subido, e nunca máis nun loureiro me veredes!
-¿E iso, por qué? –Berroulle Lucano desde o seu cabalo.
-Nunca máis me veredes…, porque agora mesmo me apeo dos lauros! Para sempre, ¡Amén!
Desde aquela andaina, o Bardo do Castro Verde non deixou de vaticinar ós catro ventos, costa arriba e costa abaixo, polos cumes e polos chans, que Miro, o noso Miriño, fillo do gran Teodomiro, gran Rei sería. E así foi, ¡que na Historia está!
Martinho, aquel Santo Preceptor
Á final do verán celebrouse no Castro a festa do pan. Os mozos segaron nos centeos…; as mozas ataron os mollos…; e os cativos repasaron o pallar, ben repasado, suco a suco, para que ningunha espiga se perdese, cousa que lles criticou Lucano cando diso se decatou, advertíndolles que as espigas sobrantes por algo caídas están, que son réditos ós paxaros debidos, cobranzas compartidas, que as merecen polo seu alegre piar; ¡en consecuencia, devolvéronas ó pallar!
Na eira do Castro, colectiva que era, aquelas mulleres da mantela desataron nos mollos; esparexidas as espigas, aqueles forzudos déronlle ó malle, sen piedade, cantando a coro, entre todos, loanzas ó Deus que lles daba aquel pan de cada día, día a día, coa suor da súa fronte, ¡e non coa suor do de enfronte!
Aventado o cereal, fanegas de ouro, Miro e Ramiro, cos outros rapaces do lugar, foron moe-la fornada, en alegre procesión, ós muíños da pedra redonda de Penalonga, río Chamoso abaixo, artimaña traída polos suevos da súa Xermania. (As aceas, que son cousa parecida, foron copia dos mouros, que non invento, que eles non tiñan fervenzas no país da súa orixe. Os romanos, como tiñan escravos e moinantes muiñeiros, moían á man)
As mulleres, despois de espallar, cousa que se lles daba ben con tal de cimbrar, prepararon as artesas de amasar. En canto ó forno, roxou Lucano, cos vellos do lugar, Druída incluído, que esa cousa de face-lo pan, amais de ciencia, ten o seu ritual.
Xa anoitecía cando quitaron as bolas do forno, poñéndoas a arrefriar; e daquela volveron a roxar…, que os xabarís requiren moita calor para asar!
Era noite pecha cando no torreiro pararon de bailar, que daquela palmeou Lucano, convidando a cear.
A noite avanzaba pero o noso Miro non se retiraba, matinando que no talaiot do castro, coa somnolencia dunha cea tan pesada, o Vixía de quenda igual se durmira. Aínda que non se coñecían inimigos declarados daquela Comunidade, el aprendera no seu escolar que ata os santos tiveron contrarios, e que cumpría vixiar! Sen máis dubidar, cara ás ameas deu en pasear:
-¡Sentinela, alerta! –Berroulle ó chegar.
-¡Alerta, estou, que Martinho son!
-¿E logo a sentinela desta Fortaleza, ese mozo gardián?
-Aí o tes; acurrunchado, durmido, que unha cea pantagruélica fai marmota a calquera. Na miña experiencia tiven por certo que así pasaría, e daquela… ¡Non sería eu quen deixase sen garda ó futuro gardián deste Reino!
-¡Adulador!
-Non tal, que deberas saber que non é adulación o que se pode demostrar… Ti vaite ás pelicas, que mañá tes que estudar; ¡tes que seguir estudando, que esa é a túa obriga real!
-Niso, por moito que sexas o San Martinho, non concordo, que isto de vixia-lo Castro, albiscando por tras das ameas, dá ocasión para pensar. ¿Ou quére-la exclusiva?
-Xa que queres pensar, fagámolo, ámbolos dous a porfía. ¿Ves esa Lúa tan chea e tan branca, que a pouco reloce coma o sol? Aí onde a ves viaxa máis cá min, que na miña Panoia tamén lucía, tamén pasaba, tamén ía e volvía. Meditando niso cheguei á conclusión de que a Lúa con respecto á Terra vén a ser coma un fillo con súa nai, que corre ó redor dela como para defendela, precisamente cando está ausente o pai Sol. ¡Eis aí a miña responsabilidade! Perdoa, pero non cho sei dicir doutra maneira máis…, metafórica!
-Martinho, ¿coidas que o home chegará a voar, e non precisamente coas as de cera, como fixo Ícaro? ¡A min gustaríame ir, con Aurora, de lúa de mel á Lúa!
-De momento, só podedes ir en espírito, coa imaxinación; nembargante, iso, esa impotencia, física, actual, cabe augurar unha esperanza no discorrer infinito da Humanidade…, ¡que nos vén da intelixencia infinita, e ata certo punto, participativa, de Deus! O caso é que ese Deus, ese Deus Creador, sópranos pouco a pouco, segundo coida que o imos entendendo, ou merecendo! Ti mesmo, hoxe, estiveches a moer neses muíños hidráulicos, ¿non? E leváste-lo froito nun carro de rodas, ¿certo? Pois iso tan simple xa son adiantos, adiantos do home caído…, que preconizan outros!
-Martinho, ¡moito sabes!
-Ben sabido, só sei, de min, de min mesmo, meu Miro, que teño capacidade de aprender. Tamén sei que ese pouco que sei indícame que é tantísimo o que se pode chegar a saber, que aínda non sei nada, ou case nada, do que se pode saber.
-Xa que logo, ¿sabes que estou pensando? ¡Pois que coa natural humildade que téde-los sabios, os sabios e mailos santos, moi humilde ten que ser o Rei que vos queira entender!
-Agora pregunto eu, que non entendo…
-Mentira parece, vindo de ti, Martinho. Direicho doutra maneira: O Xefe soberbio, aquel que poña as nubes por trono, nun reino etéreo, vaporoso, pretensioso, ese tal non pode cheira-las flores…, que lle pillan lonxe! Se non cheira as virtudes da terra, as dos homes que por aquí deambulan facendo boa dela, entón, che digo, aló arriba, nas neboeiras, só participará dos raios e dos tronos, que ese é o froito deses vapores. ¿Expliqueime agora?
-Explicácheste, Miro; e non só te explicaches ben, senón que vas empezando a decatarte de que reinar é servir. Mandar é servir. Toda a convivencia é servir…; ¡servir para algo que teña utilidade!
-¿Como, como; qué dis? Daquela os bardos…; daquela os pintores…; os músicos e demais musaregos…; ¡como non é útil a súa labor, non teñen utilidade; polo menos, sabida!
-¡Radicalmente incerto! A esencia da utilidade, o sublime dela, está nesa aparente inutilidade das cousas inmateriais. ¿Que é máis nobre, máis limpo, o material ou o inmaterial?
-¡Esa dúbida ofende, Martinho!
-Nese caso, deixa ós bardos cantar, que se con iso conmoven ós espíritos rudos, iso xa é facer espírito do material, ¡do rudo material!
-Falando de cantar…; ¡tanto falamos, que con estas filosofías chegou un día novo! ¿Non óe-los galos…?
-Si, os do curral…
-Daquela, xa que non temos inimigos á vista, vamos ó pichoco dese Azor, en auga fría lava-los ollos, para espertos seguir; e de espertos, vivir, que máis vive quen menos durme!
-Ben dito, rapaz; que a función do Xefe tamén consiste en esperta-los dormentes!
Destrozón
Outra lección desta escola foi a daquelas Sentenzas exemplares, tal que esta que lle aplicaron a Wolf, un estragador profesional.
-Reunidos neste Tribunal, eu, Conde Lucano, de todo Chamoso Señor, ó Wolf vou xulgar. ¡Que calen eses barulleiros, que é cousa seria pondera-la honra deste rapaz! A ver, mozo, ti, como te chamas?
-Señor Conde, nas augas do Miño bautizáronme de Wolf, nome familiar que vén do meu avó, ¡avó dun Lobo!, como vostede sabe, que diso, vostede mesmo, padriño foi; pero aquí, neste Castro da Verdura, a onde orfo me trouxeron para me coidar, coidar coidáronme, pero oféndenme, a cotío, chamándome Lobo, e dicindo de min que son o Destrozón do Carnaval. Como ve, Conde Lucano, xa que aquí meu Padriño non lle podo chamar, ¡isto que me fan é unha ignominia!
-¡Vexamos, vexamos! ¿Como te declaras?
-¿Eu? ¡Inocente, claro; máis inocente cás augas do Pradairo!
-Daquela que opinen os teus agraviados. Ti, Aurora, ¿que dis que che fixo?
-Acusaba, avó, pero foi en tempo pasado. ¿Non ve que pon cara de mágoa? ¡Coitadiño; meu pobre!
-Iso pode ser unha falacia deste rapaz… ¿En definitiva, que che fixo?
-Xa que insiste, direillo. Faloume mal do Miro, que me dixo que o viu pecar coa Lucerna, xacendo no Prado Grande da Herba.
Lucerna pediu avogar por Wolf, e concedéronllo:
-Non foi tal, que no prado só repousamos, de vir coa sella grande, que Miro axudoume a traela…, tal que un irmán!
-Cala, Lucerna, e ten coidado cos falares, pois, como din os romanos, Excusatio non petita, acusatio manifesta.
-¡Así Deus me salve!
-Vale, vale, que se en ti confiamos, en Miro aínda máis.
-Daquela, por min, basta, que esa intriga fixo auga.
-¿Quedan acusadores…?
Nisto pediu a palabra unha Zagala:
-¡Servidora! Das ovellas, gardiana, e de nome, Pastora. Este Destrozón tenme os nervios tensados, que me di, a miúdo, que vén o lobo, que está chegando, e daquela collo medo e afalo ás ovellas para os cortellos do Castro.
-¿Cantas ovellas che comeron…? ¡Cóntaas e declara!
-¡Ningunha, Conde Lucano!
-Nese caso, desta querela non farei caso, que non foi mal aviso terte avisada…, aínda que non fixese falta!
-Señor, coido que o fai con picardía…
-¡Cala, muller, que espelirse, aínda que sexa por unha picardía, é cousa sa! A ver, ti, Canteiro, que o sinalas co punteiro, ¿onde destrozou o noso Destrozón?
-Aínda que non teño testemuñas, por sabido teño que este rapaz, de noite, desfai os lenzos da muralla do Castro, aqueles que de día reparo…, coa agravante de que o fai para terme entretido, que así cortexa impunemente na miña filla, Aelia, ¡mentres fago o que el desfai!
Lucano, despois de consulta-lo coa dona:
-Unha filla que ten que ser gardada…, nin é filla nin é nada! Neste caso, querela sobresaída, que estas probas circunstanciais…, nin son probas nin son nada! ¿Queda alguén sen falar?
-¡Coa venia! Eu, que son o Vate, de apelido Bardo, acúsoo de me remendar. ¡Por tódalas Musas que si! Ponse cara a min, sorrindo e mirando ás flores, coma quen que as cheira, ¡e daquela dálle por cantar!
-¿Consideras que iso é grave…, cantar?
-¡Si que o é…, porque canta mal!
-Iso está fácil de arranxar: ¡ensínalle a rimar! ¿Quedan máis acusacións?
-¡Si, as miñas, as propias dun pecador arrepentido!
-¡Pero se ti es o propio reo, un Destrozón convivencial!
-Por iso mesmo, nunha función lavatoria, autorredentora, acúsome; acúsome de destroza-la convivencia castrexa, pero teño unha virtude: ¡que sei pintar! Se me encerrades nun calabozo, tal que na gruta do Castro, daquela deixarei tódalas paredes rupestradas, que así os turistas pagarán…, en beneficio do Tesouro Real!
Martinho, que estivera calado, aplaudiu aquela oferta, que beneficiaría ó seu Rei. E Lucano sentenciou:
-¡Ten razón! Isto évos un problema cidadán: Como Conde que son, e por tanto, con mando xurisdicional, a miña Sentencia sería venderte a Roma, de escravo…, ¡polo pícaro que es, polo latín que sabes! Mais, como temos aquí un aprendiz de Rei, vexamos que xustiza sabe facer. Miro, Príncipe Miro, aquí está o acusado: ¡dálle Sentenza!
Lucano baixou da cadeira patrucial, e Miro asentouse nela.
-Ti, Wolf, un wolf mansiño, ou máis que un wolf, un golpe, un wolf coa pel dunha ovella, ¿coñécesme, coñécesme ben?
-¡E non hei! ¡Ti es Miro, noso futuro Rei!
-Daquela, xa que me coñeces, ¿acátasme?
-Desde hoxe, si. ¡Amén!
-¿Por temor ou por afecto?
-De momento, digamos que por temor, que iso xa é algo; e despois…, en reciprocidade!
-Burro non es, pero ladino…, moito!
-Miro, ¿podo falarche, eu? –O fillo de Gontrán, coa man alzada.
-Si, Ramiro, meu Conselleiro in pectore; ¡dime!
-O Destrozón dixo que é pintor, pero omitiu especificar que pinta cabalos, e tan ben o fai que llos quita ó mellor cabaleiro…, mesmo de entre as pernas! ¡Ti xa me entendes!
-¡Oh! Iso cambia a cor do asunto. ¡Vexamos, Wolf, vexamos! No hipotético caso de que eu chegue a reinar, e se daquela me atacasen os Vándalos, sexan silingos ou asdingos, ¿que farías por min?
-Señor, a cousa é doada: ¡Roubarlles os cabalos, afanárllelos; antes, antes de que se poñan a cabalgar contra ti!
Miro levantouse da cadeira xudicial, disposto a ditar Sentencia:
-Amigos todos, civis que non súbditos, mestres e condiscípulos desta escola rural, virtual, do Castro Verde Lucensis, ¿vedes como ata o diaño pode servir para ben si se pon a traballar? De momento, este Wolf, na corte do meu pai, será un sospeitoso máis, un sospeitoso a vixiar; pero cando sexa inevitable guerrear, o Destrozón destrozará, que por agora as guerras así se fan, ¡de desgaste total! No futuro xa se verá… Por conseguinte FALLO: Que Wolf sexa instruído nas artes marciais, que se agora, de folgado, é pillo, cando se poña a suar, e súe ben, ¡xa abrandará! ¡Cúmprase!
Daquela mesmo, que aínda estaban reunidos, ¡oh casualidade!, o Vixía do Castro avistou, polo Sur, un Correo Real. Martinho e mailo Miro adiantáronse á ponte levadiza:
-¿Que novas traes, Corremundín, da Corte de meu pai?
-¡Malas, Señor, que a vida terrea alugada está! Teodomiro séntese mal, e daquela quérevos dar os seus últimos consellos reais. Despídete, Príncipe, desta xente que tanto te aprecia; abandona, momentaneamente, esta Comunidade, que partimos, agora mesmo, tra-los cabalos permutar.
-¿Á presa…? Non farei tal, que estes amigos son leais: sabios e leais, de toda irmandade; e se busco outros…, daquela Deus dirá! Amigos deste lugar, castrexos do Verde Castro, untade os eixes dos carros, coma sempre, coas vergas do xabaril; e despois diso, cabalos aparellade. Tódolos cabalos que teñades, sen esquece-lo meu branco. Calzade espolas. Requiride lanzas. E despois diso, sen outra demora, todos ó Sur, que este Norte, este Castro Verde do Norte, de aquí non se moverá, que para sempre será o marco e maila referencia da miña herdade. ¡Miña escola será!
Aquí remata a…, ¡a historia, que lenda non é!, do Miro, Miriño, ¡que se é nova ou vella, iso tanto da! Despois disto veu a súa Historia de maiúculas, a Historia dun Gran Rei, aquel Rei sueborun que tan ben se levou cos seus veciños, cos bretóns, ¡a quen os galegos de ben nunca debemos esquecer! Polo que fai a Martinho, que así o escribían do Miño para abaixo, nesta bisbarra do Chamoso quedou, e proclamouse, por Santo, encomendándolle, de alí en diante, máis parroquias, máis igrexas, do que ó propio Santiago.
___
A sucesión da Coroa Sueva, a diferenza da Goda e doutras coetáneas, era herdanza, séxase, de pais a fillos; ¡iso si, coas mulleres no fogón, maiormente porque elas non tiñan forzas para lanzas empuñar! Así, a Hermerico sucedeuno o seu fillo Reckila, pasando deste a Reckiario. En canto ó Miron, que seica tivo un fillo coa Aurora do Castro Verde, herdouno este, un tal Eborico, tamén coñecido por Eurico, ¡un economista que se anticipou ó euro, pero, en diminutivo!
Ese nome de Mirón, que é un cóctel de xermano, latín e grego, acaíaselle perfectamente ó Rei: Un rei, simultáneo, de suevos e de hispanorromanos, en boas relacións, tamén, cos bizantinos.
Iso de “Mirón” corresponde ó gótico “Mereis”, que significaba algo así como “O que máis”. A interpretación para os latinos, que diso quedaba moito neste país, era a de “Miro, Mironis…! Fose como fose, e fose o que fose, certo é que aquel Preceptor, aquel San Martín, o Dumiense, séxase, aquel Abade de Dumio, fíxonos un gran favor coa súa inmigración desde a lonxana Panonia. ¡Que Deus llo pague…, e que reparta!
FIN
Deixa unha resposta