Sentenzas, fías e ruadas na bisbarra de Castroverde

A posible, pero improbable, resurrección do liño

-XVII-

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Agora que está tan de moda falar de asuntos que aínda son ciencia- ficción, lúas de mel na lúa, e cousas desas, ¿quen nos priva de teorizar acerca da resurrección do liño nesta bisbarra de Castroverde? De feito xa contamos coa bendición do párroco de Vilabade, o noso ilustre don Manuel, que, con ocasión das recentes conmemoracións da nosa “catedral” e das súas fundacións, ¡entronizou! o liño, as súas artes e mailas súas virtudes, ¡na propia catedral!

Se fósemos estremeños, xa o tiñamos o liño mecanizado, e incluso cobradas aquelas primas do Mercado Común… ¿Lémbranse daquel affaire? Moito me temo que nin recordamos cómo era a planta, así que haberá que reproducila; polo menos, graficamente:

O liño é unha fibra meritísima; no vexetal, despois daquelas follas de parra das que nos fala o Xénese, nada tivemos de maior utilidade para cubri-las nosas vergoñas; e logo que se daba do mellor nas terras desta bisbarra. Lémbrome daqueles anos da fame, na posguerra, que se volveu a sementar no mellor das hortas, ¡de tanto que interesaba obter unha boa colleita! Os meus recorridos de entón non pasaban de Montecubeiro, Pena, Bolaño, Vilabade e mailo alfoz do Villariño de Castroverde, pero víase florear de par de todos aqueles camiños; ¡flores azuis, miúdas pero, bonitiñas! E logo que na feira de Castroverde vendíase, ou encargábase, toda clase de instrumental, empezando pola súa semente, pola liñaza, que a presentaban nunhas taleigas ou fardelos, igualmente de liño, ben cativas por certo, que era a mellor proba da súa estima e da súa ración ou dosificación.

Ao liño, para que sexa rendible, non se pode volver sen estudalo a fondo, sen mecanizar o seu cultivo, así como a técnica, complexa por certo, da súa elaboración. Ora ben, contando cunha saída téxtil, asegurada a súa utilización, o liño pode competir coa la e co algodón. O resto dos tecidos actuais son pura química, e por tanto, desagradables ao tacto, e se me apuran, moitos e deles, nocivos para a saúde dos usuarios.

En canto á valía das nosas terras, coa advertencia de que cansan do liño, sendo preciso alternar con outros cultivos, cada ano, ou mellor, cada dous, aquí dáse a pluviosidade e maila altitude axeitadas, que non deben pasar dos 750 mm ., nin dos mil metros de altitude. Prefire as terras ácidas ás calcarias, etc. ¡Exactamente o noso! Admite o regadío, pero sen excesos que apodrenten as raíces.

Créese que llelo debemos aos romanos, que o utilizaron para todo, desde a vestimenta ás velas dos seus barcos. ¡Non todo foi levar, que algo trouxeron eles!

Os nosos carpinteiros lograron verdadeiras obras de arte creando, fabricando, aqueles instrumentos que requiría o tratamento do liño. Algúns deles:

O ripo, ou ripa, con pugas, que arrincaban a semente da planta, sen estrago nin desperdicio.

O mallo, ou malle, menos bruto có de mallar o centeo, pois tratábase unicamente de iniciar o desfebre da planta.

Mazo, ou maciño, que se utilizaba sobre un banco de madeira, ou pedra lisa. Despois diso, aínda se lle daba un repaso coa gramadeira.

Coa tasca, ou tascón, avanzábase no proceso de deixar a fibra ao ar, máis limpa, exenta de cortizas e doutras impurezas. O complemento da tasca era a espadela.

O rastrel, ou rastrelo, segundo os sitios, proporcionaba, mediante un cardado, a clasificación das febras, xa que as curtas e grosas retíñanse nas pugas de ferro, quedando liberadas, na propia man do cardador, as máis longas e finas.

De seguido, entraba en danza o fuso, co liño suxeito á roca, da que se ía estirando para formar o fío, habilmente terso, ¡á forza de dedos e de xiros!

A partires do novelo, aínda viña un cento de manipulacións, entre elas: a madeixa, a cocción en cinsa para o seu branqueo, as lanzadeiras, o tear, con trama e urdime, o batán, etcétera.

¿Prendas de liño? ¡Todas, desde os xustillos ás mantas!

Aquí damos por concluída esta evocación do liño transcribindo uns cantos refráns que denotan a importancia que tiña, e se lle recoñecía, recollidos por varios autores, en especial por Gil de Bernabé:

A estopa, como é fiada; a moza, como é criada.
A muller é fogo; o home estopa: vén o demo e sopra.
Á mala fiadeira, a roca faille denteira.
Quen teña fillas para casar, merque rocas para fiar.
Muller que non colle o fuso, e home que colle a cama, dádeos de boa gana.
Mentres ande na eira o xugo, que ande na casa o fuso.
Home que fía, muller que asubía, e galiña que canta coma o galo,
arrenego deles coma do diaño.
Muller fiadeira, fai boa casadeira.
A que ten liño e o dá a fiar, é coma a que pare e dáo a criar.
Mentres teña o meu tear, camisa non me ha de faltar.
A muller goberneira, cría o fillo, e de paso, fía e fai a tea.
Capa, saio e calzón, do mesmo liño son.
O bo pano, dura dez anos; pero na muller, a guapura, tanto non dura.

¿Qué, animámonos; volvemos ao liño?
Pensádeo ben, pois, con maquinaria axeitada, vale a pena.
¡Coido que si!