A primeira noticia que tiven da xesta heroica do Medullius débolla a meu avó:
-Non levedes hoxe a besta á chousa, que tan pronto chegue meu sobriño, o Carballeira de Serés, saímos para Caraño…
-¿E logo, a que van a Caraño?
-Meu neno, seguramente a polas últimas rendas forais, que aqueles homes espertaron, e vánnolas redimir a cartos.
O termo “redimir” xa llo oíra eu ao señor Cura de Montecubeiro, falando do sacrificio de Cristo na cruz, así que estoutra “redención” tíñame desconcertado, pero daquela non lle puiden seguir preguntando ao avó porque naquel intre chegou o tal Carballeira.
-Pois agora tés que probar deste queixo; non é da facenda miúda coma o voso de Serés, pero non está nada mal, que as nosas teixas ben manteigosas son!
O Carballeira, máis educado do que parecía a simple vista, quitouse a pucha e…, ¡oh, Ceos, aquel home tiña na súa cabeza aínda máis costuras que o meu calzón nos mendos da cueira! ¡Vaia derregos!
-Padriño, -pregunteille mentres lle sostiña o ramal da besta para que cinchase ben a albarda-, ¿que lle pasou a ese home?
-¡Cousas de romanos, que aínda non se foron! ¡Só a el se lle ocorre andar coas cabras, desarmado, polo Mons Ciro arriba, e precisamente por xunto da lagoa grande…!
Daquela non houbo tempo para preguntar, que de seguida se foron a polos sacos da renda foral, que nos viñan da herdanza dun tátara meu, un tal Gómez da Olga… Ben, pois agora que me deu por falar dos devanceiros, volvo ao Medullius:
-Madriña, ¡canto se mancou o primo Carballeira neses toxais do Monciro! ¡Débenche ser ben altos para racharlle a cabeza desa maneira…!
-¡Non sexas neno, que ti cres canto che di teu padriño! Pero a min pásame igual, que sempre está con historias…, ¡de tan imaxinativo que é!, e non é doado saber cando fala en serio…, ¡a pesares do serio que é! Daqueles romanos do Medulio, que seica andaron de greña cos nosos entregos, coa xente dos castros, Mons Ciro arriba e Mons Ciro abaixo, xa non queda nada, nin ósos nin fantasmas. Iso das costuras que ten o Carballeira na súa cabeza non foi dos toxos, e dos romanos, menos. A verdade é esta:
Polo San Froilán, daquela que había cabras no Café Mercantil, por non chamarlles doutro xeito…
-Madriña, -interrompina-, ¿que é iso das “cabras” do Mercantil? ¿Tíñanas para muxilas e así botarlle o leite ao café…?
-¡Xesús, Xesús, qué cativo este, que preguntón saíches! ¡Se lle deses un repasiño ao Catecismo do Padre Astete, mellor che sería, que dos pecados de Lugo tempo tes a saber!
-¿Logo, iso do Carballeira, saíulle polos seus pecados? ¡Pois menos mal que non lle saíron cornos!
-¡Pero mira que es enfexo! Non cho debera dicir, que iso foi un pecado secreto, pero…, ¡xa que empecei! O Carballeira foi ao Mercantil, daquela que traballaban alí aquelas cabras, ¡como pouco, para vérlle-las pernas! Nisto, que unha delas, ao son da música, e facendo que bailaba, deu en subirse a fanguela, berrándolles aos homes, pois, canto máis a subía, máis a comían cos ollos: “¡Ei carballeira, árdeche o eixo…, ou aínda non?”. Entón o Carballeira, e iso que xa estaba casado coa María Manuel de Sarceda, deuse por invitado, e saltou ao escenario, caéndoselle a baba, ¡e xa non fosen os calzóns!, á vez que berraba: “¡Pronto me viches, condenada!”. Pero aínda ben non empezara a danzar con aquela lurpia do cabaré, cando tamén subiron os camareiros, ¡para defendela! ¡Cadeira vai, e cadeira vén, ata que o deixaron nas táboas, sangrando coma un carneiro. Levárono ao Hospital de Santa María, ¡e menos mal que o coseron, ben cosido! O Carballeira tiña a cabeza dura, ¡pero as selas eran de buxo!
-¿Madriña, e non serían os romanos, eses que fixeron a muralla, a lategazos na cachola do Carballeira…? ¡Por bailar cunha moza, moito castigo me parece!
-¡Xa está ben, xa está ben! E agora colle o Catecismo, e valo lendo en penitencia, por este pecado noso: ¡eu, por contarcho, e ti, por escoitalo! ¡Que cousa de pequeno…; preguntas máis cá Garda Civil!
Tempo adiante, e sempre impresionado por aquelas historias da derradeira resistencia dos oestrimnios fronte aos romanos, alí polas abas do Mons Ciro, fun coñece-la Meda, que é a floración medulliense, o Lugo antigo. Eu buscaba xente loura, e máis ben atopei morenos, particularmente unha rapaza, unha moreniña, con trazos de deusa mediterránea, obviamente descendente de romanos, que non me deu lategazos, pero si unhas impresionantes e definitivas cabazas. Da Meda noiva non saquei, pero alí moito aprendín, maiormente lendas, que mas referiu o Mestre Torres Sarceda, que me honrou coa súa amizade.
Neste intre lémbrome da daquelas monxas que preferiron encerrarse no mosteiro de Soutomerille antes que gozar do tálamo nupcial que lles brindaba o señor feudal de Mondriz. Aseguroume Torres Sarceda que desa historia tamén chegou a escribir Benito Vicetto, pero nunca me deu atopado o libro onde o lera. Pero como estamos no verán, tempo de vacar, esoutra historia deixareina para o seguinte capítulo.
Esta web emprega cookies para poder funcionar e mellorar a experiencia de uso. Asumiremos que estás de acordo se segues navegando.AceptarRejectLer máis (español)
Privacidade & Política de Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.
Deixa unha resposta