¿Pódese pasar?
-XVIII-
Novela satírica
de
Gómez Vilabella
-o0o-
Unha creba rendible, prefabricada
Para pasmo de Frei Marcos e daqueles Fisgas da Fiscalía de Don Pedro, resultou que o Litis, para máis polifacetismo, para máis mérito, saíra un experto en crebas amañadas. Xa o sospeitaban na Eternidade, e algunha confesión delas houbera, mais, ¿provocadas por un terceiro, enderezadas polo mesmo terceiro en beneficio exclusivo dese Elemento tres veces terceiro? Se non fose polo seu dramatismo, intrínseco, inherente, Frei Marcos, un bromista da maneira, moito se houbese rido da súa vis, do seu aspecto cómico, que non hai traxedia que non o teña. Tirando deste fío chegaron ao novelo seguinte:
-…
-¿Don Aurelio, está don Aurelio?
-¡Si que está; son eu, ao aparato! ¿Con quen falo?
-Trátase dun asunto confidencial, pero coido que me coñece pola voz. Temos que falar dunha cousa importante…; ¡importante para vostede, por suposto, que xa me entende!
Aquela indirecta era excesivamente directa, evidenciando unha vella xenreira, aínda latente. Pero o Litis sabía paralas; paralas e devolvelas, multiplicadas, se tal era o caso!
-Pois aquí estou, e aquí seguirei, na propia Secretaría, ata o serán, polo menos, que para folgar sobra con certos empresarios carentes de toda iniciativa, deses que esperan conseguilo todo a cambio de nada!
O interlocutor dubidou entre colgar ou seguir implorando, pero, un grolo de auga nunha agonía é a vida mesma!
-Aí non me vale, que o noso terá que ser lonxe, lonxe de Churiz, onde non nos coñezan…; polo interese de ambos, que se para min é importante, vostede non irá ás perdas!
Litis acomodouse, que ben coñecía a situación…, posto e suposto que súa fora a semente, o envelenamento daquela semente! ¡Sementara ventos propios, calculados, e por fin, sen unha espera excesiva, alí estaba a tormenta, a tormenta e mailo atormentado!
-Nese caso podemos saír de perdices este domingo, -concedeulle, e daquela coincidimos pola parte de Friamonde, tal que nesa ponte de ferro, na do Miño, que xa temos andado por alí, ¡ás lebres, ás escuras!, vostede e mais eu, noutra ocasión, daquela do Plan Urbano. ¿Lémbrase?
A voz telefónica concordou:
-Acéptollo, de contado; mais o caso é que tiñamos que ver uns papeis, e así, a campo aberto…, non me parece cousa!
-Podemos cear en Taboada, naquel Mesón…
-Algo lonxe, pero…; si, conforme, que prefiro un lugar discreto, de xente descoñecida.
-¡Mellor na propia ponte, e nese caso, señor Erre, ata máis ver, que xa lle dixen que estou traballando!
-…
En Friamonde, nesa ponte de ferro, con Deus e mailos emparrados da ribeira circundante por testemuñas, aparcados os autos respectivos naquel Miradoiro do Miño:
-Coa mala uva da súa chamada, cabe supoñer que me quere falar, por enésima vez, daqueles terreos…, malogrados! Os burros coma vostede levan a carga pero non a senten; ¡peor para eles!
-¡Precisamente, pero non foi por burremia, que a cousa ten outro nome…, de curso forzoso, polo menos en certas ocasións!
Litis, con toda a sorna daquela mordacidade súa, que tan nerviosos poñía aos seus inimigos, clave de boa parte dos seus éxitos coa xente de pouco espírito, que así era por entón a maior parte dos nosos paisanos:
-Tarde piaches, irmán, que agora é imposible cambiar a calificación…, polo menos, dun xeito doado! -O Litis nunca dicía que non, a nada, mentres houbese a menor posibilidade dun suborno. -¡Quedaron fóra do Polígono…! Lémbrese do falado naquela ocasión, que era, digamos que, máis propicia!
-¡Fóra non quedaron: deixáronos vostedes, de propósito, adrede! Daquela trenzaron outras rúas, outras comenencias, en sitios periféricos, e incluso menos axeitados, menos urbanizables, recalificando, exclusiva ou preferentemente, os terreos tripartitos, os seus, os desa troika que funciona coma un dúo…
Deixáronme fóra daquelas avantaxes porque…, porque non abrandei, que naquela martingada vostede andou á lebre escura! Si, vostede; vostede mesmo, do brazo dese Alcalde, escondéndose, ámbolos dous, detrás do seu Aparellador, do municipal, que as leva todas, ¡e moitas delas sen culpa, ningunha, que me consta! ¡Meu pobre, o que hai que facer para ir comendo pasteis, que por algo o puxeron de albarda, séxase, en plantilla!
-Aclárese, que non vin ata aquí, a tan lonxe, para escoita-las ras do Miño.
-¿Aclararme, eu? ¡Ben aclarado estou, que aínda que chegásemos a un acordo en cifras para un truco deses de Reforma, ou de Parcial, que seguro que os admite ese churro de Plan da nosa Vila, de presente, ou vostede me fai unha rebaixa, ou non lles podo dar semellante propina, semellante cazo, que cansei de berrarlle á miña xente. Desde que me notan que ando de capa caída, sen unha carteira de pedidos satisfactoria, eles, os meus operarios, deixaron de render, que non producen nin a metade, que cadora traballan menos, menos e peor, e iso que lles subín algo, ¡demasiado para os meus posibles!, no último dos Convenios…
Pero Aurelio non abrandaba, nin polas boas nin polas malas; víase gozoso, en plan de feri-lo vasalo, murando sen piedade, coma un gato coa ratume:
-Non dramatice, que o seu xenro pode reflotar a súa industria a pouco que arrime o lombo, pero a culpa é súa, en pretérito, que o quere todo; ¡de balde! Mellor dito, dos de fóra, dos que non temos con vostede a menor obriga, que eu non lle casei coa filla!
-¡Que pouco o coñece, e sequera ben que o ve no Café do Cubano, día por noite, a cotío, dándolle ao cóbado; ao cóbado, e tamén ao naipe! Logo está que se me quedou obsoleta a maquinaría, que non era cousa de comprar outra mentres vostede me abortaba os pedidos… Estou no ollo da crise, e tan afogado, que xa me ve, pedíndolle árnica, ás agachadas, co honrado que teño sido!
-Pois…, ¡a cousa é sinxela: venda inmobilizado, terreos daqueles de marras, que para a súa industria, ao ritmo que leva, para eses catro talameiros da súa reserva, chégalle, e bástalle, cunha hectárea! ¡Sóbranlle dúas!
-¡Que condenado, qué ben o calculou! Dúas hectáreas, en efecto; si, pero de terras urbanizables, que ao de hoxe non son urbanas, por culpa súa! Véndolles esas terras se me ofertan un prezo razoable, que vostedes, con esas truculencias da reclasificación, iso dos seus Plans Parciais, cambio de uso, etcétera, convértenas en solares, nun tris, dun día para outro. Ora ben, se non razoan, se seguen atosigándome, antes que malvenderlles prefiro a creba; ¡e despois pégome un tiro! Con isto explicado, don Aurelio, amósolle as miñas cartas, aquí, de presente, todas, da primeira á última, que por algo quixen falar con vostede a soas, que por pillo que sexa, o Alcalde é bastante peor: ¡ese, a maiores, é un túzaro!
Litis púxolle cara de mendigo, arrimado ao peitoril miñoto, apático, reticente:
-Nin sei por qué o di, nin me importa, pero comigo equivócase, que cos meus haberes non lle podo comprar esa extensión; ¡dúas hectáreas, de solares…!
-Mire, don Aurelio, quitémo-las carautas, que por algo viñemos a sitio descoñecido: Vostede, aló en Churiz, faga o papel que lle conveña, pero eu sonlle un empresario, de cuna, que me vén dos antepasados, e para máis, nacín nesa Vila; ¡por ende, seille de tódolos niños, tanto dos paxaros como das cobras, que os coñezo a todos, tanto polos nomes como polos feitos!
Sen carauta lle estou falando: Nin ese túzaro de Alcalde, nin esa vaíña que lles serve a vostedes para tódolos sabres, para ámbolos dous, por tempos, que nin que a tivese de goma, por moito que presuman de listos, eles non serían capaces de erguer media Vila de casas novas se non estivese vostede facendo de triunviro, ao resgardo, tras deles, soprándolles, argallando, seleccionando os chanchullos máis rendibles, e todo ao sutil, coa Lei na man, pero na esquerda, que non hai por onde collelo, que vostede é un artista, aínda que non saia como tal nos periódicos! O que sae neles, o que sae sen albarda, e encima, chufado, que leva enganado a medio mundo, empezando polo Gobernador, é o Manuel, e todo iso grazas ás propiciacións, ás tramas que lle urde vostede, con méritos, con listeza prestada, así que non me faga falar!
Vostede erga no Manuel canto guste, pero eu ben sei con quen se fan os tratos. Se naquel entón non me deixei morder, ¡que me houbese sido mellor!, foi porque me colleron con bastante inmobilizado, excesivo, cantidade de madeira, barcos dela, amoreada para as súas obras…, polas esperanzas, polos encargos, verbais por suposto, que vostedes me fixeron! Naquelas circunstancias eu non tiña dispoñible para as súas…, digamos, pretensións, para dicilo con finura! Se pido un descuberto, se me empeño ata os ollos, e lles dou un cheque, ou vinte, ¡ao portador!, tal que mo esixían…, hoxe tería a solares, recoñecidos por vostedes, esas dúas hectáreas! Vendíaos, ben vendidos, que por contra metíalles un competidor niso das súas casas, e despois, ¡adeus!, que vostedes, naquel chanchullo, poríanme a bota enriba, que de feito ma puxeron, e mais non obtiven nada, pero só por unha vez; ¡só por unha!
Aurelio, temperado coma o mellor aceiro, inmutable, tratando de venderlle unha burra cega ao Madeireiro:
-Non me poña nervioso con esas imaxinacións, ou do contrario non lle prometo falar co Manuel…, a ver se podemos axudalo neste transo, xa que antes non foi posible, ou por mellor dicir, xa que vostede foi tan miope!
-Mellor será que fale coa Mabel, ¡que así gañaremos todos!
Litis, como que non ía con el:
-Non crea que é fácil arranxarlle esas cousas, que ben coñezo os seus atrasos, e tamén o que debe ao persoal. Logo están a Seguridade Social, a Facenda… O caso é que está virtualmente crebado; e xa demostrarán os Interventores, os Peritos, no seu momento, que no seu caso procede unha retroactividade, por alzamento de bens; ¡case nada! Daquela o Xuíz anulará toda posible venda deses terreos, simplemente con aplicar o artigo oitocentos noventa do Código de Comercio! ¿Entende, ou non quere?
O Suplicante, arrepentido de haberlle entrado con vindicacións, agora botouse as mans á cabeza:
-¡Uuih! ¿Logo, qué outra saída me queda; non quererá afogarme, nesta crise, ou neste río? Por pícaro que sexa, que o é, algo de alma terá, ou lle quedará, sequera sexa unha guedella!
Aurelio seguiu furgando naquelas feridas co gume do seu bisturí homeopático, perfectamente, dialecticamente afiado:
-Para resolver esas dificultades, esas contradicións, e de paso para eludir os alzamentos deses bens, certamente hai maneiras, científicas, axeitadas, nas que estou práctico, pero a cousa require operar con respecto aos Balances, cortar polo san… ¿Conserva as copias dos que presentou nos Bancos?
-¡Por suposto! Téñoos todos, das tres contabilidades: a verdadeira, a de Facenda, e mailas Declaracións de Bens para os Bancos…; ¡as tres!
-¿Aquí mesmo, no auto…? ¡Vexámolos!
-Non, aquí non, que soamente trouxen os títulos das fincas, as súas agregacións rexistrais…, por se chegabamos a entendernos nunha posible venda; ¡nunha venda razoable, quero dicir!
-Nese caso, eu podería volver para outra reunión, mañá mesmo…; ¡non, mañá non, que teño outro compromiso! Mellor en dous días, ¡á mesma hora! Disto, destas axudas, destes asesoramentos, nin media ao Manuel; ¡é que nin media! ¿Estamos? Manuel será o túzaro que se queira, con ou sen albarda, pero vostede, desta vez, está debaixo del, así que aínda é máis burro!
Se non lle presento estas cousas, este compromiso, con arte, ao meu xeito, daquela, coa carraxe, coas gañas que lle ten, si, a vostede, é que o deixa afundir, ata as fonduras do mesmísimo inferno! ¿Xa non se lembra de que lle pisou a muller, precisamente daquela que ía casar co Salmonte, que por iso se mantivo así, solteiro, tantos anos, ata que se fixou na Mabel? ¡Eu non lle son nativo, nin mamei dos chismes churiceiros, pero sobran informantes, de balde, que se consideran ben pagados con tal de fode-lo veciño!
Se vostede non fose un cretino, daquela decataríase de que o Salmonte é vingativo, vingativo e mesquiño, de seu, ¡un conde, en definitiva!, que por iso perdoa as posibles picardías da súa Mabel, ¡precisamente por agradecemento, porque foi a única persoa que decidiu aceptalo tal e como é!
Aquel Industrial non saía do seu asombro:
-Coidaba que non me tiña rancor, e que a putada de non cualificarme esas leiras, así como aquel bluff de prometerme unhas compras masivas de madeira…, todo iso, que fora asunto seu, maquinación súa, máxime cando que Manuel, o que é de urbanismo e de construción, cero mata cero!
Aurelio, como bo litigante, ¡cismeiro!, seguiu dándolle ao bisturí, con toda intención, para afondar naquelas feridas:
-Pois está, ou estaba, errado; ¡ferrado, en definitiva! Eu sonlle un fiel servidor do señor Alcalde, que é o das iniciativas, e se en algo me pasei, tal que coa súa dona, foi simplemente por caridade, para axudarlle nos seus deberes, digamos, maritais, que el ten moitas eróticas ás que atender! Pero vindo ao presente: Don Manuel é un fiel servidor do Goberno; por ende, por acumulación, vostede ten ao Goberno enriba, dacabalo, ao lombo, así que atéñase ás consecuencias!
Aquel modesto industrial, Rancaño, non sabía se rirse ou chorar, de irritado, de nervioso que estaba:
-¡Ah, comprendo; comprendo todo iso, que por algo me vexo así, mesmamente aplanado!
De remache, outra poutada felina, coas poutas rampantes:
-Canto lle digo, meu querido Rancaño, é polo seu ben, en pura humanidade; ¡así que non se pare a comprobalo, non perda máis tempo con esas hostilidades estúpidas! ¿Vale?
O Madeireiro a punto de chorar, de perde-lo seu xoguete predilecto, unha leira de cen solares…, ¡pero, en potencia!
-Comprobado xa o teño, que por algo estou aquí, deste xeito indigno, e para máis ignominia, ao furtivo, que nunca pensei chegar a tales extremos! Como ve, síntome debaixo da súa sola, tal que os filisteos daquela que Sansón lles abalou as columnas!
-…
Cada quen subiu ao seu coche e evaporáronse na noite, estrada adiante. Rancaño ía feito un vagalume, cos seus ollos pequerrechos botando chispas, chispas e bágoas; pola súa parte, aquel diabo carnívoro, o Litis, partiu triunfante e satisfeito, que nin Napoleón en Austerlitz, feito un facho, pero un facho de xofre, por toneladas!
A escena seguinte foi luminosa e ruidosa, de gran hotel, co Mesón a tope, na estrada N.VI; ¡xolda en tódalas bandexas, con viño de reserva! Nun á parte, Aurelio murmuroulle á súa Mabeliña:
-De sobremesa, facendo que vas aos servizos, dáste unha volta pola habitación 13, que a teño reservada. É tan só para darche un bico…, que xa te seguirei eu, ao momento!
-…
-¡Grazas, Aureliño; chuchuchúu…! ¡Deus, cánto tempo sen bicarnos, e co ben que o fas, que me pos a ferver só con tocarme nestes beizos, nos de arriba, que se chega a ser nos outros…!
-¿Grazas; pero, por qué, polo bico? ¡Muller, teño un cento en reserva, pero non podemos demorarnos…!
-¡Tamén chas dou pola vaixela, que son magníficas! ¡Viches que présa se deron, todos, en pasa-las caixas respectivas aos maleteiros dos autos, incluso esa Aliada; ela, dos que máis, e tense por santa! Foi un acerto mandarlle ao almacén que situase esas caixas no restaurante, fóra dos ollos dos nosos veciños. ¡Máis que churiceiros, chouriceiros, todos, sen excepción! De postos no noso lugar…, eses atracaban!
-¡Naturalmente que si! Pero os parabéns son teus, que todo foi idea túa, escollidas por ti! E todas diferentes; no debuxo, digo, para que ninguén poda dicir que os Concelleiros e mailos Funcionarios comen xuntos, no mesmo prato. Un acerto, como tódolos teus; ¡como todos, menos un, pero aquilo ten escusa, suposto que aínda non me coñecías…! ¿Sabes a qué me refiro?
-Non é así, que esta das vaixelas foi idea túa, inducida por teléfono, ¿lémbraste?
-¡Muller, cómo me gusta ese verbo, iso de inducir…! É unha pena que o teléfono non sirva para…, para inducir outras cousas, ata o fondo da túa intimidade, tan cálida e tan cordial!
-¿Pero ti, de qué te queixas? ¡Aí a tes, esoutra posibilidade, que non che quitou os ollos de encima, ao longo da cea! ¡Está coma un figo…!
Aurelio, con cara de moinante:
-¿Esa? ¡Anda que se cele, que se espapalle, que de tan pura, dá noxo! Nós temos que disimular, pero máis ben polos outros. Agora, despois doutro bico, douche un recado…
-¿Si? ¿Cal? ¡Agora non podemos ausentarnos, nin demorar máis…!
-Simplemente que non espilas ao Manuel; desde que volvas á casa, se entende, que mañá teremos unha reunión, especial, extraordinaria, no voso fogar. ¡Asuntos importantes: pasta, pesetas, unha auténtica lotería!
-¿Pleno? ¿Dese asunto do mercado gandeiro, non si?
-¡Non; nin pleno nin pirámide: triángulo…, e coma sempre, escaleno! Dillo ao teu Manuel, anticípalle que vos irei ver…, desde que durma dúas ou tres horas!
-Ben sabes que el fai canto pode para disimular, pero está celoso, cadora máis, coma un can de palleiro. Seguro que aparece por aquí, ou polos lavabos, se tardo máis de cinco minutos; ¡vai ser mellor que llo digas ti, ti mesmo!
-Por agora non llo digo. Daquela deixémolo para mañá, que está eufórico por culpa dese reserva e dese cava, e igual me contesta cun inconveniente, diante destes paifocos. Eu volvo á mesa, coa miña Ama, coa sobriña dese Cura, pero ti espera, aquí mesmo, por un intre, para non coincidir…, que se o atopo, desvíoo!
-Aureliño, ¿cando botas ao Manuel para Madrid, outra vez, diso, de xestións! Estoume celando desa Aliada, ¡moitísimo! Non o podo evitar; estou ardendo, a cotío…, e sen o refresco dos teus arrolos!
-Muller, calquera día, que agora precísanse uns pasteiros…, no monte da Panda, para que vexan estes pailáns que tamén nos ocupamos da súa agricultura…; ¡de cando en vez, a ratos libres!
-Aureliño, por favor, ocúpate de min, que ese Manuel tenme a monte, que onde vai que non rega…; ¡iso, os pétalos da miña roseira!
-¿Si, de verdade? ¡Díxome antonte que o fai a cotío! ¡Será mentireiro…!
-¿Mentireiro? ¡Impotente! O meu Manuel cadora bebe máis e fornica menos, que se lle vai a potencia, todiña, en mexa-lo alcol! ¡El di que se depura coa bebida…!
-Segundo ti mesma, pouca se lle iría…, que pouca tiña, de sempre!
-¡Pouca era algo! ¡Chao, amor! … ¡Ven, que podemos saír xuntos, que non hai xente neste corredor…!
-…
Naquel restaurante, a tal hora, houbo tanta confraternidade, tanto “axuntamento”, tanto aconchegamento, que os da Fiscalía, naquela revisión anímica, nin esperaron polo retorno aos fogares respectivos daquel rabaño churiceiro, que nada novo, nada acusatorio prometía, á parte das consabidas complicidades. Debandaron, pois, naquelas cintas, saltándose escenas, ata situarse no mediodía da xornada seguinte, na mansión paciega do matrimonio Salmonte.
-¿Xa estás aquí, Secretario; é que non te deitaches? Tanta présa…, ¿non será por algo do Goberno? Desde que te fixeches con ese amigo na Secretaría do Gobernador, eu trémolles ás túas citas urxentes, que como di o outro, é preferible non coñece-lo día da morte!
-Non é así, Manuel. Si se tratase deses temores que tanto che dan que padecer, daquela non estariamos aquí, tan tranquilos, senón que te esperaría abaixo, co motor aceso e co auto cara á Capital. Ese Amigo do Goberno, como ti lle chamas, cando albisque lume avisaranos, ás primeiras chispas, que por algo nos custa boas caixas…; ¡tantas, que se cadra igual pon unha tenda! Non obstante, de ben mirado, as nosas propinas son curtas, que vai consumindo do que nos sobra.
-¡Si, ho, que coas que lle mandamos na última remesa xa fai cartos!
-¡Daquela que abra unha tenda, que niso non entramos! O noso convenio foi que nos avise se algún día salabrea nesta dirección, e ben sabe ese chupón que se chega a haber relevos, polo que fai a Churiz, o negocio iralle a peor; por tanto, témolo aí, de gardián, intrigando ao noso favor, de fareiro fiel, outeando nas tormentas políticas para capealas, el mesmo, no que poida, ou do contrario, para advertirnos a tempo de recoller a velame, segundo nos conveña en dereito, que nós témo-la roupa no tendal, moitísima!
-¡Chacho, volves cos rolos, coas metáforas; a ver, solta liña, que vas marea-la troita!
-Manuel, aguanta un anaco, que máis lonxe tiven que ir eu pola cana. E advírtoche que desta pesquei no piago máis fondo do Miño…; mesmo de par desa ponte de ferro que lles fixo FENOSA aos de Currelos! ¿Pasamos ao teu despacho, ao confesionario dos pecados miúdos?
-Si, mellor será, que esa criada…, esa ata non sei se será comunista, e iso que papa do Axuntamento, sen case aparecer polas oficinas! Dedúcese de que se volveu respondona desde que vai á Capital, ao nocturno… ¡Mala cousa iso de ensinar aos que non saben, que así entrou a República, pero Franco emperrouse niso da ilustración dos proletarios, tanto, que nin que fose un demócrata!
-¿Non será esa que entrou recomendada polo Xaquín?
-Non, pero dá igual, que a esta recomendouna Ramón; ¡outro que tal baila! Seica anda queixoso de que lle damos pouca ración nas papas do Concello…
-Iso é doado: mándalle xamóns, outra vez; catro ou cinco, agora que entramos na tempada deles…
-Ese chupatintas cada vez pica máis alto, que algo besbellou dunha parcela desas. Rósmache desde o día aquel que nos fixo o malabarismo das bólas, daquela que colaborou enganando ao Notario burricego. É mala cousa ter cómplices, pero…, un non pode estar con todas, nin fodelas a feito!
Ao Secretario non lle parecía imposible, se conviña!
-Tamén é fácil: Dille ao teu compadre que constrúa un chalé de par dos outros, no que resta, no que sobrou deses terreos municipais, do outro lado da rúa, que daquela farémola gorda…; ¡coma el coas bólas! E despois que rexistre, que xa me encargarei de escamotear os edictos…
-¿Pódese, pódese facer? ¡Mira que lle temo!
-¡Se pide permiso, non; en absoluto! Dállo a entender, con poucas palabras, que para daquela os cegos seremos nos. O dito, se o fai rápido, discretamente, sen irse do pico. Pero imos ao noso, ao importante, que esoutro é unha minucia: ¿Sabes que xa crebou…? ¡Ese Rancaño, ese rival teu!
-¿O Madeireiro? ¡Era de esperar, que esa Ramona aínda está forte; demasiado para un endego, para ese rei das táboas! ¿Díxocho Lucas; foi ao Médico…?
-¡Crebou! No mercantil, como empresario; ¡e se cadra, tamén das inguas! Está virtualmente grogui, así que, meu Manoliño, ¡nunc est bibendum! Para que o entendas, ¡hoxe tomaremos o almorzo con cava! ¡Méteo na neveira…, o cava!
-¡Ai, ho, ben sei que cara a iso fomos, pero, síntocho pola Ramona, que mira que moito a quixen, daquela, de rapaces! ¿Non cho contei?
Mabel, que ata aquel intre escoitara a conversa dos seus homes, dos seus quereres, entretida cuns papeis e sen participar nela:
-Este Manolón, tanto corpachón, e despois, nada, nada de nada! Un sensible, un tortillas. ¿Non te decatas de que esa fulana non che daría fillos, que só logrou unha filla, unha femia, mentres que comigo tivéchelos das dúas clases?
Manuel reprochoulle aquel inciso:
-Mabeliña, non está nada ben que te aproveites da desgraza allea, que ela, comigo, tamén os tería; varóns, digo, que diso sei máis cá ti, que xogo a partida co Médico!
A cónxuxe, un tanto irada:
-¡Claro; e daquela falades de mulleres en vez de facer algo pola sanidade deste Municipio; nin pola sanidade nin pola planificación, que aquí inzamos coma conexas, co que nos facían falta unhas orientacións…!
Manuel, dirixíndose ao Aurelio:
-¡Ai, ho, non se me quita da cabeza! ¿Crebado, de verdade? ¡Co rico que era ese tío, tantos pesos que lle trouxeron de Cuba, seus pais e mailos tíos, un auténtico clan, que seica tiñan na Habana os tumbaderos máis elegantes de todo o Caribe, mellores e mellor situados cós da familia desta Mabel!
-¡Pois, si, o que oes, crebado; e sen bragueiro posible!
Manuel cargou as pilas e descargou un flash, un puñazo, con máis enerxía da habitual, e cos ollos acesos pola decisión:
-¡Daquela, amigo Aurelio, tanto se lle gusta á Mabel coma se non, haberá que axudarlles, que non quero necesidades para esa muller! -Alzou a voz, reafirmándose no dito: -Se algunha vez me deixades mandar algo, un anaco que sexa, neste triángulo, terá que ser desta, collóns!
-¡Tranquilo, Manuel, que aínda respiran! -Mediou Aurelio, sempre coa argamasa a punto, unha de cal e a outra de area. -Primeiro teño que enfociñalo, poñelo a punto, algo máis; e despois axúdaslle ti, dáslle a man, que ese é o rol do cacique, o papel dun Conseguidor que se prece; e ti, Mabeliña, non te celes, nin lle poñas esa cara ao teu Manuel, que esta vai ser a operación maxistral, tal e como volo digo; pero non é fácil: require algo de pulso, talento e discreción. ¡Todo xunto, asemade!
-Iso será se este Gobernador me dá tempo, que con tantos relevos como houbo nesta provincia… A nós ben que nos aguanta, que xa é un milagre.
De cando en vez aqueles pánicos, as caídas e mailas recaídas do Alcalde, a miúdo depresivo, angustiado por se non lle daba tempo para chegar aos mil millóns, ¡dos de daquela!, que era a cantidade prometida polo Aurelio, ¡para cada socio!
Mabel encrespouse, condición bastante habitual nela, ultimamente:
-¿Vaste polas pallas, coma os queixos? ¿Que che dixo o noso Aurelio; si, agora, fai só un intre? Este fanfurriñeiro co que casei…; ¡co que me casaron! Este mariconazo, que despois de todo é un saco de patacas, un cagueta, un…, un paspallás! Aurelio xa está coas antenas postas; ¡coas antenas e cos perendengues no seu sitio, onde hai que telos! Por tanto, mentres non toquen ese chifre do teu cese, nolos tres a segar, a segar e a bailar, que a vida é curta e a miés, como di o Crego, moita, moitísima…; ¡do primeiro que chegue, de quen sexa capaz de poñelos derriba da mesa! ¿Estamos?
O tremoias de Aurelio tronzábase, compracido coa humillación do Salmonte, nas súas propias nafres. Apostilou:
-Non só iso senón que puxen ao Aparellador, meténdolle urxencia, cos preparativos da urbanización dos chalés nesa carballeira do Campo Grande, así que, o do Gobernador, na mellor e na máis grande das parcelas, vaille dete-la man…, por se tivese a tentación dun cese! Dese obsequio non é doado esquecerse. A propósito, Manuel, ¿esqueciches os números das nosas contas de Suíza? Mira que iso é importante…; ¡máis có Credo!
-¡Cómate nunca o diaño, quen ía esquecer unha combinación tan rara e tan misteriosa, de números e de letras! Como dixeches que non debemos tela en ningún papel, daquela repásoa, na memoria, tódalas noites, coma unha ladaíña…, que a ladaíña tamén é importante, por máis que digas!
O inimigo malo saíalle polos ollos ao Litis; deu en rirse, do Alcalde pero tamén das súas crenzas relixiosas:
-Manoliño, Manolón, ¿antes ou despois do Meu Señor Xesús Cristo?
-¡Déixate de coñas, Secretario, que levamos moitas ao lombo; tantas, que non bastará unha noite para arrepentirse; e ata non sei se serán dos reservados, deses que hai que levar a Roma…!
Aurelio, que seguía coñón, animando no Manuel e á vez, pinchándoo, sempre inmisericorde:
-Neses solares do Madeireiro imos facer catro putadas, outras catro…, ¡se non perdes o pulso! Se vas a Roma, se tes que ir, fainas que valla a pena, que che paguen a viaxe! ¿Sabes que che digo? Que logo me pesa do sincero que fun contigo; si, contigo, que es un perfecto conainas. Esta operación faciámola moito mellor, tête-a-tête, Mabel e mais eu; ¡e despois de feita, con invitarte ao reparto, asunto!
Mabel, chiscándolle un ollo ao Aurelio con toda picardía, diante do propio Manuel:
-Aínda estamos a tempo para iso da teta coa teta, que con mandalo outros quince días para que pida un bloque de casas baratas, daquela, nós, liberdade, soltura! -Ao ve-lo cónxuxe con cara de agonía, suavizou, matizando: -Quero dicir, que a este animal hai que explicarllo todo, que daquela teríamos a vía libre para ese negocio das madeiras. Manuel, ¿xa estabas maliciándote? ¡Veña, home, desenfurruña!
Litis disimulou desviando a córner, que se mataban ao Manuel, a desgustos ou a celos, o resto da planificación seríalles imposible:
-Mabel, iso que dixeches, iso das casas baratas…, nin de broma!
-Sóbrache razón, Aurelio; foi un fallo, mais facíao por caridade, para que este home se fose a Madrid, en busca de xénero fresco para ese cabaré, iso do que lles falou aos Concelleiros, que di que lles vai dar accións con dereito de pernada!
O aludido, serenándose paulatinamente, pero con dificultades:
-Ben que me aplaudiron daquela, onte, na cea, cando lles propuxen esa empresa municipal, que a prefiren con moito ás casas baratas.
Aurelio, coma sempre, xogando co lume, gozoso das súas picardías:
-Manuel, es un cretino, que esas ofertas non llelas debiches facer aos Concelleiros diante das súas mulleres, que se calaron, elas, foi unicamente polo medo que nos teñen. En canto a ti, Mabeliña, mantente á marxe dese proxecto, diso do cabaré, que a muller do César…, xa sabes! O indicado para nomear ese negocio, de testaferro, pode ser o Álvaro, ou Alvaredo, ou como porras se chame. É tan mouro que xa parece un eunuco exipcio; ¡igual descende dos propios escravos! ¿Eh, Salmonte, espertas?
A Alcaldesa, que de torpe non tiña un pelo; tinguidos, si:
-Por suposto, pero co humor dunha cea tan mollada era moito pedir que eu estivese á marxe das troulas. Agora en serio, que sempre nos desviamos do importante por culpa das patochadas deste Manolón. ¿Ti, Aurelio, de qué ías falar?
O aludido, ex-cathedra:
-O meu plan estrutúrase en dúas partes: Unha delas consiste en que lle vou prestar asistencia xurídico-mercantil ao Rancaño; e voulla cobrar con ese cacho de terra que está por xunto da estrada, da parte de arriba, un pouco dominante, que me gusta para facer o meu chalé…, ¡por se caso coa Sara! A outra parte, o resto, para solares; neste caso solares de oito alturas, que nesa iremos ao terzo, ¡como de costume! Ora ben, como en tódalas sociedades simbióticas, tal que a nosa, requírese un asentimento total, absoluto, aquí xuramentémonos, nolos tres, que esta montaxe tamén é de enxeñería: levarame pulso; ¡pulso, tempo, e puga!
Insisto en que non estou disposto a consentir fraquezas porque é moito o que poño en xogo neste asunto, eu, persoalmente. De propósito, Manuel, de home a home, e non tomes isto como ameaza senón como aviso, pero, ¡ollo á diana!, que cando fago apostas, así, ao forte, daquela non consinto nada, que me levo por diante a quen sexa, nos tribunais ou fóra deles… ¡Toma nota, e despois atente ás consecuencias!
Manuel, visiblemente doído, incluso asustado daquela ameaza:
-Sempre fixen o que mandaches, ¿ou non? Pero neste caso sufro pola miña moza, pola miña Ramona; ¡ti fode canto queiras ao Rancaño, pero, de favor cho pido, non desampares á súa muller, á miña Ramona!
Aurelio, que seguía ameazador:
-É certo que fuches obediente, por regra xeral, pero ás veces afrouxas o pulso, o pulso e mailo pico; non sei se por celos ou por cagueta, como dixo Mabel. ¡Podes botalo a perder cunha desas fraquezas! Atende ao que digo, que ben sabes que non falo por falar, nunca!
Con esta operación do Madeireiro rematamos a nosa política das construcións; pero temos que saír limpos, inmaculados; ben parados e ben considerados, que os ladróns, os listos, somos xente honrada, de sempre! ¡É o título dunha obra de teatro…!
Acabaremos a fase produtiva cunha boa imaxe diante dos borregos deste país, que o Vello, polos meus informes, vai camiño dos cuarteis invernais, e qué mellor invernadoiro que ese Val dos Caídos, todo en pedra! Para cando cheguemos ao ocaso, ao imperial, ao del, para daquela hai que estar ben vistos; podres de cartos pero ben vistos, con amigos, reais ou mercados, compinchados, sometidos; e coa fortuna, o noventa por cen dela, en Suíza.
Apunta isto na memoria, Manuel, que a tes frouxa; ¡a memoria, tamén a memoria! O cimborrio da nosa catedral será recibir cos brazos abertos, e con algunha que outra axudiña económica, aos partidos, á partitocracia deses famentos, que daquela…; ¡daquela cheques; cheques, a partes iguais, tanto ás dereitas coma ás esquerdas, que cando se presente esa conxuntura de volver aos partidos, de financiar a súa democracia, para daquela seremos imprescindibles, serémo-los mecenas destes ideólogos da boca aberta e do peto baleiro. Lémbrate de cómo financiou Juan Marx aqueles gastos, iniciais, do Alzamento, aqueles avións que lle venderon en Italia… ¡Así evitaremos o noso exilio, de seguro, que para entón non haberá comunista que refugue unha boa pitanza! ¿Entendiches algo, sequera un pisco?
-¡Chacho, iso, nas túas mans…; pero, ao de hoxe, de favor cho pido; outra vez de favor: non fóda-la Ramona, que iso é cousa miña!
Daquela interveu a Mabel, que estivera todo o tempo asentindo coa cabeza, gurgullada co pracer que lle proporcionaban aquelas estratexias do seu Mefistófeles:
-Aurelio, comigo tamén; conta comigo, en todo, que pouco me importa darlle unha esmola á Ramona para contentalo coa súa bolboreta. ¡O malo deste galo romo é que, cando descarga, tarda un mes en recarga-la bolsa! E no tocante a se nos temos que ir de España, para que póña-los cartos de xeito, en tal caso…, eu prefiro ese Midi de Francia, que son algo frieira, maiormente dos pés!
O Litis, que a coñecía ben, denegou:
-Non, muller. París é preferible, particularmente para o Manuel, que alí está o Folies, ¿entendes?, e ti mereces un descanso…
Aínda que tal pregunta – resposta ía dirixida á Mabel, quen se deu por aludido foi o pobre Salmonte, oficiando de branco:
-¡Ai, ho, es ben doado de entender, que falas coma Castelar; polo que contan, tal cal! Oes, volvendo á cousa do Rancaño, que estamos aquí, fala que te falarás, e case non dixeches nada.
-Manuel, Manolón, que neste intre nin sei se é prudente ensinarche as cartas, ensinarchas ou pedirche que confíes en min, no bo facer, habitual en min, que son o teu Secretario. ¡Fair play, que tamén se di!
Mabel, ao quite, indefectiblemente coquetona, sen deixar de ser ferinte:
-Aureliño, meu amor, non lle digas nada, nin pío, que nunha borracheira das súas, este Manuel pódese ir da lingua, e como sempre hai sospeitosos ao seu redor, ríndose del nas propias barbas…
-Si, Mabel, que en parte son da túa idea, que este home, este caciquiño do sebo, con tan pouco cerebelo, é capaz de dispararse pola culata, nunha ventosidade das súas, mesmo en contra dos propios intereses!
Manuel, celoso, impotente de poder; ¡nin con eles, nin coas circunstancias que lle fabricaban a cotío!
-¿En qué vos fallei, mangantes do…, do nabo?
Aurelio, aparentando condescendencia co seu monicreque:
-Querido socio, vouche explica-la lección. E atento, que deste asunto non volveremos a falar, salvo para cuestións puntuais. O meu plan, de principio, é este: Non se pode deixar só ao Rancaño porque, tal e como está levando as cousas, no seu desespero acabará nunha creba fraudulenta. Creba que, por outra banda, propiciei eu, eu mesmo, cando fixemos o Plan, que desviei, que fixen desviar, a liña poligonal, o ensanche, desta Vila, de forma tal que lle quedasen fóra tódalas súas propiedades, quere dicirse, sen calificarllas; bloqueadas, illadas!
Daquela pedinlle tantísimo diñeiro de propina, de cazo, que ese carajo non se atreveu a empeñarse máis do que xa estaba, ¿lémbraste?, por culpa de que o noso Encargado, de parte nosa, e algo que engadiría para chuparlle unha propina, fíxolle crer que ía ser o noso provedor de madeiras, para un milleiro de vivendas! O dilema foi bo, segue sendo bo, e incluso divertido: ou me enchía o peto, daquela, ou nolo enche agora…; ¡aos tres, por triplicado!
Manuel, outra vez machacón, preocupadísimo pola súa Ramona, por aquela moza da súa xuventude:
-Aurelio, querido amigo e querido socio, lémbrate do que che dixen, que non quero privacións para esa muller, que se quedamos viúvos, aínda pode ser miña!
-Manuel, basta xa, que che din palabra! Pero insisto na túa discreción, que incluso, para quitarche oportunidades dunha fraqueza, desas túas, díxenlle ao Rancaño que ti vas a por el, ao dereito, que non lle perdoas que che pispase a Ramona.
-¡Ves, ti! Pois precisamente por ela, por esa muller, os quero amparar; ¡no que de min dependa, aos dous!
Aurelio, naquel xogo permanente dos seus enxaugues:
-¡Que si, Manuel, pero hai que facelo dentro do meu plan! Agora, de presente, vouno levar de man, unha tempada, para afundilo ao meu xeito, definitivamente, nunha creba real, pero sen creba oficial, que nestas circunstancias, de non evitalas, virían outros aos despoxos, aos proveitos. Cando o teña ben salgado e ben refrito, disposto a pedir árnica, daquela será o momento, que lle asignaremos unha pensión, digamos que unha cifra que lles chegue para vivir na Capital, nun hotel dunha ou de dúas estrelas. Circunstancia que divulgaremos ao máximo para que os teus súbditos sigan a terte en alta estima. ¡Unha cuestión de imaxe!
¿Sabes como se branquea o diñeiro mal gañado? ¡Coa imaxe, qui-li-quá! Pola nosa parte, sensu contrario, facémonos con eses solares, baratísimos, case que por nada, para catro ou cinco…, ¡centos!, de vivendas; e todo iso con só darlle unha variación de noventa graos ao compás do Plan. Esa será a ocasión de endelgarlles aos Concelleiros outro galano…, para que disimulen, por se chegan a sospeitar! ¿Que, Manoliño, hai unanimidade conceptual, inter nos, que é igual a dicir, inter vivos?
Manuel suspirou, bastante aliviado:
-¡O que é por min, si, conforme; e con isto levantámo-la sesión, que de hoxe en diante, nesta affaire, obrigádesme a quedar mudo; mudo e cego! ¿Dise así, affaire; non é?
-¡Máis ou menos, Manuel; máis ou menos! Daquela, ¡todos á rengue! En canto a ti, Mabeliña, terás que encargarte de revisa-las facturas, que eu terei contabilidade, a esgalla, co asesoramento dese Rancaño! ¿Aceptas, amor?
-Cóllesme desadestrada, pero o que é por min, non queda. ¡Catro, catrocentas vivendas, sobre das que levamos feitas, que xa perdín a conta! ¡Nin o Rockefeller!
-Mabeliña, sinto ter que compartir contigo estas cruces, afellas que si, pero hai que face-lo sprint, que estamos a punto de colle-la gloria coas mans. ¡Claro que o primeiro, o morgado, niso da gloria, será Manuel, que conta co Crego de intercesor, moi agradecido polo que está recadando con iso do novo cemiterio, do que lle regalamos! Agora, desde que está inaugurada, xa lle parece pouco esa estatua que lle dedicou ao seu Alcalde, e anda pregoando que hai que renomear o Camiño da Feira, que deberá titularse, de aquí en diante, Avenida dos Excelentísimos Salmonte.
-Aureliño, ¿e non serán demasiadas vivendas, nunha vila tan cativeira, nunha vila sen industria, nin trazas dela?
-En honor teu, Mabeliña, vouche ensina-las miñas cartas, cousa que aínda non fixen con ninguén! Todo o segredo de Galicia, redúcese a dous, a dúas premisas:
Con iso de que a nobreza se foi para Castela, primeiro á Reconquista, e despois para palatinar cos seus Reis, esta terra quedou condenada ao pago dunhas rendas inxentes, a máis dos diezmos, ¡sen posible capitalización! Ao sumo quedaron os mosteiros, pero eses, grandezas para Deus, templos, a cal mellor, a cal máis custoso!
Os emigrantes do primeiro terzo deste século, do XX, mandaron, e trouxeron, moitísimo diñeiro, cantidades inxentes, pero todo se lles foi en arroupar aos morgados, en redimir os foros, etcétera. Na década dos Vinte, maiormente baixo os auspicios dos cataláns e dos maragatos, iniciouse en Galicia unha industrialización progresiva, prometedora, que a truncou a Guerra; nesta, na Guerra, pero tamén nos anos posteriores, Galicia aportou víveres e algo de capital, co que quitaron a súa anemia as zonas devastadas, co que volveron a fumea-las fábricas…, onde as había, onde as reconstruíron!
Nestas zancadas chegamos aos nosos días: ¿Que pode facer un Alcalde, e con el os seus chupópteros? Se fomenta a infraestrutura, daquela producirase un éxodo do campo á vila, e viran os espelidos de fóra a facerlles vivendas, a promocionar, co cal o diñeiro…, centrifúgase! Pero, se pon trabas á industria, se mantén aos campesiños dentro dos seus límites tradicionais, a nosa caldeira poboacional perderá vigor, vigor e vapor: ¡iranse por Europa arriba, a maior parte deles, que é onde se precisa, de presente, man de obra, da barata! No ínterim, nós veña facer casas, máis das precisas. ¿Estamos tolos, somos torpes? ¡En absoluto! Cabróns seremos, pero listos, ¡tamén! O galego aguanta mal o éxodo permanente podendo retornar, así que volverán morriñosos, cos seus diñeiros, co prezo da súa suor, e daquela pagarán o indicible por asegurarse unha vivenda, na propia terra! Mentres, nos ímoslle-las facendo sen calidade, sen pretensións, que tampouco a distinguen, cunha man de obra inexperta, barata, esas cachoupelas con habitacións italianas, sen ascensor, que eles ascenderon abondo, dos seus eidos, mollados, aos tellados, xeados, de Suíza!
Neste plan, dentro de pouco, veranse co seu capital, coas economías, en pisos, e sen traballo…, ¡porque a Vila non evolucionou o que eles esperaban a xulgar pola construción residencial, vivencial, aquí observada! ¿Que lles queda? ¡Seguir no estranxeiro, ata a mesmísima xubilación, ou máis aínda, se colocan aos fillos por aló, que será o máximo ao que poden aspirar!
Para daquela, nos, ¡a vivir do cupón! ¿Decatádesvos de que a ignorancia, a deles, de par da nosa audacia, tornaranos ao feudalismo: os ricos, en auxe, e os pobres, en decadencia progresiva?
Con aquela lección tan humana, maxistral, do mestre Aurelio, Manuel e maila, ¿súa?, Mabel, quedáronse alucinados, rendidos, case que dispostos a adora-la súa sabenza.
Despois do almorzo puxéronse a redacta-la Memoria das Actividades Municipais, as daquel ano, no propio despacho paciego, ¡que máis daba o Pazo cá Consistorial, se todo iso era do mesmo Amo, do mesmo Señor!, cousa que lles proporcionou materia abundante aos Revisores da Fiscalía. Falaba, ¡como non, como sempre!, o inefable Aurelio:
-Manuel, isto da Memoria podías facelo ti, ti mesmo, que non require ciencia, ¡ningunha! O Gobernador non che vai comproba-las obras, e menos aínda un estado da opinión dos teus alcaldados.
-¡Ai, non se sabe, nunca se sabe, que o Xefe novo, o actual, xa estivo por aquí, naquela ocasión…!
-Si que veu, para ve-la granxa do teu compadre, do Xilberto, un Promotor de Vivendas da Coruña! ¡Máis gorda non lla meteron a ningún marica, nunca!
-En efecto, foi maxistral, ¡das miñas!, que nunca se me esquecerá. Daquela fixen arrinca-los chantos de toda a pradería dunha rega, e ti, de consún, conseguiches reuni-las vacas de catorce veciños; ¡todas ao redor da casiña do Xilberto! Aquilo non foi mentir; se acaso un miraxe deses do Desenrolo Económico. ¿Como cres que lle ían subvencionar ao meu compadre, nin emprestarlle esas cadelas, con dous anos de carencia, intereses de risa, se non mal entendesen aqueles Técnicos do Ministerio que ese prócer tan emprendedor estaba revolucionando a gandería do noso Churiz? ¡Haber hainos subnormais…, incluso por debaixo dun que coñezo eu!
Manuel estaba tan afeito ás insolencias do Litis, aos seus lategazos dialécticos, que mesmo gozaba con eles, masoca perdido. ¡Chámame burro…, se me dás trigo!
-¡Cómame nunca o demo, pero o caso vai ser explicar o teu barullo, aló arriba, no Ceo, cando nos chamen a declarar! Oes, falando diso: Tampouco se me quita da chola cómo foron tan parvos estes veciños da nosa bisbarra; ¡aínda máis cás Autoridades!
-Manuel, que non é así; ¡menos cás Autoridades! Lémbrate que ese Alvaredo levoulles por diante unha subvención, nosa, do Concello, para endereza-los chantos e para arrinca-las sebes, esas dos salgueiros e das abeleiras, de por entre os prados da rega. ¿Que labrego coñeces que non deixe arrinca-los chantos, e incluso as moas, se tal fixese falta, para que lle cerren, pechadas e de balde, tódalas leiras?
-¡Si, ho; conformo niso, que por algo son Perito! Ata lles quedaron peor do que estaban, que eses chantos, agora, están dereitos, tomados en formigón, dereitos e tupidos, sen mellas, pero as árbores pinchadas, pinchadas quedaron! As vacas xa non teñen onde resgardarse, nin das chuvias do inverno, nin dos tabáns na calor. ¡Unha pena!
-Manueliño, que ti es un labrego, dos de antes; os de hoxe en día prefiren cociñas de butano, que ata fixeron cortellos para os ranchos, mesmo, mesmo onde estaba a lareira ancestral, agarimosa e tan familiar que lles era. Unha das cousas que máis me divirte é esta de fode-los paisanos, precisamente naquilo que máis entrañable lles debía ser! Canto máis os prexudico, máis me invitan, e máis dobran o seu espiñazo; ¡parvos, cretinos!
Manuel ben o sabía, e ás veces ata se doía dos seus lugareños, pero aquel xenio diabólico tiña bula para as súas xenialidades…, mentres lle fosen rendibles!
-Serei, ho, serei un labrego pasado de moda, que a min maldito se me ocorría facer unha cuadra para seis ou sete vacas na casa dos caseiros…, ¡e pedirlle cartos ao Goberno para unha granxa de catrocentas! O que sempre digo, ¡es o mesmísimo diaño!
-Pois ao teu compadre, ao Xilberto, tampouco; ¡e mais é fillo de labregos! Lembrarás que saíu a cousa porque nos dixo, daquela que veraneou na casa dos seus pais, que deixara quedar na Coruña un solar barateiro, onde os seus amigos do Concello lle consentían unha torre, ¡de quince pisos! Pero el…; ¡claro, o de sempre, o ferro, que sen ferro non se ferra; nin carros, nin mulas, nin conseguidores!
-¡Como non vou lembrarme! Dixécheslle que se precisaba financiamento, que ti adoecías, en paralelo, por unha planta enteira na mesma torre, e que o trato consistía en que che doase un andar, que ti lle proporcionabas os cartos, como así foi, ¡pero á conta do Ministerio de Agricultura! Por certo, ¿que pensas facer co piso da propina, con eses trescentos, útiles?
-Sinceramente, de vendelo, nada, que é de mal gusto cede-los galanos. Poñereille algún moble para cando vaia de lúa, coa Sara; e se non a consigo, daquela…, ¡daquela para ir aos baños, cun harén de fulanas, que aínda non fixen ese experimento dunha cama redonda, con tres ou catro abanándome, todo ao redor…!
-Non me canso de dicilo, aquí entre nós: ¡Que ben tragaron aquel anzol, aquela comedia…!
-Manuel, meu Alcalde, ¿que ías poñer ti, aquí, agora, neste maldito Informe Anual, neste capítulo do Desenrolo local, se non tivésemos, de iure, séxase, nos papeis oficiais, esa empresa agrícola, esa inversión tan fabulada e tan fabulosa, atraída para este Municipio por un Alcalde tan polifacético?
-¡Que palabrota: poli-face-ético! ¿Iso, que é?
-Manuel, Manolón, ¡que pouca cultura acadaches! Nin cultura nin altura; ¡ti es un pijo, un anano! Poli vén do grego polis, que significa cidade, ou vila, pero en estado de progreso; o de face é galego, co significado de facer; e por último témo-lo ético, que xa sabes o que non é, ¿ou é?
Salmonte asimilou, como puido, aquel camelo, máis ou menos coma se fose un pirulí azucrado; anano en altura física si que o era, relativamente, con respecto ao Aurelio, pero cabíanlle cen quilos, ben pesados, no seu saco de pouco máis de metro e medio:
-¡Si, ho! Pero o caso é que con estes latixos non redactamos a nosa Memoria, este Informe, ou como coño se diga!
-Precisamente para o capítulo da Agricultura temos ese botón mostral: E como se supón que esa granxa está en fase de construción, daquela non é preciso engadir fotos.
-¡Xa; de momento! ¿E para o próximo, qué?
-¿Para o próximo? Daquela buscaremos un artista que nos faga unha maqueta, minuciosa, guapa, e de feita, retratámola! Pasemos ao Comercio, que este capítulo vai ben, ¡co consumo xerado por eses obreiros que traballan na nosa Construtora! E logo que se están lucrando tódolos tendeiros, ¡coas economías de escala!
-Nunca mellor verdade dixeches, que escalas, ou escadas, ou esqueiras, ¡as que queiras! Unhas poucas van: ¡tantísimas casas, e todas sen ascensor, que xa parece un capricho dos teus, outro, e van cen!
-Manoliño, non, que tampouco é así: Economía de escala quere dicir que os tendeiros despachan ás dúas mans, entre o consumo dos obreiros e mailo subsidio dos vellos; amén deses pseudo incapacitados que nos inventamos, ti e mais eu, man a man co Lucas.
-Oes, agora que o nomeas: ¡Ao Médico do Axuntamento nin o invitamos nin lle fixemos un regalo; ese é capaz de receitarnos estricnina!
-Déixao así, que xunta abondo coas oportunidades que lle din. Volvamos ao Informe, que agora vén a Industria…
-¡A Industria tamén é nosa, absolutamente toda…, con iso das urbanizacións! ¿Que máis industria queres, fabricando en serie, case que con exclusiva, casa tras casa?
-En parte, si, pero con este Informe, para ilustralo, mandas unha foto desas da gasolineira do Xaquín, nun día de colas. Manuel, vouche redactar uns comentarios explicando o incremento dos transportes motorizados, esa flota dos tractores e dos camións de obra…, ¡pero sen aclarar que lles veñen, a feito, de Zamora, de segunda man! Engadirei que estás a promocionar talleres mecánicos, un ferreiro de aguza-los picos, dous servizos de lavacoches… ¡Empresas importantes, todas elas, pero que moi importantes, todas, que todas fomentan o turismo, maiormente o interior, ese turismo dos dancings!
-Moita verdade non é, que a maioría dos turismos son dos emigrantes, e para iso, de segunda man! Aparecen coma o Guadiana, e desaparecen tan pronto nos pagan, a nós! Mellor dito, tan pronto como nos entregan ese resgardo do seu ingreso en Suíza, alén das fronteiras. Estes condenados, ao leva-las súas mulleres, de facto, como ti dis, están rebaixando a poboación, pero…, non se lles pode prohibir!
-Non lles collas rancor, Manolón, que tamén, de paso, reciben un piso, xeralmente intanxible, que nolos mercan antes de facelos, con plano ou sen el, pero coa ilusión de quedarse, de retornar, eles, aquí, de vellos, coa familia reconstruída, emulándote como rendeiros, que tal queren chegar a ser. ¡Pobres ananos, pobres ilusos!
-Aurelio, ata non sei se pecaremos de invisos, que algún deses tivo que vendernos as súas leiras para paga-la entrada. Chacho, eses emigrantes non escarmentan…, nin co que lles pasou aos cubanos!
-Manoliño da Manteiga, non te derretas. Lémbrate do dito: ¡Auga que non vas beber…!
-Xa o sei, xa; ¡deixala correr! ¿Non é así?
-¡Iso; que deixen aos nenos no hospicio, e despois que corran, que gañen divisas, que rebenten traballando, por Europa arriba, con dúas quendas ao día…, con tal de que aforren e nos compren! Nos, no entrementres, volvemos aos tempos aqueles dos señoríos feudais, acaparando terras, terras e solares, co noso remanente en Suíza, nunha conta de oito ceros, pero moi decente, iso si, de tres letras, cando que hai outras que son de catro…! ¿Manolón, non é fantástico? ¡Imos por diante de Deus! -Apostilou, borracho de soberbia; tanta, que ata ao brutiño do Salmonte lle deron cambras de escoitarlle unha blasfemia dese calibre.
-Oes, diso da auga…; o outro día dixéchesme non sei qué ao respecto…
-¿Que che dixen qué? ¡Moitísimo, home, moitísimo! Coa auga temos que facer un río…, de bágoas, por diante do Ministerio, ¡a ver se nos subvencionan unha traída que abonde para catorce ou quince mil vivendas! Querido amigo, considera que, con tal de que quede un grolo para a nosa piscina, o resto hai que canalizárllelo ás nosas urbanizacións, ás presentes e ás futuras. Isto noso é imparable, que estamos volvendo ao feudalismo máis atroz: ¡a terceira parte de Churiz, túa!
-Aurelio, o que ti mandes, pero…, ¿non secarán eses prados dos nosos veciños, eses da nosa rega, desta de Churiz, tan verdes que eran; que eran e que aínda son?
-¡Parece mentira que sexas Perito! Os prados en Galicia regan co que lles cae de arriba; e se lles secan, que fagan pozos, mesmo de barrena, que así montamos, nós, outra industria, outra, creando, da nada, outro choio! Esa auga do río fai falta nos retretes, nos retretes e nos baños, para que laven as guedellas estes carneiros de Churiz, que ata cheiran a…, ao que son!
-Aurelio, mira que te pasas; ¡non me gusta que lles digas picardías aos meus vasalos! -Medio se repuxo Manuel.
-¿Cando me oíches unha palabra fea, fea ou inexacta? -Defendeuse aquel inefable, aquel impredicible Aurelio.
-Feas, o que é feas, se cadra, non, que as teño oído, e dito, peores, pero o que é arrevesadas, e malignas…, ¡diso, chacho…!
Terminaron de redactar aqueles Informes no silencio máis completo por parte do Manuel, que se limitou a responder con un si ou un non, pero case que sempre con síes, do pánico que lle estaba entrando cos remontes daquel Secretario, tan sapiente e tan altivo que logo parecía un trono, por encima de tódalas cabezas, ¡Salmonte incluído!
Manolón, a pesares da súa avaricia, da conxénita e da estimulada polos seus adláteres, Aurelio e Mabel, houbéselle dado ao Cura da Parroquia a metade daquel fortunón, acumulado en tres aniños de nada, en troques dunha absolución xeral que o aliviase de certos escrúpulos que empezaban a desazonalo, pero, ¿e se Aurelio chegaba a notar a súa debilidade, aqueles remorsos, aqueles pensamentos febles…? ¡Tívolle medo, tanto ou máis do que lle tiña ao propio Gobernador!
Aló arriba, Frei Marcos, naquela revisión anímica, non saía do seu pasmo:
-¡Que malditos son, e ao que chegaron! Borrachos de soberbia, -comentoulles aos Fisgas, -o pecado máis aborrecido no Ceo, despois do orixinal por suposto, e acaban de pingala con esa recorrencia ao terrible verbo ter, ter, ter… ¡Que os coma o diaño, que lles sobra avaricia, e luxuria, e gula, e soberbia, e tiranía…; tódalas aberracións posibles nunha Ditadura, ou fóra dela, pero en grado sumo, que ese Pazo do Salmonte máis ben parece unha escola satánica!
Desde logo, se eu mandase un tanto así, daquela ían ao inferno, de cabeza, todos, todos xuntos, sen pasaporte de saída, que son capaces de falsificalos, pero esa é a única falsidade que non lles vimos facer, así que mellor será non darlles ideas, que a esa xentuza fáltanlles ideais pero sóbralles imaxinación… Ideas podres, corruptas, dexenerativas… ¡Ventosidades, en definitiva!
…
Deixa unha resposta