BREVE RESUMO
ROTEIRO ARRUBIAL-FURÍS DE ARRIBA
Baixo o mesmo ceo gris ao que levamos xa meses acostumados dispuxémonos a iniciar este roteiro, complementario do que fixeramos en marzo. A pesar do noso ánimo resolto, tiñamos dúbidas acerca das bondades que a predicción do tempo prometía e a práctica certeza de que por mor das moitas chuvias caídas atopariamos os camiños enchoupados e se cadra impracticables. Mais a medida que fomos ascendendo dende Arrubial cara a Augalevada o ceo foi abrindo paseniño, e comprobamos que máis aló de ocasionais pozas, o percorrido non presentaba males maiores. Iso si, en Augalevada atopamos unha desas cousas desagradables que por desgraza xa non son sorpresa: outro panel informativo roto. Non damos abasto para tanta mala fe como se nos afronta. Nembargantes, o camiño limpo e tranquilo inspirounos a ir facéndoo pouco a pouco e a compracernos nel, e as vistas do horizonte nos claros entre os piñeiros dábanlle un mérito adicional ao paseo.
Chegamos ao lugar de Abelleira, onde poidemos comprobar un novo desfalco: un chito de pedra da Vía XIX romana tumbado e apropiado para unha finca particular a modo de contención na beira dun rego. Mágoa desta enésima desfeita, mais iso non nos impediu disfrutar da arte sinxela da capela da Abelleira e da capela e cruceiro de Pereira.
O día continuaba abrindo, e coa luz estalaba a cor de flores que ata daquela pasaran desapercibidas na monotonía do gris. O amarelo intenso do toxo e o púrpura intenso da violeta silvestre entraban polos nosos ollos coma unha chamada desesperada á primaveira que non parece dar chegado. Nós continuamos a nosa andaina. Por momentos viamos con certo abraio na distancia o perfil da cidade de Lugo, nun camiño que seguía o seu sube e baixa. Ese discurrir por peqauenos outeiros e vales acabou por levarnos a carón do castro de Pereira e, un pouco máis aló, deixarnos ante a igrexa de Furís de Arriba como punto e final do roteiro de hoxe.
Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio
A 14 de abril de 2018
Deixa unha resposta