Conto tremendo para esperta-los nenos,
pois,
o que é durmir, dórmense sos.
Apenas asentadas as augas, en vista de que non volvía a pomba da paz, ¡seguramente extraviada!, a aguia e maila curuxa saíron a voar, xuntas, de recoñecemento, que se fixeran amigas naquela soidade da gaiola de Noé. A curuxa era gordiña pero cativeira, e como a cara é o espello da alma, tíñaa, a cara, en forma de corazón; de afeita a vivir nas carballeiras, saíronlle polo lombo unhas plumas verdes, que de aí tirara o seu apelido. A aguia, pola contra, era forzuda e de moita envergadura; voaba máis alto cá curuxa, e por iso foi a primeira en albiscar unha especie de illa, mesmo colgada do globo terráqueo por unha costura de montañas; daquela díxolle á curuxa:
-Acelera, pois imos aterrar aí abaixo, que este curro está seco…; ou máis que seco, reseco, arrasado.
-¿Con este sol? ¡É que non vexo nadiña!
-Despois do noso encerro nesa arca sombriza e pestilente precisarás lentes escuras para saír á luz do día, pero déixate guiar por min, que nesta parte hai terra firme… ¿Non a ves? Isto que temos debaixo parécese á pel dun touro, que igual a puxeron a secar por culpa deste diluvio. Prega as alas para non caer en picado…, pero tras miña, pois, como a vin primeiro, eu farei o niño no medio, tal que nesa Costa das Perdices, ¡e con iso tomo posesión de toda a Meseta, Mayrït incluído!
Neste punto a curuxa tivo algún receo:
-¡Iso que propós, esa esixencia, non é xusta! Son a túa amiga, e como tales saímos xuntas da arca de Noé, dispostas para voar aventuras. ¡Iso foi o acordado! Pido, en xustiza, un condominio, a partes iguais; un, tanto monta…; ¡xa sabes!
Pero a aguia quixo facer honor ao seu nome:
-¡Tampouco pode ser, pois eu voo máis alto; e ademais, son dereitos de conquista!
A curuxa, prudente por natureza, botou man do seu código, con mansedume pero enérxica:
-Querida aguia, dous puntos, que ti erras un chisco pois, antes desta noite das augas alborotadas, eu xa moraba nun curro desta península, tamén chamada, polo seu topónimo, Hesperia, ou sexa, Terra de coellos, que eses, de tanto que larpan, deixárona seca. ¡Vainos castigar Deus cunha mixomatose, e ti non poderás comelos!
-¡Demóstramo! – Desafiouna a aguia, sempre e de sempre fera.
-¡Posmo fácil! Eu tiña o meu lar na Serra de Meira, por xunto do de meu pai, que sempre foi Miño. Desde que comecei a voar, as miñas saídas eran os venres, que me ía de botellón desde o Navia ao Támoga, gaceando e cazando, cazando e gaceando. Como ves, ti que ves de día, o meu tecor é unha chousa verde, precisamente na parte traseira, na parte mollada, deste touro, herdada de Adán por parte daquela filla mexeriqueira chamada Galicia… Si, Galicia, aquela que casou cun fillo de Hércules ao que chamaban Breogán. Despois diso…
Despois de dito iso, iso mesmo, calou, en vista de que a aguia nin escoitaba nin quería escoitar, así que de pouco lle valeu á curuxa defende-lo seu preito naquela herdanza ancestral, nin sequera invocando iso de que, primeiro no tempo, mellor no dereito. Cando lle pareceu ben, a aguia arrogouse unha ocupación gótica, ou máis que gótica, ¡visigótica!, co cal dona Curuxa, como tiña poucas garras e menos vista, quedou condenada, per saecula saeculorum, a ser foreira da aguia meseteira.
¿Que por qué apelidaron gótica á aguia hispana? Iso non está nesta saga, pero a pouco que observemos, nótaselle: ¡É máis estirada, máis altiva, máis oxival, có románico, pois este, como o seu nome indica, é romo!
Quixen saber da coexistencia daqueles animais, posto que se iniciara cun diluvio seguido dun preito de augas, e aquí tedes, en resumen, o que me contou o sabio Merlín nunha noite de devalo, que a pasamos, mentres houbo lúa, desenguedellando misterios.
Primeiro a fe de vida, como é usual nas biografías célebres. Aquela avoa-curuxa, escorrentada de Mayrït pola aguia centralista, pousouse no último dos extra muros dispoñibles, concretamente na ría de Muros, mesmo sobre uns cantos rodados que baixaran das montañas no último glaciar, arando e fozando, que así se formaron as rías galaicas; despois botou unha ollada panorámica, tal e como fan as curuxas actuais, gozando de canto quedara a salvo do vello paraíso, que non era pouco naquel país tan verde e tan acolledor, tanto, que pasou a sentirse mellorada, ¡e iso que a aguia da arca tentara desherdala! Dona Curuxa, agradecida ao seu salvador, como boa galega, bautizou unha daquelas hortas que remataban en praia co nome evocador de Noelia, ¡terra de Noé, que quere dicir, do que non é, porque non pecaba, porque era distinto dos outros! De aí nos vén iso de Noia.
De aterrada, casou co Curuxo, un conxénere de Vigo librado do diluvio universal porque naqueles tempos emigrara para as illas Cíes, que diso, de estar ceadas, illadas, lles vén ese nome, que aínda se conserva por máis que Ptolomeo lles chamase Illas dos Deuses, ¡porque tiveran recomendación daquela do diluvio! O Curuxo da arca, o macho da parella, sentíndose morgado quedárase nela, ¡que emigren os minorazos, que eses non teñen mellora!, e así lle foi, que morreu só, de aburrimento e de vagancia. Os curuxos das Rías Baixas tivéronas altas, que así foron aniñando, de souto en souto, ata repoboar, ao completo, todo o país dos percebes, ¡unha auténtica Gallaecia! Disto se infire que no Finis terrae pararon pouco, pois, ademais de ser cus inquedos, resultoulles incómoda aquela veciñanza debido a que os fenicios non paraban de cortárlle-los castiros onde aniñaban, para que non lles gaceasen, para que non desen alarma nin testemuño das súas rapinas nocturnas: ouro, prata, estaño…
De paso, aqueles fenicios, atando aqueles toros con correas, levábanos tras das súas naos… ¿Para qué? ¡Cunha dobre finalidade: á vez que aqueles troncos lles servían de disimulo ou de cobertura das súas rapinadas metálicas, vendíanllelos aos exipcios para ataúdes, meténdollelos como cedrus libani! Iso de embalsamar foi tempo adiante, que o inventou aquel médico dos faraóns chamado Sinuhé. Os cadaleitos de ameneiro inventounos, moito despois, un xudeu de Ribadavia, de mal nome Eliseo ou Fariseo, non me lembro ben; caeu na conta diso ao comprobar que o verniz da liñaza galega tamén servía para imitar madeiras nobres, e por tanto, caras.
Nestas circunstancias, como os curuxos oestrimnios eran pouco dados ao mercadeo e á industria, salvo que fose con royaltis, deron en cava-los montes costeiros, costeiros e costeños, e tamén pasaron dos vermes ao maínzo do país, que por entón o millo, ese do gran gordo, aínda estaba en América, pero como na casa dos pobres todo é farelo, tiveron que volver á empanada de vermes, aos mesmos que utilizaban para poñer nos seus anzois de pescar. As curuxas das Rías afeccionáronse a contemplar o mar…, esperando polo incerto retorno dos curuxos pescantíns. O ambiente era excitante ollando aquelas ondas que se desfacían en bicos, dunha erótica subida, nas rochas do cantil, así que idearon algo que requirise moita pacenza…, para agardar, de paso, con algo de proveito, que así foi como deron en acariñar aquel liño que se daba nas terras do interior, decatándose de que se podía fiar, igualiño que se facía coa la das ovellas, pero despois de ben gramado e lambido. Nesa observación deron en xogar cos fíos, pero sen quita-los ollos da escuma rompente: ¡saíulles o encaixe de boliños, que é igual que dicir, un encaixe de amores! A estas alturas dos tempos xa era público e notorio que as curuxas, ademais de sabias, son argalleiras e de moita inventiva.
¡Alfinetes por aquí, alfinetes por alá; no vai e no vén, en definitiva, saíulles, oh deuses, unha touca que imitaba aquelas ondiñas do mar bravío, tan elegante que para si a quixese dona Águia parda! Pero entón, o demo, que non durme nin de día, foille co conto á aguia gótica, que ese era o apelido da parda, e por culpa daquel Vilano do Cabo, aí da parte de Carballo, houbo que dedicar un quinto das puntillas para o enxoval das raíñas de Castela, netas de dona Aguia.
Ante esta nova desgraza, boa parte das curuxas verdes, galaicas de apelido, emigraron, cos avós como guía, pola ruta do sol nacente. Voa que te voarás, ata que deron cun cantil percebeiro que lles aseguraba o condumio; ou polo menos o entrante. Co que non contaron aqueles curuxeiros oestrimnios foi coa veciñanza do señor do castelo de Caión, fortaleza construída nun caio, ou sexa, nun promontorio, pero como os aguiachos góticos eran máis altivos có feudal de Caión, este foi vencido, xunto cos seus irmandiños, e daquela decaeu en esbirro do máis feroz dos centralismos.
Súa Mercé, aquel señor-vasalo de Caión, chibouse, como era a súa obriga de delegado gobernativo acollido ao complexo de Estocolmo; así que entón apareceron no cantil, en carrozas conducidas por ananos e facendo que veraneaban, unha centuria de aguiachos; coa mesma, aproveitando aquel suposto veraneo, impuxéronlles aos curuxeiras un novo tributo, ¡o dos quintos!
Aquel pecho pechábase así: o quinto dos curuxos de cada xeración, por metades; uns, de catacaldos de palacio, para preve-los envelenamentos dos señoritos; outros, de mestres da lingua, pois aqueles góticos decatáranse, xa nos tempos do rei Afonso X, de que a lírica galaica era puro lirismo, ¡aínda que se recitase sen lira! Polo que respecta ao quinto das curuxiñas, e tamén por metades, de entrada ían ao xineceo dos falcónidos, e desde que as poñían a parir, aleitaban madrileños de caste, ou sexa, aguiachos da grandeza de España. A outra metade das curuxas, as máis débiles, quedaban para mucamas dos caciques, que daquela en Madrid aínda non había indias, nin filipinas, que se estaban criando nos viveiros respectivos.
Non parou aí a cousa, pois aqueles aguiachos de mouros esporóns tamén esixiron, decote, o quinto de canto marisco mariscasen todas e cada unha das subtribos da tribo curuxeira. Iso como entrante, pois os aguiachos xantaban perdices das da Costa delas, e bebían mistela dos viñedos de Hortaleza rebaixada con auga do Manzanares. ¡Nada, que con esa mingua do produto interior bruto, os curuxos tiveron que aventurarse pasando ao interior, e cultivar millo e tarrelas do país, a esgalla, cousa de escaso rendemento pois daquela aínda se coñecía pouco o millo e mailas patacas indias. En perpetua lembranza daquel infortunio, puxéronlle de nome ao campamento abandonado Mal Pica dos Bergantiños, ou máis exactamente, Mal Picada a dos Vergallos, que de Vergallo pasouse a Bergaño, pero coa minoración, co esquecemento daquel drama, quedouse en Bergantiños.
Reunidos en Meirás, en concello aberto, as sete tribos acordaron fixa-la súa capitalidade nas terras breoganís, transitoriamente, ata que fosen chegados os tempos do Señor Santiago, pois Compostela por entón era unha gozada, ¡pero de monte! ¡Fixérona boa! Na Coruña montara Hércules un facho, co que a noite clarexaba máis có día, e xa sabemos que as curuxas céganse con pouca cousa; e logo que na Herculina todo eran pitos de gravata, e dáballes vergoña fala-lo galego, maiormente desde que souberon que na confinante Inglaterra había sires e lores.
Nada, que só resistiron aquel señorío os engravatados, así que os demais emigraron, de novo, pero esta vez á ferrolterra, que lles pareceu aferrollada, defendible. Na boca da ría, ao estilo das falcónidas, encastillaron dous fortín, un en cada beira; e no interior, polo camiño da corte das aguias, desfixeron a ponte romana, aquela por onde baixaban das alturas as carrozas dos aguiachos cando viñan a por lignito para quenta-los seus niños mentres se derramaban as neves e mailas xeadas do Wad da Rama. É fama que aquela ponte non foi levadiza ata que, anos despois, apareceu por alí un enxeñeiro chamado de bo nome García, García Rodríguez, que quere dicir, ¡tan gracioso coma don Rodrigo!
Séculos despois viñeron outros falconetes, que casualmente tamén eran enxeñeiros, e para transportar ás abas do Guadarrama non sei cantos megawatts de luz e de calor, inventaron un crisol chamado térmica, onde meten lignito e sae unha corrente eléctrica, que se vai para Mayrït correndo, correndo e saltando, de torre en torre. ¡Que cousas!
En vista diso, os pitiños de dona Curuxa, os da enésima xeración, reclamaron a reinversión dos quintos, para compensa-la enerxía transfugada, pero nin con esas, pois para as curuxas sempre é de noite. De primeiras, para engaiolalas, e nunca mellor dito, prometéronlles unha cota transaccional de laranxas de Valencia, e de aceite altivo, dese de Xaén, ¡que resultou ser pagable en pesetiñas de curso forzoso! ¡Outro bluff, pois as peticións das curuxas, como gorxean pouco, soben por Pedrafita arriba case sen eco, e por conseguinte, as dádivas non baixan, nin por Pedrafita nin pola Canda, e menos aínda pola garganta do Sil! De entón procede aquel dito de, “¡Quinto levanta, tira da manta, que vén o Cabo da Wad da Rama co cinto na man…!”
Volvendo atrás, volvendo á avoa, aquela vella verde que se tivo por ceibe cando baixaron as augas da noite de No É: Seica feneceu en Fene, vítima dunha reconversión galopante, pois os albeites de entón, para reconverterlle o sangue, en lugar de transfusións fiduciarias levadas a cabo coa industria dun bo cirurxián, puxéronlle sambesugas; ¡e por ende, morreu, claro, de morte matada! Menos mal que a tribo das curuxeiras saíu traballadora e ben preparada, co que van levantando cabeza, pouco a pouco, pero quedoulles a vista, consecuencia de tantísimos percances e discriminacións, un tanto cansada, extraviada, saltona, asombrada; xa non distinguen a noite do día, así que ata din que chove cando mexan por eles.
Todo isto en canto aos faceres da avoa Curuxa, pois dos seus saberes pouco está dito: femia de alta cultura e de curto voar, ademais do oestrimnio, que lle viña do seu berce, aprendera latín, precisamente na arca noélica, que llo ensinou unha papagaia natural do Latio. Tamén filosofou algo cun dos xenros de Noé, ao que lle chamaban na arca Xan de Pericles. Amais diso aprendera compostura, donosura e dozura cunha nurse babilónica, que chegou a ser sacerdotisa en Delfos, e salvouse de milagre polo casual de que a pillou aquela tormenta exercendo de institutriz dos netos de Noé; precisamente grazas a ela, aos seus consellos, o patrucio fíxolle caso a Deus niso de construí-la arca, pois Noé, aínda que de boa fe, era máis desconfiado que un oestrimnio.
Chegada que foi a Noia, a curuxa mater deu en ensinar oficios a quen quixo aprendelos, como proban esas laudas dos gremios, conservadas na Horta de San Francisco. Precisamente en ruta para Noia, que daquela aínda non estaban trillados os camiños de Santiago, dona Curuxa, que estudara métrica en Alexandría con aqueles vates tan famosos do alexandrino, pasando polos piñeiros de Tella deu en asubiar, e saíulle un poema singular e sinxelo, pero desenervante, que titulou “Os Pinos”. Tempo despois deuno por inédito aquel acaparador de propiedades chamado Pondal, que foi un señor que se namorou das augas que escorrían da parte dos valadares, que dito en francés soa algo así como Balarés.
Outra sabenza que descorreu dona Curuxa foi a lei do movemento inmóbil, pero tamén lla plaxiou outro paisano, un franco natural das terras do Ferrol, ao que chamaban, en confianza por suposto, don Francisco Paulino Hermenexildo y Teódulo! (Os seus inimigos, naqueles tempos de tanto éxito da película Gilda, chamábanlle “Ese Xildo do Ferrol”).
Volvendo á Historia: Logo dos celtas, que de tan vergonzosos que eran pechábanse nuns castros murados, romanearon na terra das curuxeiras uns tipos que usaban gladius e que portaban unhas chlamys vermellas… Si, ho, aqueles que atacaban en fileiras moi pretas, ordenados en sintagmas de dez en fondo, ¡que con cada dez centurias formaban unha cohorte! Subiron aos castros dos kalaikoes a galope tendido, e castraron aos castrexos…, para quedarse, eles, de galos do curral! Este feito é histórico e foi estudado a fondo, para ordenar a súa “castra y doma de Galicia”, por dona Sabela de Castela, unha aguia que ademais de copiona e de santa, foi toureira, chegando a tourear nada máis nin nada menos que un mihura chamado Colón, fillo dun touro bravo que facía fillos bravos e que foi bispo de Mondoñedo. ¡Como volo conto! Tourear toureouno, pero el tamén tiraba á raza, que lle fixo crer que era xenovés de nación para que non lle anulase aquelas capitulacións de Santa Fe. ¡Foi o primeiro dos emigrantes neste país dos buscavidas!
Aqueles romanos ensináronlles aos curuxos a andar ao rego, que para iso lles trouxeron uns arados de vertedoiro, e tanto cultivaron o fornicio coas curuxas deste país que nos deixaron romanizados, ¡como pouco, para vinte séculos!
Tempo adiante, arreando nas ovellas e nas vacas teixas, montados a pelo en cabalos brancos, a imitación de Santiago, polo Camiño Francés asomaron os suevos, ¡outros suaves! Eran roibos, máis ou menos coma os oestrimnios; de aparencia ruda, ou polo menos así lles chamaron aqueles romanos, que os alcumaron, ¡qué parvada, qué ignorancia!, de bárbaros, cando que nos seus sentimentos eran dunha suavidade…, ¡sueva! Con eles, cos suevos, emparentados aos poucos cos bretóns, aínda mellorou, se posible era, a diplomacia deste país das curuxas tímidas. ¡Outra cousa é saber se tal humillación lles conviña! Para non ter conflitos de estranxeiría, os curuxos suevos doáronlle ao Señor Santiago, que de cando en vez baixaba á Fisterra para protexelos, por se había razzias mahometanas, o mellor, o máis alazán, dos seus cabalos brancos. O cabalo rin deixárano pacendo xuncos nas terras do Rhin, o que confirma que tódolos nomes, iso da toponimia, de algo procede.
O gran problema dos suevos foi que lles saíu un tío cachondo e protestón, de nome Prisciliano, que se non chegan a cortarlle o pescozo aló en Tréveris, aquí montaría, antes tempo, a revolución dos Irmandiños.
Tamén sabemos, por outra filtración histórica, que os curuxeiras da época celta foron os que inventaron eses valados de pedra nas leiras, e que facían as súas castras nos outeiros, escalamustrados daquel diluvio que padeceran seus avós. Tamén houbo celtas sen filtro, sen paredes, pero aqueles eran incombustibles, e aquí non tiveron éxito, que por iso se inventou o contrabando das rías. E xa que vai de rías: outro metro moi popular daqueles artistas, en competencia coas coplas das muiñeiras, foi iso da “Rianxeira”, tan soado. Como vedes, a cultura das curuxas verdes é abondosa. ¡Se fose igual o seu voar…, ai daquela…! Daquela este país sería una terra rica de xente rica, ¡tan ricos, todos, a feito, coma os dese lugarciño de Avión! Non chegaron a ricos pero quedáronse en sabios…, ¡que é unha categoría superior!
Pola súa parte, este relator entende que ás curuxas verdes, ¡camaleónicas por afinidade territorial, e por tanto, suaves pero agresivas, maiormente se lles tocan as leiras!, cómprelles adestrar a fondo, que posibilidades e dotes teñen para voar por si mesmas; pero iso con prudencia, pois tamén conta o sabio Merlín que un tal Ícaro, por culpa dunhas alas de cera, caeu, derretido, por un cantil da Costa da Morte, que tamén diso lle vén o nome.
-.-
Ensinanza, que non sería conto, nin sería divertido, se non a tivese: ¡Curuxas, adestraros, e non só co ensino dos vosos mestres pois tamén existe o auto didactismo; con ese adestramento, voaredes, incluso por riba da Pedrafita, e con esa altura de miras, competiredes coas aguias, coas rampantes, tan campantes coma aquela que se pousou na Costa das Perdices! Nesa fase cambiaredes de pluma, e sairanvos alas brancas, cruzadas de azur, tal que a nosa bandeira, e verédesvos impávidas ante os ventos bercíos. ¡Con esas, esperta neno, esperta ferro, pois os tempos da curuxa verde, para a que sempre era noite, están superados!
-.-
Neste intre óese unha música de fondo, que en nada se parece á Negra Sombra: Trátase da Alborada de Veiga, e con iso, con ese son, con esa vibración, deixan de queixarse os pinos do señor Pondal. O neno, de esperto, asoma pola ventá para gozar do novo día, e daquela descobre unha banda de curuxas que seguían sendo verdes, pero que xa non están verdes, senón lustrosas e prósperas; voaban moi alto, tanto que precisou axexalas porque, á primeira vista, confúndense coas aguias, súas eternas competidoras. Pero o que máis lle gusta é que xa non hai laios no seu gacear, e iso era porque a dignidade acádase voando!
Este amigo voso que só voa coa imaxinación,
Xosé María
Deixa unha resposta