RESUMO XII FEIRA ARTESÁ
O día erguíase espléndido, anticipando unha fermosa xornada festiva. E así foi, que co sol subindo paseniño ó longo das primeiras horas da mañá, os pendellos da feira íanse enchendo de artesáns e comerciantes, e os camiños entre eles facían o propio co rebulir dos moitos visitantes que ían aparecendo por momentos. Díxose que outros anos houbera máis xente nesta mesma feira, pero non se lle pode negar á que asistiu o seu bo ánimo e as ganas de pasalo ben.
A nosa asociación dispuxo o seu posto nun dos pendellos da parte baixa da costa. Despregáronse, sobre panos na pedra, abanos de libros de itinerarios por Castroverde, que chamaron a atención da xente ó pasar. Foron moitos os que os miraron e tamén moitos os que levaron un exemplar á casa para aprender máis sobre os camiños deste concello e os seus pequenos lugares agochados. Ofrecéronse, así mesmo, libros sobre as feiras en Castroverde que tamén suscitaron interese entre o público. E non foron menos os que revisaron con curiosidade o resto dos libros (de temática rexional ou local, principalmente) que tiñamos expostos no noso espazo, o cal ademais adornamos cos fermosos recordos que dos sucesivos Irmandamentos dos Castroverdes / Castro Verde da Península Ibérica fomos recompilando ó longo dos anos.
No posto a carón do noso, Ricardo Polín vendía e asinaba o seu novo libro, cunha axilidade que constataba que as voces que teñen algo que dicir aínda teñen a quen dicirllo. O noso, pola súa banda, contribuíu como plataforma de outras voces relevantes do concello poñendo a disposición do asistentes os libros de Ánxela Gracián, Jesús María Trashorras Nogueira e Paco Pestana; material que quedou esgotado ó rematar o día.
Foron precisamente Ricardo Polín e Jesús Trashorras, a media mañá e cara ó xantar respectivamente, quen fixeron uso do atril preparado polo Concello para que puideran falar. Ricardo presentou publicamente o seu libro, e Trashorras fixo o pregón oficial da feira, pero ambos aludiron a temas capitais neste noso territorio, temas que preocupan á nosa asociación como son a perda do patrimonio arquitectónico e cultural, o abandono do rural, a diminución e o envellecemento da poboación, a degradación da paisaxe, etc. Temas todos eles apuntados con tino.
No descanso do medio día, e co sol abafando, fomos buscar acougo baixo o fresco verdor da Veiga do Olmo. Alí, en torno a unha mesa, máis de trinta membros da nosa asociación reunímonos para un almorzo fraternal que ben fixo honra a tal adxectivo. Repartiuse comida caseira en cantidade e de calidade, regada con bo viño, e café, e incluso queimada feita en Soutomerille; e como colofón, catro tipos de sobremesas tradicionais encheron de satisfacción incluso os estómagos máis esixentes.
De volta ós pendellos, as actuacións de música folclórica que caracterizaran a mañá deron paso a unha charanga máis moderna, que conseguiu aglutinar e facer bailar a boa parte da xente que pasou a tarde alí. Os asistentes destas horas repartíanse entre a contemplación dos espectaculares coches clásicos que acudiron á concentración, as consumicións nos postos dispostos a tal efecto, e o vagar entre os pendellos ollando as mañas dos artesáns e os obxectos singulares á venda.
E xa coa luz morna do solpor, e co son da charanga esmorecendo, os feirantes comezamos a recoller e os asistentes, aínda que con desgana no solpor da tardiña, foron facendo o propio cara ás súas casas. Pechábase así, con calma e compracencia, un día feliz e ben aproveitado para os que alí estivemos. Adolfo López Marín
Deixa unha resposta