Prezadas amigas,

Prezados amigos,

Este sábado 19 de novembro ás 18 horas o auditorio da Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei acollerá a representación do espectáculo de monicreques Os soños na gaiola, a cargo da compañía Títeres Alakrán. Trátase dunha función dirixida a público familiar, moi especialmente para nenas e nenos (recomendabelmente a partir de 6 anos). O prezo das entradas é de 2 €. Estas pódense reservar xa a través deste mesmo enderezo de correo electrónico (contacto) ou do teléfono 698 177 621. Retiraranse o mesmo sábado a partir das 17 horas e até 10 minutos antes do inicio da función; aquelas entradas que non foren reservadas poranse á venda até completar o aforo, se fose o caso. Como o aforo do auditorio da Casa-Museo é limitado recomendamos reservar as entradas para garantir o sitio.

Os soños na gaiola é a homenaxe que Títeres Alakrán quere render a Manuel María neste ano en que se lle dedican as Letras Galegas. A unha visión particular dos poemas que Manuel María escribiu para amosarlle ás nenas e nenos de Galiza o mundo labrego do que el procedía únese unha historia que bebe do clásico Alicia no país das marabillas. A nena Alicia, nacida nunha contorna urbana, ao principio non comprende ben nada dese mundo estraño que representan Os soños na gaiola, mais ao final acabará por entendelo e amalo.

Estreada o 1 de abril de 2016, Os soños na gaiola leva xa percorrido boa parte do mapa de Galiza, sendo representado en espazos de referencia tales como a Mostra de Teatro de Ribadavia, a Mostra de títeres de Ribeira ou o Festival internacional de títeres Galicreques de Compostela. Para a Casa-Museo Manuel María é toda unha honra podermos retomar a nosa programación cultural dando acollida a esta nova proposta creativa arredor do noso poeta.

Dirección e dramaturxia: Roi Vidal Ponte

Montaxe e manipulación: Borja Ínsua Lema

Duración: 50 minutos.

Evento creado en Facebook (por se nos queredes axudar a difundilo entre os vosos contactos): https://www.facebook.com/events/747768035375733/

Agardando podervos saudar persoalmente, recibide un cordial saúdo