BREVE RESUMO ROTEIRO ENTRE AS PARROQUIAS DE BOLAÑO-PENA-SERÉS ATA QUETESENDE

Nunha soleada mañá de mediados do mes de xaneiro de 2016 comezamos o roteiro entre as parroquias de Bolaño, Pena e Serés, camiño de Rebordaos, onde puidemos contemplar un cruceiro, a igrexa parroquial e a casa dos Villarino, que conserva aínda, dentro do deterioro, unha grande cheminea e un pombal. Aquí entroncamos cun dos Roteiros dos Muíños (Rodinso – Castedo-Francelos) e continuamos cara á parroquia de Moreira entrando polas Casas do Monte logo de atravesar varios afluentes do río Chamoso. Fixemos unha parada na igrexa de Moreira, onde houbo un asentamento relixioso importante no século XV, e a devandita conserva un retábulo con imaxes de fermosa factura, salientando un Cristo gótico. Nesta parroquia pensamos que existiu un vía crucis, xa que se conservan cinco cruceiros e unha cruz. Aquí enlazamos coa traza orixinal do Camiño Primitivo ata Nadela. No lugar de Nadela son de salientar un carballo, un castiñeiro diante da casa de Nadela de Arriba (a cal conserva unha estrutura antiga, como reflicte a data fundacional do seu dintel da década de 1790) e un interesante cruceiro. Desde Nadela camiñamos cara á alternativa do Camiño Primitivo por Paderne, onde tiñamos pensado rematar o roteiro; mais continuamos ata a parroquia veciña de Quetesende, xa do concello do Corgo.

Pola tarde, despóis do xantar, tivo lugar a asemblea xeral ordinaria de 2016 da Asociación,onde se aprobaron contas do ano anterior e se expuxeron proxectos e orzamentos par este ano que corre. Rematando ás 18:30h.

Saúde, Terra e Lingua.