Sábado 30 de Mayo de 2015 | Arturo Reboredo
Castroverde foi sede onte da novena edición da Olimpíada Tecnolóxica. Unha xornada lúdico educativa na que participaron alumnos de segundo, terceiro e cuarto da Eso, de seis centros da provincia, todos eles pertencentes á asociación Tecnogalicia: CPI de Cervantes, CPI de Seoane do Courel, IES Gregorio Fernández de Sarria, IES Leiras Pulpeiro de Lugo, CPI San Tomé de Carballo de Taboada e CPI de Castroverde.
O encontro ten como principal obxectivo fomentar a tecnoloxía e a convivencia entre os alumnos dos diferentes centros participantes. Unha iniciativa na que a lingua tamén xoga un papel fundamental, xa que o galego é o nexo de unión entre todos os participantes.
Os equipos participantes tiñan un máximo de 20 minutos para resolver cada unha das probas que se lles propoñían na competición
Para a competición en si, confeccionáronse equipos moi heteroxéneos formados por alumnos de ambos os dous sexos, diferentes niveis e distintos centros, que debían superar un total de 18 probas relacionadas coa informática, a electrónica, o deseño por ordenador, as comunicacións ou a robótica.
Este ano participaron nas olimpíadas uns 120 rapaces. Na categoría de segundo de Eso, o equipo gañador foi o formado por Xosé Pardo Freire, Marcos Díaz Fernández, Rita Concepción Gutiérrez Amigo, Laura Isabel Mora Flores, Andrea Corredoira Silva e Pablo Lareu Fernández. Entre os alumnos de terceiro de Eso, o triunfador foi o conxunto formado por Xulián Traseira Freire, Adrián Fernández Rodríguez, Martín López Vázquez, Paloma Castro Núñez, Sandra Vilariño Rodríguez e Alba Rato Conde.
Finalmente, o equipo formado por Sandra Álvarez Arias, Enrique Gómez Coelho, David Rodríguez López, Brais Vázquez Vázquez, Anxo Samuel Marte Rosario e Anabel Rodríguez Mosquera impúxose entre os demais participantes de cuarto da Eso.
As diferentes probas que compoñían esta edición das olimpíadas disputáronse en diferentes escenarios da localidade, como nos pendellos do campo da feira, no salón de plenos da casa consistorial e na igrexa. En todas elas, os rapaces fixeron gala da súa creatividade e coñecementos á hora de superalas, xa que unicamente dispoñían de 20 minutos para resolver cada un dos retos .
Conferencias. Ademais da propia competición, a xornada completouse con toda unha serie de actividades complementarias. A que iniciou o ciclo de actividades foi a que impartiu o enxeñeiro agrónomo e profesor da USC da área de proxectos e enxeñería Martín Barrasa Rioja, que levaba por título Seguridade e Saúde no Traballo.
Outra conferencia, que se celebrou simultáneamente ao desenvolvemento das probas, foi a de Manuel Marey Pérez, enxeñeiro de Montes, profesor da USC e exalumno do CPI de Castroverde, que disertou sobre o presente e o futuro da provincia de Lugo.
Pola súa banda, o arquitecto Antonio Tort Pérez tamén falou aos alumnos sobre as novas ferramentas e programas informáticos no ámbito do deseño e a expresión gráfica.
As actividades continuaron pola tarde, cun espectáculo a cargo do polifacético artista galego Avelino González e, deseguido, levouse a cabo un roteiro por un tramo do Camiño Primitivo. Esta actividade estaba coordinada e dirixida pola asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde.
Homenaxe. Este encontro interescolar serviu tamén para render unha homenaxe aos voluntarios que durante todo o curso colaboraron de forma desinteresada nos grupos interactivos da comunidade de aprendizaxe do CPI de Castroverde.
Esta actividade realizouse ao mediodía no transcurso da comida, na que ademais de alumnos participantes, participaron profesores, colaboradores e voluntarios, ata xuntar a un total de 200 persoas.
A dirección do CPI de Castroverde felicitouse polo éxito desta xornada e tamén agradeceu a colaboración do Concello de Castroverde e a Deputación para poder desenvolver todo o programa.
Deixa unha resposta