PONTE OLVEIRA –FERVENZA DO ÉZARO
Coa esta nova andaina remataremos o ciclo de roteiros de ADEGA Lugo deste curso 2009-2010, e para iso iremos aos confíns da nosa terra, á Costa da Morte. Achegarémonos alí como símbolo do peche do camiño primitivo cara ao Sol, que iniciamos neste ciclo de roteiros; pero tamén farémolo por unha causa reivindicativa: a defensa do río Xallas. Este é o río con máis potencia hidroeléctrica instalada na bacía Galicia-Costa, aínda así, a día de hoxe atópase ameazado de morte polas pretensións económicas dunha empresa, Ferroatlántica, que pretende construír outras tres novas centrais nun treito do Xallas no que xa conta con 5 aproveitamentos e 4 encoros. Porén, a paisaxe e a natureza destes lares é espectacular, e teremos a oportunidade de observar algúns dos poucos treitos de río virxes que se conservan, e marabillarnos coa beleza da Devesa de Anllares, única por ser o bosque atlántico máis occidental de Europa.
O inicio do roteiro terá lugar en Ponte Olveira. É xusto no límite entre os concellos de Mazaricos e Dumbría. De feito, o río Xallas é o límite natural entre ambos. Ademais, o inicio do roteiro correspóndese cun punto de parada do Camiño de Santiago, polo cal se fará a maior parte da ruta. Tras visitar Ponte Olveira, seguiremos a ruta do Camiño de Santiago, pasando en todo momento pola marxe dereita do Río Xallas, correspondente ao concello de Dumbría (a marxe esquerda pertence a Mazaricos). Deixaremos atrás o lugar do Hospital, e finalizaremos en Xestosa, onde baixaremos pola beira do río ata a Devesa de Anllares, onde se ten previsto acometer as obras da terceira minicentral proxectada (a de Novo Castrelo). Volveremos ao lugar de Xestosa, e logo colleremos o bus para ir ao mirador de Santa Uxía, desde alí veremos o mar, o concello de Fisterra, o lugar do Ézaro, o Monte Pindo e a Fervenza do Xallas. As vistas son únicas, cheas de paz e harmonía, que sen dúbida son o remate perfecto deste roteiro reivindicativo na fin da terra. O percorrido será de aproximadamente 15 quilómetros á beira do Xallas, de dificultade media/baixa e trazado suave.
Normal…………………………………………………………………………..15 €
Estudantes, xubilad@s e no paro………………………………….. …….12 € Soci@s…………………………………………………………………………. 10 €
Ata 17 anos………………………………………………………………….. .. 5 €
desde Lugo, ás 8:00 horas fronte a Escola de Maxisterio;
desde Compostela, ás 9.30 horas diante do Pazo de Congresos (San Lázaro).
Prégase puntualidade e o aviso previo no caso de non poder asistir.
Imprescindible anotarse no 679113718 (Mari Luz) ou 982240299 ( ADEGA Lugo).
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza
Leva roupa e calzado axeitados e comida para o camiño.
O bo humor é cousa de tod@s
Deixa unha resposta