Roteiro polas Fragas de Catasós (Lalín)

Hoxe, 25 de xaneiro, estiven acompañando a membros de ADEGA e outros colectivos co programa “Cousa de Raíces” para coñecer e defender as Fragas de Catasós (Casas Vellas, Quiroga e Belelle), de Lalín.

Nesta ocasión, a plataforma Salvemos Catasós guiounos por algúns dos bosques máis singulares do Deza, un deles ameazado por unha liña eléctrica de GN-Fenosa. Trátase da Fraga de Casas Vellas, na que se atopan exemplares de castiñeiros dos máis altos do mundo e que é continuidade da Fraga de Quiroga ou de Catasós", Monumento Natural.

O trazado dunha liña de alta tensión por esta paraxe suporía cando menos a tala polo pé de 200 árbores, na súa maioría castiñeiros que están coidados para a produción de castañas e, por tanto, ben xestionados polos veciños e veciñas que propoñen o soterramendo da liña baixo a estrada N-525. Polo de agora a instalación da liña atópase en fase de moratoria, a expensas de que Fenosa e veciños cheguen a algún acordo. Aínda así, en calquera momento a compañía eléctrica podería proceder as obras.

Defendamos as nosas fragas!!!

Saúde, Terra e Lingua

Manolo