Galería Sargadelos (Lugo), venres, 29 de abril de 2011, ás 20.00 horas

 
 
Nesta velada falaremos do Monte do Seixo, unha das montañas sagradas máis espectaculares e á vez máis descoñecidas de Galicia. Un santuario a ceo aberto que aglutina tal riqueza mitolóxica, lugares de culto, restos megalíticos, e pedras sagradas que o converten nunha especie de parque temático do paganismo galaico máis ancestral.
 Deuses, Mitos e Ritos do Monte do Seixo de Rafael Quintía é un intento de interpretar e dotar dunha cohesión todo o enxoval mítico, simbólico e relixioso que atesoura o Monte do Seixo, así como de encadralo nun contexto histórico-cultural concordante co substrato simbólico atopado nesta montaña. Contémplase o libro, pois, como unha guía para coñece-lo significado que se agocha tras cada lenda e cada pedra deste santuario montesío, como un mapa para entende-los ritos que aquí se levan a cabo, para desvela-las antigas celebracións precristiás e para descubri-la presenza dos vellos deuses. O autor revélanos, en definitiva,  as claves mitolóxicas e simbólicas necesarias para interpretar e descubri-los segredos do Monte do Seixo, unha montaña única da xeografía sagrada de Galicia.
 No acto proxectarase tamén unha versión reducida do documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica, e contaremos coa presenza de João Bieites, realizador e codirector —xunto a Rafael Quintía e Calros Solla— deste traballo audiovisual, considerado o primeiro documental de longa duración sobre mitoloxía galega.
 

Agradécese á difusión