Petición creada por
Asociación Pola Defensa da Ría
 
O PP vén de aprobar no Congreso a modificación da Lei de Costas que, entre outras cousas, contempla a prórroga das concesións en terreos de dominio público por 75 anos máis; e aínda que para certas empresas (entre elas as do sector da pasta de papel) esta prórroga queda a expensas dun informe favorábel do goberno autonómico, o goberno central resérvase o dereito a non considerar o informe autonómico argumentando o interese xeral.

Unha prórroga de 75 anos a ENCE impediría definitivamente a recuperación da Ría, das nosas praias, da calidade de vida e da economía da comarca, que ten que vir da man da explotación racional dos recursos naturais e do turismo, unha economía sustentábel no tempo e incompatíbel coa presenza do complexo ENCE-ELNOSA na Ría. Por iso temos que impedir, por todos os medios, esta prórroga.

Somos conscientes de que o PP de Galicia defende os intereses da empresa ENCE, e abondan as probas da conivencia existente entre Xunta e complexo industrial. En calquera caso, o goberno galego ten insistido en numerosas ocasións na súa vontade de impedir –con ou sen modificación da Lei- a permanencia de ENCE en Lourizán máis alá do 2018. E nós temos que obrigarlle a cumprir as súas promesas; temos que obrigarlle a defender o interese social fronte ao interese particular dunha empresa que foi condenada por delito ecolóxico continuado, que sigue incumprindo a lexislación ambiental e que leva 50 anos destruíndo o medio ambiente, os recursos naturais, a calidade de vida e a economía da comarca. Temos que obrigar á Xunta de Galicia a esixir ao goberno central o respecto pola poboación da comarca que, maioritariamente, ten reiterado o seu desexo de que ENCE e ELNOSA abandonen a Ría antes do 2018. Non existe neste caso ningún interese xeral que poida xustificar o veto do goberno central, que suporía afondar máis no que sen dúbida é xa un caso grave de CORRUPCIÓN AMBIENTAL EN PONTEVEDRA!

VER MÁIS:

http://www.change.org/es/peticiones/xunta-da-galiza-impidamos-a-pr%C3%B3rroga-de-ence-en-louriz%C3%A1n?utm_campaign=signature_receipt&utm_medium=email&utm_source=share_petition