Andanzas, chanzas e danzas en Castroverde

Avances e retrocesos na expresión oral

Achegas de

Xosé María Gómez Vilabella

Xa sei que me estou metendo en camisa de once varas, así que…, ¡botarei man das pinzas! Os da miña xeración tivemos dous verdugos, ¡dous!, que fixeron os posibles por afogarnos, por anula-la nosa personalidade: os castrapismos e mailo latín da nosa Igrexa. Eu tiven a sorte, ou o acerto, -xa o contei máis veces-, de pedir como regalo duns parentes en lúa de mel que me trouxesen da Coruña un “ITER” de peto, que o fun aprendendo/dixerindo de paso que alindaba nas vacas. Con este dicionario memorizado, ou case, descubrín que non era exactamente igual a lingua dos libros autorizados, ¡os galegos queimáraos meu pai, como mal menor!, que a utilizada polos propios mestres no seu ensino escolar. En canto ó latín, axudar á Misa, letanía, responsos, etc., unha certa memoria coa que cheguei a este mundo axudoume a representar o meu papel de papagaio na gaiola de Deus, de tal xeito que nunca nada de min mesmo lle dixen; ¡e se me entendeu foi, exclusivamente, por ser Deus!

Pero aquel país gustábame, ¡afellas que si! A xente era cortés, afable, concreta, expresiva, diplomática, agradecida…Tiñamos un ronsel de metáforas escumosas, sutís, e outro de adxectivos preciosos, variados, matizados…; pero un milleiro deles non eran traducibles, non entraba naquel ITER un equivalente dos mesmos, pois o castelán é tan seco como poda selo a propia Castela. ¡Quixeron illarse da substanciosa Gallaecia, e así lles foi, que se levaron a madeira pero deixáronnos o zume!

Só para mostra, o primeiro que se me ocorre, sen rebuscar nadiña:

-¿Que foi o que che dixen, qué pasa para que escarrameles os ollos desa maneira?

-Esa miñaxoia deixouse querer dese larpeiro, e tivo un fillo bravo.

-Ó saír, pecha a porta. (¡Que é algo máis que cerrar!)

-Escachouse de risa.

-A saudade puido máis cá el, e non deu feito as Américas.

-Namoreime de ti porque…, ¡es un feitizo de muller!

-Ese veciño, ademais de abesullón é un saltasucos.

Pediámo-las cousas por favor; e de favor cualificabamos todo tipo de atencións:

-Faría o favor de dicirme/ou de facer, isto, aquilo…

-Se non lle causa molestia, gustaríame que…

-Deus llo pague…

-¡Portouse tan ben comigo, que nunca a obriga lle pago!

-Aquí me ten, pro que guste mandar…

Os saúdos eran saúdos; auténticos e cordiais:

-¿E logo, que tal lle vai? ¿E na casa…? ¿Malas, ningunha; ou si?

-Alédome de velo tan rufo…

-¡Ai, muller, que ben te conservas; por ti non pasa o tempo…!

Termos expresivos, definitorios:

-¡Afellas que si!

-¡Iso foi…, descantiá!

-Pasou á tardiña, mesmo entre lusco e fusco.

E paro, que non se trata de facer un libro, senón unhas simples reflexións, ou evocacións. Así que, veñamos ó presente: ¡en lingua, expresións telegráficas; monólogos, que non diálogos; puro marketing (mercadotecnia ou comercialización, segundo o contexto), de executivo agresivo!

-¿Está Fulano/Mengano/Citano? ¡Dígalle que se poña! (¡Pois non, non señor; que primeiro ten que identificarse a persoa que chama/a que molesta/a que interrompe! ¡Que menos que presentarse! Son Fulano de Tal; ¿podo falar co señor X/ou coa señora Z?! E xa non digamos eses que preguntan: -¿E logo, qué teléfono é ese? -¡Cal vai ser, o que vostede marcou!)

-¿Onde queda a rúa tal/a tenda cal? (¡Un momento, que vostede está parando a un señor/señora que igual leva un peso enriba, ou ten présa, etc.! ¿Que lle custa un breve saúdo? –¡Perdón! Ou, ¡Desculpe! Boas tardes. ¿Podería indicarme…?)

-Estou a facer un santo cunha navalla… (¡Alto aí, que vostede estará facendo o que queira, todo menos abusar dun infinitivo, que é igual que dicir o nome dun verbo, que para algo adoitan ser personificables, conxugables!)

-…dicir que… ¿Que? ¿É un imperativo ou un afirmativo? Vaino dicir vostede, ou quere que o digamos nós, pero en anónimo, non da súa parte?

-…isto é o que está a pasar… Entenderíase, p.e., se perfeccionásemos a frase: …Isto é o que está a piques de pasar. Ou calquera outra fórmula lóxica e acorde cunhas circunstancias temporais. ¿Quen inventou estes disparos con pólvora de fogueo, sen efectividade? ¡Un galego coido que non!

-¡Nos vemos! (Se “nos vemos” é que o estamos facendo, en presente; pero se a intención, ou o desexo, é de volver a vernos, daquela haberá que dicilo doutro xeito, ¿non si?

Con iso de que agora ninguén se garda de ninguén para contestar por medio dese anano que adoitamos levar no peto, ¡óese cada cousa…! ¡Puro telegrama, pero, fórmulas de cortesía, cero!

A importancia do que se quere dicir, ¡do que se quere dicir ben dito!, recollina eu, de cativo, un día de primavera, gardando nas ovellas: Un rapaz, que por certo aínda vive, pero tampouco é cousa de sacarlle as cores, estaba cavando, e eu cerca del, tombado nunha sombra, co meu repetido ITER entre mans, pero el non me vía. Lémbrome que era a véspera do San Bernabeu. O rapaz deulle a volta ó último terrón da rengue, e púxose a falar co rabizo da aixada: “Se ti foses a María Manuela de Suegos, eu achegaríame todo serio e formal, pero sorrindo: ¿E logo, Manuela, qué tal; acórdaste de min? ¡Pero mira que estás guapa…, aínda máis có día da Santa Eulalia, que bailamos aquela peza…! ¿Lémbraste? Desde aquel día é que mesmo soño contigo, a diario! Gustáchesme tanto, que vin á festa máis ben por verte…, así que, se outra palabra non deches, gustaríame bailar e parrafear contigo!”. Retireime gateando, que aquel ensaio era sacro, ¡e foino, pois acabaron no altar, e levan máis de medio século de convivencia pacífica! ¿Que mozo de hoxe en día se pararía a matinar de qué xeito ligaría, requiriría, á moza dos seus soños?

O que aínda non sei, ¡quédanme tantas cousas sen saber, pero o caso é que para algunhas non temos interlocutor válido!, é o motivo de que haxa libros de protocolo oficial, modelos para cartas comerciais, etc, ¡pero extinguíronse os de cortesía, e iso que “cortesía” ven de Corte, e non de cuadra!

Co galego en particular estou observando que, ó non mamalo, ó non purificalo no seo, na calor do fogar, e case diría que, ó reinventalo, por culpa da súa agonía no franquismo, estanos saíndo máis bruto e máis eslamiado que un arado de pau! Na radio, na tele, nas oficinas públicas, etc., aprenderon a falalo de libro, por apuntes, sen vivencias, sen botarlle cariño, sen pensar moito o que se vai dicir, sexa polas présas ou porque llelo dan escrito, así que utilizan iso do “papagaio”, máis ou menos como facía eu co latín na miña parroquia. ¡A miña esperanza, se algo me queda diso, é que a nosa xente volva a sentilo, a vivilo, que se sae do corazón a cousa cambiará, moito, e volverán os mozos a parrafear con sentimento, con dozura e con poesía, que facelo doutro xeito non é namorar, senón mercar, e iso da compra – venda está para as cousas, nunca para a xente que se teña por tal!

____