Lugopatrimonio
Desde a Asociación Cultural Amigos do patrimonio de Ccastroverde e o seu Diario Dixital saudamos a unha nova asociación cultural para a defensa e divulgación do patrimonio lucense, LUGOPATRIMONIO. Seguro que os nosos obxectivos comúns hannos de irmandar en máis dun cometido e idénticas ilusións.

Estes son os seus idearios segundo rezan os seus estatutos. Desexámoslles toda sorte de éxitos e longa vida.


Obxectivos

Son fins principais da asociación:

a.-Defensa, promoción e uso do idioma galego no camiño da súa normalización, pois representa a maior riqueza patrimonial creada polo pobo galego. A este fin, o idioma galego é a expresión propia e oficial usada en todos os ámbitos da Asociación.
b.- Defensa do Patrimonio material e inmaterial recollido este no seu sentido máis amplo e dentro do territorio da provincia de Lugo.
c.- Promoción e realización de actividades de todo tipo encamiñadas á súa divulgación e xeral coñecemento.
d.- Edición e propagación de traballos que o popularicen.
e.- Cantas outras actividades lícitas que sexan da conveniencia e dos intereses comúns dos asociados e asociadas.

LugoPatrimonio, amais do seu carácter reivindicativo, ten tamén como fins a busca de solucións e proxectos que axuden a resolver o deterioro, esquezo ou silenciamento do noso patrimonio.

Criterios xerais de actuación

Ao ter carácter provincial, LugoPatrimonio realizará actos por toda a provincia en colaboración, sempre, coas entidades locais, de tipo cultural, de defensa do patrimonio ou calquera outro, que estexan interesadas na difusión e conservación do noso patrimonio.

As Viaxes programadas por LugoPatrimonio serán presentadas polos guías que as dirixan nun acto público anterior á propia viaxe, no que se dará a coñecer o itinerario e os puntos e monumentos a visitar.