A Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde organizou este sábado unha emotiva xornada de Recoñecemento a Felipe Arias Vilas polo seu compromiso sostido coa defensa e posta en valor do patrimonio cultural e natural de Galicia, e moi especialmente do concello de Castroverde. O acto celebrouse no centro sociocultural Paco Pestana e contou coa asistencia duns 50 participantes, entre os que se atopaban amigos, compañeiros de profesión, representantes do mundo da cultura e veciñanza.
As intervencións foron conducidas por Manuel Muñiz, presidente da Asociación, e nelas participaron persoas que compartiron con Felipe distintos momentos da súa traxectoria profesional e vital, como Enrique González Muñoz, Elena Varela, Ánxela Gracián, Ricardo Polín ou Suso Trashorras. Entre todos construíron un retrato coral dunha figura clave para a museoloxía galega e a protección do territorio, tanto desde os seus cargos institucionais como desde o seu labor como investigador e divulgador.
O recoñecemento puxo en valor non só o labor de Felipe Arias como director do Museo Provincial de Lugo, do Castro de Viladonga ou do Museo do Pobo Galego, senón tamén o seu papel como inspirador e colaborador da propia Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, coa que mantivo unha relación estreita ao longo dos anos.
A xornada tamén foi unha oportunidade para reivindicar a importancia do patrimonio local e denunciar a súa progresiva desatención, ao tempo que se destacou a necesidade de seguir promovendo unha visión a longo prazo, pausada e rigurosa, como a que sempre caracterizou a traxectoria de Arias.

O acto completouse cunha visita á Torre da Fortaleza, espazo simbólico de gran valor histórico para o municipio, e cun xantar de confraternización onde se continuou celebrando a súa figura e compartindo lembranzas.

Asociación Cultural Amigos do Patrimonio de Castroverde

e_mail: amigospatrimoniodecastroverde

Pax.: http://amigosdopatrimoniodecastroverde.gal/

https://www.facebook.com/Asociación-Amigos-do-Patrimonio-de-Castroverde-929206073837352/

https://www.youtube.com/channel/UCW1x5lmjoMbAvv1xZkpeXGg

Teléfono: 659.523.960

Se non é imprescindible non imprima esta mensaxe.
Favorecerá a súa economía e o medio ambiente