XLVI ROMAXE – A terra quer coidados

14 de setembro de 2024- Lodoselo, Sarreaus (A LIMIA-OURENSE)

No día de hoxe unha representación da Asociación Amigos do Patrimonio participamos na XLVI Romaxe. Pasadas as 11:00 h. chegamos a Lodoselo. Nun marco que engaiola, o patio da casa rectoral de Lodoselo, os anfitrions agasalláronnos con ”pinchos” con base na pataca. Graciñas aos organizadores!.

Pasadas as12h, comezou a celebración acompañada pola música do grupo A Quenlla. Logo do xantar compartido, animou a sobremesa unha foliada e distintas actuacións musicais, un pouco antes das 18.00 clausura do acto.

Dende a primeira Romaxe de crentes galegas e galegos, Irimia sempre reivindicou e denunciou as situacións sociais que se dan no país, así como apoiou e puxo en valor as pingas de choiva que en cada lugar coidan da Terra. Este ano quixo facer fincapé nun pensamento coidadoso: non decidir nunca polos demais. A comunidade ao servizo da comunidade. Apoiando iniciativas de axuda mutua entre a veciñanza. O coidarme, coidarte, coidarnos como xeito de ser e estar no noso medio.

A primeira Romaxe naceu a carón do Pedregal de Irimia, e foi percorrendo diferentes lugares de Galicia. Dende entón, a Asociación Irimia camiña participando en iniciativas a prol do noso país, así como editando unha revista dispoñible online (www.irimia.gal). A Romaxe de Crentes Galegos reúne cada ano a centos de persoas nunha singular romaría itinerante.

A celebración da Romaxe deste ano centrouse na necesidade dos coidados. Coidar da xente, coidar da terra. Coidando da xente coidamos a terra e coidando a nosa terra coidamos da nosa xente. Galicia, e máis aínda, a Galicia rural, ten que transformarse nun lugar de coidados, con creatividade, con solidariedade, con iniciativas sociais e políticas públicas adaptadas. Como en Lodoselo, facer da nosa tradición e maneira de vivir unha fonte de inspiración para o coidado da vida que dá vida. Iso foi o que se celebrou.

Saúde, Terra, Lingua e Patrimonio

Manolo M. B.