José María Fórneas Besteiro, o arabista de Castroverde
O día 23 de setembro, a Asociación de Amigos de Castroverde, dirixida polo profesor Manuel Muñiz, vai ofrecer, na comarca, varias actividades culturais, unha delas, sorprendente ou non sospeitada: unha especie de recoñecemento ao meu «labor intelectual». É certo que son, desde hai bastantes anos, membro de honra da asociación, nomeamento que, por certo, no seu día, tamén me sorprendeu a min. Rebus sic stantibus, teño a obriga de corresponder con algo que teña algunha utilidade cultural: nesta ocasión, algúns datos e algunhas observacións sobre un persoeiro da Filoloxía semítica española, nado e criado en San Paio de Arcos, do municipio de Castroverde.
Refírome a José María Fórneas Besteiro (1926-2003), que foi catedrático de lingua árabe, por oposición, na Universidade de Granada. No ano 1955 xa exercera como profesor na Escola de Idiomas de El Cairo. Na Facultade de Granada coincidiu con outro eminente arabista, tamén galego, Darío Cabanelas Rodríguez (1916-1992), franciscano, que nacera en Trasalba (Ourense), onde, de cativo, coidou do gando na casa semifidalga de don Ramón Otero Pedrayo, e foi don Ramón, consciente da valía daquel neno, quen o orientou e estimulou nos primeiros estudos. (Debo estes dous datos ao latinista trasalbés Eduardo L. Pereira, quen, de rapazolo, axudaba nos oficios relixiosos ao padre Cabanelas).
Eu falarei en Castroverde do insigne arabista Fórneas Besteiro do que fun moi amigo nos nosos anos universitarios de Madrid. Licenciouse en Filoloxía Semítica en 1952, pero coincidimos en varias clases porque el cursaba, coma min, a especialidade de Filoloxía Románica, na que se licenciou en 1953, tamén coma min. Nese curso presentou, como traballo escolar, a Vicente García de Diego, na cátedra de Dialectoloxía española, un extenso estudo sobre o léxico de San Paio de Arcos, que a asociación, de ter unha pequena axuda, non tardará en editar. Pero o día 23, na miña alocución, tamén falarei doutros nomes ilustres das terras de Castroverde, nomeadamente da mestra e loitadora revolucionaria Enriqueta Otero (1910-1989) e da conmovente poeta Ánxela Gracián.
Deixa unha resposta