EÓLICA ASÍ NON – NON IMOS CALAR.

https://www.nosdiario.gal/…/20220315121740139146.html

A coordinadora Eólica así non avanzou esta terza feira en rolda de prensa a convocatoria dunha concentración fronte ao Parlamento da Galiza e a sede da Valedora do Pobo para o vindeiro 23 de marzo, ás 12 horas. Deste modo, as máis de 175 entidades de todo o país que conforman a coordinadora denunciarán o "recorte de dereitos democráticos promovido polo Goberno da Xunta para facilitar a autorización de proxectos eólicos e favorecer as eléctricas".

Os colectivos lamentan as "trabas e dificultades" ás que se vén sometidas "por parte das administracións públicas" para presentar alegacións ou participar "en condicións de igualdade" nos órganos consultivos e na planificación enerxética do país. Neste senso, acusan o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, de "abusar da súa maioría absoluta" para promover reformas legais "que son auténticos golpes de estado contra os dereitos democráticos de información e participación públicas".

O sistema enerxético galego a debate nas páxinas de ‘Nós Diario’

"Os feitos corroboran que as chamadas ‘leis de depredación’ [Lei de fomento da
implantación de iniciativas empresariais de 2017 e Lei de simplificación
administrativa de 2021] foron concibidas polo goberno do PP para eliminar garantías ambientais, facilitar a expropiación de terras, privatizar os recusos públicos e poñer obstáculos á contestación social", indican.

A sociedade galega, din, fica "nunha posición de absoluta indefensión e discriminación fronte as promotoras". "Recentemente, o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza considerou contrario a dereito o recorte de prazos de consulta pública impulsado pola Xunta de Feixoo para alegar aos estudos de impacto ambiental. O fallo reprende a Administración galega por vulnerar dúas directivas europeas e a Lei de avaliación ambiental. Con todo, a Xunta aínda non dispuxo ningunha medida de reparación legal sobre os numerosos procedementos de consulta pública recortados en prazo e relativos a proxectos eólicos denominados de ‘interese especial’", sosteñen desde Eólica así non.